Álbum de Galicia

Chita Lamas Barreiro

Ourense, 1909 - Miraflores, Lima (Perú), 1951

AUTORÍA:
Xosé Luís Pastoriza Rozas;

DOI. 10.17075/adg.2022.23804


A primeira voz feminina do exilio galegoA vida de Chita Lamas Barreiro tremeluce levemente na historia do galeguismo e da literatura galega. Compañeira de Ramiro Illa Couto, acompañouno entre 1929 e 1950 na súa vida de peregrino polo mundo galego. Pero esta muller galaico-porteña autodidacta e con sensibilidade artística e vital reivindícase como a primeira voz poética feminina do exilio galego, en confirmación de Xesús Alonso Montero.

A súa biografía reconstrúese con referencias indirectas, como as do seu irmán Farruco Lamas Barreiro e de Ramiro Illa. Chita naceu e bautizouse co nome de Inmaculada Concepción en Ourense en 1909, pero criouse en Bos Aires onde emigrara o casal de Amparo Barreiro e Farruco Lamas Salgado cos seus catros fillos Pilar, Vicenta, Francisco e Chita. Tras deixar atrás un negocio de confeitería en Ourense, o pai -de ideoloxía republicana e agrarista- instalou a Granxa Ceres en Ituzingó nas aforas de Bos Aires, unha moderna e premiada explotación agropecuaria.

No seu segundo retorno a Arxentina (1922-1931) como militante e activista da Irmandade Nazonalista Galega (ING), Ramiro Illa foi acollido hospitalariamente pola familia Lamas-Barreiro no seu domicilio do número 951 da rúa Tucumán na localidade de Bella Vista. Pero a amizade viña de vello. En 1917 colaborara con Farruco Lamas Salgado na Agrupación Rexionalista A Terra, da que fora directivo e bibliotecario. E con Farruco Lamas Barreiro atopouse en Ferrol contra 1921, onde Ramiro dirixía un pequeno estaleiro. Neste reencontro, a familia apoiouno nun intre de dificultades económicas e laborais ao arruinarse o comercio dos tíos maternos de Ramiro onde se desempeñara entre 1911 e 1918. Na xenerosa acollida conviviu coa adolescente Chita Lamas que estudara a primaria nunha escola inglesa. Daquela o seu irmán Farruco e Ramiro lideraban a dinamización cultural e organizativa do nacionalismo galego en Arxentina. Tras un noivado epistolar debido ás viaxes de Ramiro polas provincias de Corrientes, Chaco e Formosa, o 20 de abril de 1929 o viaxante de comercio de trinta e tres anos casaba coa mociña Chita de vinte. Cumpríase o desexo de Ramiro de casar cunha galega ou filla de galegos, como lle confesara ao seu pai en 1926.

En decembro de 1931 Ramiro regresou a Galicia acompañado por Chita. O Crack de 1929, a desvalorización do peso e a crise económica en Arxentina, unha oferta de traballo en Vigo no escritorio de Fidel Isla -pai de Ramiro-, e a alborada republicana en España xunto á reorganización política do nacionalismo motivaron a decisión de retornar coincidindo coa asemblea constitutiva do Partido Galeguista en Pontevedra. En setembro de 1933 Chita afiliouse ao PG e en 1934 impartiu clases de inglés á Mocidade Galeguista de Vigo, liderada polo seu cuñado Xaime Isla. E coa súa irmá Vicenta acudiu á Semana Cultural Galega celebrada en Porto en abril de 1935 como parte da delegación do Seminario de Estudos Galegos.

Neste cambio de aires tamén influíu a precaria saúde física e emocional de Chita. Na procura desesperada de remedios para as frecuentes xaquecas e crises nerviosas, consultaron diversos médicos até que Roberto Nóvoa Santos –publicista da inferioridade da muller con suposta base científica- diagnosticoulle con crueldade unha neurose sexual e recomendoulle severamente refacer a súa vida deshecha completamente (...), sentimentalmente y sexualmente. Entristecida, Chita escribiu a Ramiro solicitándolle unha separación amigable para liberalo da amargura e atopar un novo vieiro vital que empezaría pola decisión frustrada de estudar o bacharelato.

O matrimonio separouse temporalmente en diversas ocasións polas viaxes comerciais de Ramiro por Galicia e España, polas estadías temporais de Chita en Madrid en cas duns familiares e por dúas viaxes a Arxentina en 1933 e finais de 1935. O golpe de estado e o inicio da Guerra Civil impediu que no verán de 1936, Ramiro visitase á familia Lamas en Arxentina onde viaxara previamente Chita coa súa irmá Vicenta. Na distancia Chita viviu con angustia a detención e encarceramento de Ramiro en Verín en decembro de 1936. Tras a liberación sen cargos de Ramiro, o matrimonio reencontrouse en Porto en xaneiro de 1938. Nese verán viaxaron a Italia, Suíza e Francia para a compra de maquinaria destinada ao Instituto Bioquímico Miguel Servet no que traballaba Ramiro en Porto. Ao aumentar a vixilancia sobre as actividades de Ramiro como enlace clandestino dunha das redes de fuga dos fuxidos desde Galicia, en setembro trasladáronse a Francia e residiron en Tarbes, na fronteira con España. Existen indicios dun seu traslado posterior a Barcelona a finais de 1938 xusto antes da caída de Cataluña en mans das tropas franquistas e o inicio do masivo éxodo de refuxiados cara a Francia. Chita e Ramiro viviron en París desde febreiro de 1939 mentres colaboraban con Florencio Delgado Gurriarán na saída dos refuxiados galegos cara ao exilio en México e Chile.

