Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Cidade da Cultura de Galicia
Edificio da Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n. CP 15707
Santiago de Compostela
aemigracion@consellodacultura.gal
Tel: +34 881 995 143 | +34 881 995 148
Noticias

AEG / NOTICIAS. 1 a 20 de 73
10/01/2020
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan o “Estudio sobre emigración”
En pleno éxodo migratorio a América, Eduardo Vincenti y Reguera publicou un texto que ofrecía informacións precisas e útiles para orientar aos que xa decidiran marchar. “Estudio sobre migración” foi un texto innovador no formato e atípico no seu contexto que agora o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan en formato facsimilar dentro da colección Clásicos da Emigración. A presentación tivo lugar esta mañá a cargo dos responsables desas dúas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, que destacaron a relevancia de poñer á disposición da sociedade unha obra que axuda a entender o fenómeno migratorio. Canda eles estaban o director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e o autor do prólogo, Raúl Soutelo. A publicación xa se pode descargar deste o web do Consello da Cultura Galega.
10/12/2019
O Consello de Comunidades Galegas insta a poñer en marcha dúas propostas do Consello da Cultura Galega
O informe coas directrices para a posta en marcha do Museo das Migración Galegas e o Plan Director do Patrimonio Documental das Sociedades Galegas no Exterior son dúas iniciativas elaboradas polo Consello da Cultura Galega e presentadas no XII Pleno do Consello das Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela entre os días 3 e 4 de decembro. Estes dous informes, relevantes para o estudo, preservación e difusión da memoria da emigración galega, figuran como prioritarios nas conclusións elaboradas pola ponencia de cultura deste organismo.
12/11/2019
O Consello da Cultura Galega homenaxea os navegantes galegos en “Inventio mundi”
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou esta tarde no Museo de Pontevedra a última exposición producida pola institución. Chámase «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII» e tal e como explicou a presidenta “ten unha dobre condición, a de traer á memoria unha parte importante da historia de Galicia e de homenaxear aos esforzados navegantes galegos que abriron os camiños do mar, atopasen ou non gloria na empresa”. Pola súa parte, o director do museo, José Manuel Rey, destacou que “poucas cidades como Pontevedra terán un pasado tan estreitamente vinculado co mar e darían á Historia tantos navegantes; e poucos museos terán aos mariños e navegantes tan presentes entre as súas coleccións”. A mostra toma un punto de partida, a primeira circunnavegación do planeta, a expedición Magalhães/Elcano cando se cumpren 500 anos da súa partida. Ofelia Rey é a comisaria desta mostra que se pode ver ata o 14 de xaneiro.
07/11/2019
Expertos destacan no Consello da Cultura Galega a profunda relación histórica coa Habana
“Hai un vínculo que nos une dunha maneira especial coa Habana” indicou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración do congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas”. A primeira sesión serviu para coñecer a historia galega desta cidade e a pegada cubana na nosa literatura. A cita continúa este venres 8 coa análise dos movementos migratorios entre ambos territorios e as influencias culturais mutuas da man de Pilar Cagiao, Xosé Manoel Núñez Seixas, Cira Romero ou Luis Toledo Sande. Como complemento do congreso, no serán deste xoves inaugurouse no Museo do Pobo a mostra “O soño cubano da emigración galega” (aberta ata o 22 de decembro) que recupera a fortaleza, continuidade e visibilidade da presenza galega na capital cubana. Ademais, o Auditorio de Galicia acolleu o concerto “Foliada Habaneira” a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón.
07/11/2019
Un especial web pon en valor o labor social e cultural do Centro Galego da Habana
O Arquivo da Emigración Galega acaba de facer público o especial “Centro Galego da Habana”, no que destaca o labor social e cultural deste centro, referente da colectividade galega residente en Cuba. A iniciativa dase a coñecer na semana na que o Consello da Cultura Galega revisa a conexión galega coa cidade da Habana a través dun congreso e unha exposición, ao tempo que se celebra o aniversario da creación deste centro en novembro de 1879.
06/11/2019
Un congreso, unha exposición e un concerto profundan desde Santiago na conexión galega coa Habana
Galicia ten unha conexión histórica moi especial coa cidade da Habana. Un vínculo que o Consello da Cultura Galega analiza cun programa de actividades que terá lugar mañá en Santiago de Compostela. Pola mañá comeza o congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas”; pola tarde, o Museo do Pobo (19:00 horas) acolle a inauguración dunha exposición que recupera a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na capital cubana. Pola noite, soarán muiñeiras e danzóns na Foliada habaneira que terá lugar no Auditorio de Galicia (21:00 horas) a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os coordinadores deste programa que chega agora a Santiago pero que arrincou na Habana o pasado mes de outubro.
