Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Cidade da Cultura de Galicia
Edificio da Biblioteca de Galicia, 1º andar
Monte Gaiás, s/n. CP 15707
Santiago de Compostela
aemigracion@consellodacultura.gal
Tel: +34 881 995 143 | +34 881 995 148
Noticia

A colección “Clásicos da emigración” suma unha nova obra que amosa a Luís Seoane como poeta

Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) foi un dos intelectuais máis completos da cultura galega. A súa figura, máis coñecida polo seu destacado traballo no ámbito das artes plásticas, cultivou moitas outras facetas. Hoxe, no marco da colección “Clásicos da emigración” que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración, preséntase Fardel de eisilado, que amosa tamén a súa faceta poética. O profesor de lingua e literatura Gregorio Ferreiro Fente é o encargado do detallado estudo desta obra. Ademais, o CCG enriquece a publicación deste volume, que xa se pode descargar no sitio web da institución, con fotografías procedentes do Arquivo da Emigración Galega.

Fardel de eisilado ía chamarse inicialmente Fardel de emigrantes, porque para Seoane non hai distinción entre emigración e exilio, para el son persoas que foron expulsadas da sociedade” asegura Gregorio Ferreiro, autor do estudo introdutorio desta obra. É a quinta entrega da colección Clásicos da emigración e presenta a versión facsimilar dunha obra que nos achega unha parte moi persoal de Luís Seoane cando se cumpren 110 anos do seu nacemento. “Aquí céntrase na súa experiencia como exiliado, que tamén se pode trasladar ao ámbito do exilio en xeral” asegura Gregorio Ferreiro. O propio Seoane confesaría pouco antes de morrer que este icónico poemario foi “un dos seus libros máis queridos”.

"A xénese do poemario hai que situala a bordo Highland Princess, paquebote de bandeira británica no que, en 1949, Luís Seoane fai unha viaxe de Londres a Bos Aires con escala no porto de Vigo. Di Ferreiro no estudo que o artista sente a necesidade de versificar “aguilloado por un sentimento de derrota persoal, por pura necesidade de expresar o seu desacougo”. O libro tardou tres anos en cobrar forma e o proxecto mudou bastante neste tempo. Estaba concibido inicialmente como un álbum ilustrado con poemas e non como poemario. O texto final conserva seis dos oito poemas do proxecto primixenio e engade outros oito de nova factura.

“El fai unha poesía prosaica que pretende comunicar unha mensaxe; pretende expresar unha realidade social, un problema…” asegura Gregorio Ferreiro, que destaca o coidado uso da linguaxe pero, sobre todo conecta a innovación na súa poesía con toda a súa traxectoria creadora. O libro é unha das primeiras mostras da poesía socialrealista que irrompeu no sistema literario galego da época e que tivo a Celso Emilio Ferreiro como o seu máximo expoñente.

O Fardel alcanzou, como se asegura no estudo introdutorio, “unha nada desestimable difusión na Galicia da época, dentro sempre do minoritario círculo de lletraferits, especialmente de ideario galeguista, interesado na poesía en galego ou en calquera manifestación literaria escrita no idioma do país”. Foi un dos libros prohibidos que se intercambiaban nos circuítos antifranquistas.

O Consello da Cultura Galega aproveitou a presentación desta publicación para subir diferentes materiais procedentes do Arquivo da Emigración Galega relativos á figura de Seoane e á súa condición de exiliado.

Colección Clásicos da emigración
“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que os viron marchar.

A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías e que, así, poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Raúl Soutelo ou Xosé M. Núñez Seixas, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.
DESTACADOS
Explora as viaxes da emigración
Especial web// Arquivo da Emigración Galega
Fondos documentais//Novidade
Trátase dun primeiro instrumento de descrición das publicacións conservadas polo Arquivo da Emigración Galega en diferentes soportes (papel, dixitalizadas, microfilmadas, etc.), co fin de facilitar a súa localización aos investigadores e demais interesados na temática emigratoria
Documentos, fotografías, obxectos, películas....calquera formato que recolla a historia da emigración serve. O Arquivo da Emigracion Galega recupera este patrimonio no marco dun proxecto que abre novos camiños. Agora, o Concello de Ribadeo abre unha vía permanente para documentar o legado da emigración. Neste folleto tes toda a información.
A publicación que xuntou a intelectualidade galega residente en Arxentina nos anos 20
Entre Arxentina e Galicia, máis de 1600 cartas para coñecer as relacións de Seoane cos intelectuais das súas dúas patrias.
Últimas NOTICIAS
18/12/2020
O Consello da Cultura Galega sube á rede nova documentación sobre o fenómeno migratorio
09/12/2020
A colección “Clásicos da emigración” suma unha nova obra que amosa a Luís Seoane como poeta
04/12/2020
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración lembran o vínculo de Celanova con Cuba na inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”
11/09/2020
O Consello da Cultura Galega inaugura na Coruña “Inventio mundi”, a mostra que afonda na historia da navegación galega
21/08/2020
O Consello da Cultura Galega colabora na difusión do legado da emigración na terceira edición de Ares Indiano
10/07/2020
A colección “Clásicos da emigración” incorpora unha novela de Antón Paz Míguez
28/06/2020
Poñemos na rede unha edición de "O estatuto de Galiza” no aniversario do seu plebiscito
03/04/2020
O Consello da Cultura Galega amplía a colección Clásicos da emigración con “Cousas gallegas” de Fortunato Cruces
10/01/2020
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan o “Estudio sobre emigración”
10/12/2019
O Consello de Comunidades Galegas insta a poñer en marcha dúas propostas do Consello da Cultura Galega

Consello da Cultura Galega en Facebook Consello da Cultura en Twitter

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205