Rematada a Guerra Civil e iniciada a II Guerra Mundial, o 19 de outubro de 1939 o matrimonio desembarcaba en Veracruz (México). Apoiados polo Servizo de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE), integráronse na cativa comunidade galega exiliada canda a Carlos Velo, Xosé Caridad Mateo, Arturo Souto, Ramón Cabanillas Álvarez, Roxelio Rodríguez de Bretaña e Florencio Delgado Gurriarán. Estes galeguistas exiliados promoveron a creación da Irmandade Galeguista, o grupo Saudade e a revista Saudade. Verba galega nas Américas, e a edición do Cancioneiro da Loita Galega.

No exilio en México a voz poética de Chita revelouse publicamente con dous poemas en galego. O primeiro publicouse en maio de 1943 no terceiro número da revista Saudade, unha edición a cargo de Ramiro que incluíu a Chita na sección Poetas novos. O poema neotrobadoresco «Hoxe foise o meu amor», asinado como Chita Lamas de Illa-Couto, imita a unha cantiga de amigo laiándose pola ausencia do amado coa paisaxe da ría de Vigo como testemuño da dor e saudades da autora. Nese mesmo ano, Ramiro facilitou os traballos de impresión en Durango do Cancioneiro da Loita Galega, editado polo Partido Galeguista. Neste libro colectivo e patriótico de elexía, combate, denuncia e resistencia democrática antifascista, Chita figura como a única poeta muller a carón de Florencio Delgado Gurriarán, Bieito Búa Rivas, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Xohán García Gómez, Ramón Rey Baltar e Ramón Cabanillas Álvarez. Tirado do prelo o día de Galiza de 1943, Chita asina como C. Lamas o romance tradicional elexíaco «Víctor Casas» dedicado ao líder galeguista asasinado polos franquistas na Caeira (Poio) o 12 de novembro de 1936 xunto a Luis Poza Pastrana e Benigno Rei Pavón –amigos de Xaime Isla-, e Xoán Rico, Xosé Adrio Barreiro, Ramiro Paz, Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez e Paulo Novás.

A partir deste ano as pegadas de Chita, primeira voz feminina en galego no exilio, disípanse. En abril de 1944 Ramiro instalouse en Bogotá (Colombia). E da correspondencia conservada desaparecen as referencias a Chita até que en 1950 Vicenta Lamas intermediou perante Ramiro solicitando o divorcio en nome da súa irmá pequena e deulle conta do precario estado de saúde de Chita, residente en Lima (Perú). E con esta definitiva separación amigable, Chita mergullouse no río do esquecemento.

Bibliografía
Alonso Montero, Xesús (2022): «O Cancioneiro da Loita Galega (México, 1943): un corpus poético con textos elexíacos, patrióticos, de combate e denuncia». En Cancioneiro da Loita Galega [ed. facsimilar]. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; 15-56.
Alonso Montero, Xesús (2022): «O Cancioneiro da Loita Galega», La Voz de Galicia, (19 de abril).
Arias Chachero, Patricia (2020): «Francisco Lamas Barreiro». Publicado o 4/11/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega). Recuperado o 11/05/2022.
Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2022): Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Vigo: Galaxia.
Isla Couto, Xaime (2015): «O meu irmán Ramiro». En Pastoriza Rozas, Xosé L. (ed.): Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia. Vigo: Fundación Isla Couto, Galaxia; 117-120.
Marco, Aurora (2020): «Inmaculada Concepción Lamas Barreiro». En Irmandiñas. Santiago de Compostela: Laiovento; 269-277.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2017): «Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar». En Beramendi, Justo et al. (coords): Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Museo do Pobo Galego; 309-324.
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2020): «Os irmáns Isla Couto e os mártires do 12 de novembro de 1936 na Caeira (Poio)», Nós Diario, (23 de novembro).
Pastoriza Rozas, Xosé L. (2022): Salvar o pelexo e gañar a vida no exilio. Florencio Delgado Gurriarán, Ramiro Isla Couto e as redes de axuda a refuxiados republicanos en Francia en 1939. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Voz «Isla Couto, Ramiro», (1974): En Gran Enciclopedia Gallega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; v. 24, 195-196.

Aviso legal