04/11/2019
A exposición “Os Adeuses” inaugúrase hoxe en Florida no marco dun congreso sobre hispanistas
É a mostra que documenta os últimos momentos da emigración galega a América. “Os adeuses” narra a partida a través de 51 fotografías realizadas por Alberto Martí nos portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Despois de itinerar en numerosos destinos de España, Portugal e Brasil, chega agora ao Schmidt Center Gallery Public Space da Florida Atlantic University (FAU) onde estará ata o 13 de decembro. A inauguración terá lugar hoxe (5:30 PM, hora local) e estará presente a profesora da Hofstra University, Benita Sampedro Vizcaya.
31/10/2019
A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa cónsul de Cuba en Galicia
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá no seu despacho coa cónsul de Cuba en Galicia, Yahima Martínez Millán. Na xuntanza estableceron colaboracións no marco da revisión histórica que o Consello da Cultura Galega está a realizar sobre a relación entre Galicia e a Habana. A presidenta informouna das vindeiras actividades que revisan esta conexión no momento en que se celebra o 500 aniversario da creación da cidade da Habana.
18/10/2019
O Consello da Cultura Galega participou en Boal nun simposio que analiza a prensa da emigración
Cúmprese o centenario do nacemento do xornal “Progreso de Asturias”, unha efeméride que o concello de Boal (Principado de Asturias) quixo conmemorar dedicando a III edición do seu habitual simposio sobre emigración á prensa. O Consello da Cultura Galega participou nel esta mañá cun relatorio que se centrou en explicar a imaxe de Galicia na prensa da emigración.
14/10/2019
Dispoñible na rede a versión actualizada do Repertorio da prensa galega da emigración
A emigración galega foi moi frutífera na creación de boletíns, xornais, revistas... e diferentes tipos de publicacións periódicas. O Repertorio deste tipo de prensa xestado na emigración suma preto de 756 referencias hemerográficas. A listaxe é froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Peña a finais dos noventa e que agora se actualiza.
14/10/2019
O Consello da Cultura Galega recupera a relación histórica coa Habana no quinto centenario da súa creación
O 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará cun intenso programa que arrinca mañá na capital cubana coa inauguración dunha exposición. “O soño cubano da emigración galega é moito máis que unha mostra, é o percorrido que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana” explica o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas. Xunto con María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre por primeira vez a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. O programa deseñado para conmemorar esta cita inclúe, alén da mostra, conferencias e un congreso que se realizará en novembro en Santiago.
03/10/2019
O Consello da Cultura Galega leva a Redondela a mostra que recolle o legado educativo da emigración
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguran mañá en Redondela a mostra “Luces de alén mar”, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver na sala de exposicións do Multiusos da Xunqueira ata o día 31 de outubro.
02/10/2019
O Consello da Cultura Galega participa en Bélxica na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)
A vixésimo novena xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que reúne institucións relacionadas con temática migratoria, arrinca mañá no Red Star Line de Antwerpen (Bélxica). O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio no que abordará as singularidades da nosa emigración. A cita deste ano, que durará ata o sábado, está centrada en coñecer como se documenta a memoria dos movementos migratorios.
16/07/2019
O Consello da Cultura Galega presenta a reedición de “La Emigración en Galicia”
Cada emigrante ten o seu propio relato e a suma de todos eles conforma a imaxe do que foi o feito migratorio no noso país. No marco do traballo de investigación sobre este fenómeno relevante para a historia de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará mañá a reedición de “La emigración en Galicia”, a obra que Ramón Castro López publicou en 1923 e que reconstrúe unha visión atípica, caracterizada por ser máis positiva da imaxe habitual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; xunto con Xosé Manoel Núñez Seixas, director do Arquivo da Emigración Galega; e Ramón Villares, autor do prólogo da obra que abre a colección "Clásicos da Emigración", participarán no acto de presentación deste volume. Na rolda darán conta da relevancia deste traballo no conxunto da emigración galega.
09/08/2018
"Luces de Alén Mar" visita Ares
En 1904 un grupo de emigrantes aresáns residentes na Habana reúnense coa finalidade de construír unha escola na súa terra natal e potenciar a educación entre os seus paisanos. Fundan a asociación “Alianza Aresana de Instrucción”, unha das primeiras sociedades instrutivas da nosa emigración e en 1909 inauguran cunha gran festa o magnífico edificio escolar que leva o seu nome e que aínda hoxe desfrutan os seus veciños.
Non é a única mostra da beneficencia dos emigrantes aresáns para cos seus paisanos: a “Agrupación Instructiva de Redes y Caamouco” (creada en 1911) logra construír e manter a escola da Tenencia, en Redes, inaugurada en 1915 ou a escola de Cervás, construída en 1925 grazas ao labor do “Centro de Instrucción, Protección y Recreo de Cervás”. Tamén a parroquia de Seselle, pola filantropía dun destacado indiano, Gaspar Vizoso Cartelle, logrou ter un centro educativo no que estudaron varias xeracións de nenos.
