María Dios Rivademar
A Pobra do Caramiñal, 30/ 10/1870 - A Pobra do Caramiñal, 12/8/1943Autoría: María Dolores Villaverde
Unha independente e polifacética mestra do Barbanza
As condicións socioculturais do derradeiro terzo do século XIX en Galicia impediron que a vocación artística de moitas mulleres se desenvolvese debidamente. Así se explica que María Dios Rivademar sexa practicamente descoñecida, a pesar de ter gran formación e dotes artísticas.
Nace o 30 de outubro de 1870 na vila da Pobra do Caramiñal. Sendo moi nova trasládase a Santiago de Compostela para estudar. Alí vivirá cun tío cóengo preto da catedral, na rúa da Acibechería e formarase en pintura, música (en concreto piano e violín) e francés, posiblemente asistindo ás clases da Sociedade Económica de Amigos do País. Esta é a única institución en que aparecen mulleres como membros activas desde finais do século XVIII.
Daquela os estudos estaban pensados desde unha óptica sexista e os plans de estudos eran diferentes para os homes e para as mulleres. No que toca aos estudos relacionados coa pintura; mentres a eles se lles permitía expresar a súa creatividade artística, a elas impúñaselles a tarefa de limitarse a copiar obras dos grandes mestres da historia da arte.
María aprendeu a facer tales réplicas con gran mestría. É por isto que entre os seus lenzos máis coñecidos figuran réplicas de famosos cadros tales como a Madonna da Rosa de Rafael Sanzio (século XVI). Mais María contaba con importantes dotes de inspiración artística e non se limitou a copiar. Deixou ademais obra orixinal.
Unha vez rematada a súa formación como pintora, exerceu como docente de Debuxo na Escola de Artes e Oficios da Pobra. Alí tivo compañeiros como Díaz Valiño (pai de Isaac Díaz Pardo) ou o escultor Larrauri Marquínez; así mesmo impartiulles aulas a persoas que posteriormente acadarían un importante lugar no eido da cultura e da arte galegas, como Alfonso Daniel Castelao ou Valentina Herrera.
María Dios tiña, como se dixo, calidades como música e a súa actividade artística e docente non se limitou ás artes plásticas. Ademais deu clases particulares de música en Ribeira, tocaba o piano e o violín, facía arranxos de partituras e chegou a acompañar a Pablo Sarasate ao piano nunha das viaxes deste a Galicia.
No terreo persoal María semella ser unha abandeirada. Nunha época en que as mulleres estaban circunscritas ao coidado da casa e ás obrigas matrimoniais, a pesar dos prexuízos sociais existentes daquela e do seu vínculo familiar cun sacerdote, decidiuse a ser nai solteira. É sabido que tivo unha filla co avogado José Paz Mariño, tamén que non quixo casar con el só polo feito do «que dirán».
Morre en agosto de 1943 na vila onde naceu. Alí segue sendo recoñecida e querida.
AGRADECEMENTOS
Asociación O Faiado 2
María Teresa Santos Paz

Como citar: Villaverde, María Dolores : María Dios Rivademar. Publicado o 1/1/2009 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1141. Recuperado o 19/04/2024
Referencias bibliográficas
- MARCO, A: “Mulleres do Barbanza:outro exilio histórico”, en Barbantia, anuario de estudos do Barbanza, nº1, 2005, pp60-85.