Urraca I

León, 1081 - Palencia, 1126

Biografía

----

Urraca I

León, 1081 - Palencia, 1126

Autoria: Eva Vieites

DOI: 10.17075/adg.1043

A raíña feudal. Primeira monarca titular na historia de España

Nota: As divisións provinciais e comarcais actuais non responden á distribución dos espazos no medievo galego, é preciso comprender que os marcos de referencia espacial da biobliografada non se cinguen a estes termos espaciais contemporáneos.

Condesa de Galicia, raíña de León e Castela e emperatriz de España, así poderiamos describir a filla primoxénita que Alfonso VI, conquistador de Toledo, tivo coa súa segunda muller, Constanza de Borgoña.

Naceu Urraca a fins do s. XI (1081), nun momento en que a península se atopaba en constante conflito pola reconquista dos territorios musulmáns e no seo dunha sociedade no seu máximo esplendor feudal. Transcorreu a súa infancia en León e tivo como instrutores o bispo Cresconio e Domingo Flacóniz, cunha grande influenza das súas tías Urraca e Elvira.

Dende un principio tivo que enfrontarse á súa condición de muller como consecuencia da obsesión paterna por enxendrar un fillo varón que non chegaba e, desa busca, naceron tres irmáns ilexítimos: Teresa, Elvira e Sancho. Este último fixo que mudase radicalmente o seu status xa que pasaba de herdeira do trono de León a condesa consorte de Galicia. O condado de Galicia viñera da man do matrimonio que, cumpridos os doce anos, se materializara co francés Raimundo de Borgoña, home maduro co que se consolidaban unha serie de alianzas políticas e intereses económicos para o reino.

Tras catorce anos de matrimonio e dous fillos lexítimos Sancha e Alfonso, Urraca quedou viúva, o que significou para ela un ascenso de rango e de peso político, puido proclamarse «señora de toda Galicia». E aínda que todo parecía indicar que non estaba chamada a reinar, coa morte de Sancho na batalla de Uclés chegou o seu lexítimo recoñecemento como herdeira do trono leonés por parte de Alfonso VI, que así o deixou dito antes de finar.

Pero os nobres e os condes da terra, situando nun primeiro plano os inconvenientes da condición das mulleres para reinar e tendo como máxima urxencia a defensa pola nova incursión almorávide na meseta, proxectaron o matrimonio de Urraca co aragonés Alfonso I «O Batallador» en contra da inclinación persoal da raíña, cuxos intereses pasaban polo conde castelán Gómez González.

O matrimonio celebrado en decembro do 1109 resultou ser un completo fracaso e a ruptura chegou pronto. O día 13 de xuño de 1110, a raíña encabezou un documento de doazón ao mosteiro de Silos como Urraca, raíña de toda España e filla do emperador Alfonso. Era a expresión en termos políticos do rexeitamento da titoría do rei de Aragón e a afirmación da propia independencia sobre a tradición da idea imperial leonesa.

A partir dese momento e ata 1126, reinou Urraca en León, non sen dificultades, xa que tivo que facer fronte a todas as tensións históricas que lle tocou vivir: a reconquista dos territorios musulmáns, a disputa de áreas de influencia con Alfonso I de Aragón, con Henrique e Teresa de Portugal, cos bispos e abades de todo o reino, cos burgueses de Sahagún e Compostela, ou cos nobres de Castela, León, Asturias, Galicia e Portugal. Especialmente complicada foi a loita que mantivo co bispo Diego Xelmírez e co conde galego Pedro Fróilaz, instrutores de Alfonso VII, que xeraron unha profunda inestabilidade no reino.

Estas foron as manifestacións propias das loitas de poder que tiveron lugar na sociedade feudal na que Urraca se desenvolveu, afirmando con todo a súa lexitimidade dende a posición teórica de raíña de España e sen renunciar á súa condición de muller. Os seus últimos anos están caracterizados pola madurez e a estabilidade persoal ao lado do conde Pedro González de Lara, ao que se mantivo unida ata a súa morte e co que tivo dous fillos ilexítimos: Fernando e Elvira.

Con 44 anos chegaba a morte por parto da que foi, sen dúbida, a raíña feudal, faleceu o 8 de marzo do 1126 en Saldaña (Palencia). A súa morte e honras fúnebres, igual que o conxunto do seu reinado, non mereceron atención especial aos cronistas, a pesar de pór ao descuberto todas as tensións conflitivas propias da sociedade en que ela desempeñou un papel extraordinario.

Como citar: Vieites, Eva : Urraca I. Recuperado o 23/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1043 DOI: 10.17075/adg.1043]

Obra sobre Urraca I

Fragmentos documentais referidos a Urraca I
Espacios e xeografía de Urraca I. Documentos gráficos

Bibliografía

- PALLARES MÉNDEZ, M.ªC. e PORTELA, E., La reina Urraca Madrid, Nerea, 2006.
- PALLARES MÉNDEZ, M.ªC. e PORTELA, E., “La reina Urraca y el obispo Gelmírez. Nabot contra Jezabel”, en Os Reinos Ibéricos na Idade Média. Livro de Homenagem ao Profesor Doctor Humberto Carlos Baquero Moreno , v. 2, Oporto, Livraria Civilização, 2003.
- RUÍZ ALBI, I., La reina doña Urraca (1109-1126). Cancillería y colección diplomática, León, Centro de Estudios e Investigación San Isidoro, 2003
- LOBATO YANES, E., Urraca I. La Corte Castellano-Leonesa en el siglo XII Palencia, Diputación Provincial, 2000.
- PASTOR, R., “Urraca Alfonso”, Mujeres en la historia de España, Barcelona, Planeta, 2000.