Se queres coñecer máis datos sobre estas escolas e o gran labor benéfico dos emigrantes aresáns podes consultar a web do Arquivo da Emigración Galega ou visitar a súa exposición “Luces de Alén Mar” que estará na vila de Ares do 17 ao 19 de agosto, como unha das actividades culturais durante a celebración do Ares Indiano. No Casino Aresano poderase desfrutar da mostra de grande formato. Tamén estará dispoñible no local social de Caamouco, nunha versión máis reducida. Deixamos aquí un enlace directo que achega máis información sobre esta festa: Ares Indiano
07/07/2017
O Consello da Cultura Galega recupera material da emigración no marco do Ribadeo Indiano
Ribadeo é un exemplo do legado deixado pola emigración visible nun rico patrimonio arquitectónico. Escolas, fontes, igrexas e casas evidencian a pegada dunha época e, durante esta fin de semana, tamén serven de escenario para a recreación da vida no século XIX. Esta festividade, coñecida como Ribadeo Indiano, marca o contexto no que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello local asinarán un convenio que permita recuperar fondos particulares da emigración. Ademais, o CCG estará presente coa exposición “Os adeuses” e cunha conferencia que ofrecerá mañá sábado o presidente da institución, Ramón Villares, arredor do fenómeno migratorio.
30/09/2016
A 26 Conferencia Anual da AEMI conclúe coa reivindicación das migracións como elemento clave da Historia da Humanidade
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e Maddalena Tirabassi, vipresidenta da AEMI, clausuraron o encontro no que destacaron a necesidade de preservar o legado das migracións e a importancia da existencia de institucións que conserven a súa memoria histórica para entender mellor a sociedade contemporánea.
07/06/2016
Posta en marcha no Concello de Ribadeo do Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega
O ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA e o Concello de Ribadeo queren facer partícipe á cidadanía neste proxecto de reconstrución da memoria colectiva da emigración galega. Esta iniciativa, de carácter permanente, arranca no marco da Terceira Edición do RIBADEO INDIANO, que será celebrada os vindeiros 8, 9 e 10 de xullo.
05/11/2015
X Ciclo de conferencias organizado pola Cátedra UNESCO 226 sobre Migracións, da Universidade de Santiago de Compostela
Actividade coordinada polos profesores Julio Hernández Borge e Domingo Luís González Lopo. As diferentes intervencións terán lugar o vindeiro 13 de novembro na Facultade de Xeografía e Historia da USC, a partir das 10.00h.
23/09/2015
O Consello da Cultura Galega participa na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) en Turín
“Europa e as migracións no terceiro milenio” é o título da xuntanza anual da Asociación Europa de Institucións Migratoria (AEMI) que se desenvolve ata o sábado en Turín, Italia. Nesta cita estará presente o Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio que ofrecerá unha visión das novas mobilidades de migración en Galicia.
Seguinte Último
DESTACADOS
Arquivo da Emigración Galega//Captación de fondos
Especial web// Arquivo da Emigración Galega
Fondos documentais//Novidade
Trátase dun primeiro instrumento de descrición das publicacións conservadas polo Arquivo da Emigración Galega en diferentes soportes (papel, dixitalizadas, microfilmadas, etc.), co fin de facilitar a súa localización aos investigadores e demais interesados na temática emigratoria
Documentos, fotografías, obxectos, películas....calquera formato que recolla a historia da emigración serve. O Arquivo da Emigracion Galega recupera este patrimonio no marco dun proxecto que abre novos camiños. Agora, o Concello de Ribadeo abre unha vía permanente para documentar o legado da emigración. Neste folleto tes toda a información.
A publicación que xuntou a intelectualidade galega residente en Arxentina nos anos 20
Entre Arxentina e Galicia, máis de 1600 cartas para coñecer as relacións de Seoane cos intelectuais das súas dúas patrias.
Últimas NOTICIAS
10/01/2020
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan o “Estudio sobre emigración”
10/12/2019
O Consello de Comunidades Galegas insta a poñer en marcha dúas propostas do Consello da Cultura Galega
12/11/2019
O Consello da Cultura Galega homenaxea os navegantes galegos en “Inventio mundi”
07/11/2019
Expertos destacan no Consello da Cultura Galega a profunda relación histórica coa Habana
07/11/2019
Un especial web pon en valor o labor social e cultural do Centro Galego da Habana
06/11/2019
Un congreso, unha exposición e un concerto profundan desde Santiago na conexión galega coa Habana
04/11/2019
A exposición “Os Adeuses” inaugúrase hoxe en Florida no marco dun congreso sobre hispanistas
31/10/2019
A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa cónsul de Cuba en Galicia
18/10/2019
O Consello da Cultura Galega participou en Boal nun simposio que analiza a prensa da emigración
14/10/2019
Dispoñible na rede a versión actualizada do Repertorio da prensa galega da emigración

Consello da Cultura Galega en Facebook Consello da Cultura en Twitter

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205