Unha das finalidades do Arquivo da Emigración Galega é a recuperación e salvagarda do patrimonio cultural da emigración galega, centrándose na recompilación da documentación existente, ben no seu soporte orixinal ben mediante a súa microfilmación. A súa intención é ademais constituír un centro ou banco de referencias documentais (gráficas, bibliográficas, estatísticas, sonoras, literarias e artísticas) sobre o fenómeno migratorio nas súas diversas modalidades ao longo das súas distintas etapas, indicando a localización exacta de todos os materiais para axilizar a súa consulta.
Os fondos documentais do AEG clasifícanse en:
- Documentación de organismos oficiais españois, como as Fontes Municipais que se conservan nos concellos galegos. Localizamos as fontes que existen practicamente en todos os concellos (censos, padróns, listas de quintas, documentación relacionada con obras financiadas pola emigración, etc.). Destaca a recuperación dos chamados Libros de Emigrantes, nos que aparece o rexistro dos emigrantes dun concello durante un período de tempo e dos que contamos con copia dos libros de Dumbría, Vedra, Cervo, Lalín e Brión.
Tamén se poden encontrar as fichas pertencentes á Delegación provincial da Coruña da Comisión Católica Española de Migraciones de gran parte dos galegos que emigraron a través deste organismo desde 1957 até os anos 70.
- Documentación de organismos oficiais dos países receptores dos emigrantes galegos, entre as que cómpre destacar a base de datos elaborada polo Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos co rexistro de todos os españois que entraron polo porto de Bos Aires no período desde 1882 até 1928.
- Documentación da colectividade emigrante galega, que comprende os fondos de moitas das sociedades galegas da emigración (tanto en América como Europa e mesmo España). Esta documentación abarca libros de actas das xuntas directivas, libros de socios, libros de contabilidade, memorias sociais, estatutos, libros de correspondencia e folletos.
- Fondo de publicacións periódicas editadas polos galegos nos diferentes países onde se radicaron.
- Arquivos de particulares protagonistas do fenómeno migratorio galego: fotografías familiares, epistolarios, etc. que se conservan nas familias e que serven para dar outra dimensión ao estudio das correntes migratorias.