Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Cidade da Cultura de Galicia
Edificio da Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n. CP 15707
Santiago de Compostela
aemigracion@consellodacultura.gal
Tel: +34 881 995 143 | +34 881 995 148
Noticia

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración lembran o vínculo de Celanova con Cuba na inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”

A Casa dos Poetas de Celanova acolleu esta mañá a inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”, unha proposta do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou no acto o “intenso vínculo entre Cuba e Celanova e que ten un dos seus máximos expoñentes na figura de Curros Enríquez”. Unha relación na que incidiu tamén o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen lembrou que “na actualidade viven neste país americano máis de 13.000 descendentes de ourensáns”. O alcalde de Celanova, Antonio Puga, dixo na súa intervención que “sen a emigración galega en Cuba é moi posible que hoxe non só non existise a Fundación Curros Enríquez, senón que probablemente nin existiría a propia casa que hoxe acolle esta mostra”. A exposición estará aberta ata o 24 de xaneiro.

Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre, por primeira vez, a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. A presidenta do CCG destacou o vínculo entre Galicia e Cuba que afondou na pertinencia desta parada en Celanova. “O próximo domingo cúmprense 112 anos da morte de Curros e foi precisamente no primeiro cabodano dun dos nosos grandes intelectuais cando se puxo unha placa na súa casa natal coa que se abriu un longo camiño de apoios e colaboracións dos galegos e das galegas de Cuba que contribuíu a construír esta casa e esta fundación” explicou.

“Dende a Secretaría Xeral da Emigración estamos moi satisfeitos con poder amosar en Galicia esta exposición que mostra a importancia da nosa pegada no exterior” apuntou Antonio Rodríguez Miranda. O secretario xeral da Emigración destacou que “non se pode falar de Cuba sen falar dos ourensáns, non só de Manuel Curros Enríquez, insigne veciño desta vila, senón tamén do fundador da librería La Moderna, José López Rodríguez, de Nan de Allariz, poeta, músico, escritor…, de José Docampo, o primeiro presidente da Unión Ourensana ou de Olga Negreira, impulsora da comisión xestora que refundou o Centro Unión Ourensana, sen esquecer ao actual presidente, Roberto Ogando, con quen a bo seguro a entidade terá unha longa existencia”.

O alcalde, Antonio Puga, lembrou que é “tan intensa e extensa a relación entre Celanova e Cuba que daría pé a unha propia exposición en si mesma”.

A exposición
“O soño cubano da emigración galega” pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegos a Cuba: abrangue desde a chegada dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.

A mostra, en palabras dun dos seus comisarios, Xosé Manoel Núñez Seixas, “permite coñecer unha relación que se remonta moito atrás e que se acentúa no século XX”. O comisario recoñece a dificultade de ter unha cifra exacta pero as estimacións apuntan a que a illa acolleu máis de 200.000 galegos. “Hai que ter en conta que os nados en Galicia chegaron a ser o 9% da poboación total da Habana” apunta Seixas. En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do galego emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.

Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia dende finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo.

Galicia-A Habana
A Habana foi, durante décadas, a segunda cidade do mundo con máis habitantes nados en Galicia, só superada por Bos Aires. Á altura de 1919, máis dun terzo dos inmigrantes españois en Cuba e o nove por centro dos habaneiros nacera en Galicia. Pero Cuba foi moito máis que o destino de milleiros emigrantes, foi o caldo de cultivo que mantivo viva a nosa intelectualidade. Non hai máis que ver a pegada que os colectivos galegos deixaron na Habana para facernos unha idea da efervescencia cultural e a importancia que tivo na nosa cultura. Ademais dos nomes, títulos e iniciativas que se fraguaron a principios do século XX, hai tres símbolos que marcan a nosa identidade que foron froito do espírito creador emigrado na illa: a bandeira, o escudo e o himno.

Esta exposición inaugurouse na Habana en 2019 co gallo da conmemoración do quinto centenario de creación da capital cubana. Chegou en novembro ao Museo do Pobo en Santiago de Compostela e itinerou por Vigo, Ares e chega agora a Celanova.
DESTACADOS
Explora as viaxes da emigración
Especial web// Arquivo da Emigración Galega
Fondos documentais//Novidade
Trátase dun primeiro instrumento de descrición das publicacións conservadas polo Arquivo da Emigración Galega en diferentes soportes (papel, dixitalizadas, microfilmadas, etc.), co fin de facilitar a súa localización aos investigadores e demais interesados na temática emigratoria
Documentos, fotografías, obxectos, películas....calquera formato que recolla a historia da emigración serve. O Arquivo da Emigracion Galega recupera este patrimonio no marco dun proxecto que abre novos camiños. Agora, o Concello de Ribadeo abre unha vía permanente para documentar o legado da emigración. Neste folleto tes toda a información.
A publicación que xuntou a intelectualidade galega residente en Arxentina nos anos 20
Entre Arxentina e Galicia, máis de 1600 cartas para coñecer as relacións de Seoane cos intelectuais das súas dúas patrias.
Últimas NOTICIAS
18/12/2020
O Consello da Cultura Galega sube á rede nova documentación sobre o fenómeno migratorio
09/12/2020
A colección “Clásicos da emigración” suma unha nova obra que amosa a Luís Seoane como poeta
04/12/2020
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración lembran o vínculo de Celanova con Cuba na inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”
11/09/2020
O Consello da Cultura Galega inaugura na Coruña “Inventio mundi”, a mostra que afonda na historia da navegación galega
21/08/2020
O Consello da Cultura Galega colabora na difusión do legado da emigración na terceira edición de Ares Indiano
10/07/2020
A colección “Clásicos da emigración” incorpora unha novela de Antón Paz Míguez
28/06/2020
Poñemos na rede unha edición de "O estatuto de Galiza” no aniversario do seu plebiscito
03/04/2020
O Consello da Cultura Galega amplía a colección Clásicos da emigración con “Cousas gallegas” de Fortunato Cruces
10/01/2020
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan o “Estudio sobre emigración”
10/12/2019
O Consello de Comunidades Galegas insta a poñer en marcha dúas propostas do Consello da Cultura Galega

Consello da Cultura Galega en Facebook Consello da Cultura en Twitter

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205