Manuel Dopazo

Silleda - Bos Aires

Biografía

----

Manuel Dopazo

Silleda - Bos Aires

DOI: 10.17075/adg.1172

Mensaxeiro do son galego nos aires porteños

Naceu o 10 de maio de 1882 na parroquia de Manduas, no concello de Silleda. Os seus pais foron Francisco Dopazo e Dolores Gontade, ambos labregos e naturais da mesma parroquia. Aprendeu a tocar a gaita de neno. En 1892, con tan só 10 anos de idade, presentouse a un concurso de gaitas en Santiago de Compostela en compañía dun veciño, obtendo un premio honorífico. Dous anos máis tarde, en 1894, presentouse de novo e levou o primeiro premio. Tiña 19 anos en 1902 cando, fuxindo do servizo militar, escapa coa súa moza Margarita Perfecta Collazo, natural de Bandeira (Silleda), escondidos nun barco con rumbo á Arxentina.

Unha vez no destino, alugaron un cuarto nun hotel da céntrica rúa Tacuarí e Manuel comezou a traballar como esfrega pratos. Aos poucos días coñeceu nun bar próximo a un representante musical que o contratou para tocar polo interior do país, polo que deixou o traballo conseguido e comezou a dedicarse de cheo á gaita. Posto que saíu de Galiza co imprescindíbel, o representante tivo que fornecelo dunha gaita e adiantarlle cartos para que mercase roupa axeitada. A relación de dependencia estabelecida durou pouco tempo xa que Dopazo advertiu que el mesmo podía conseguir as actuacións, mellorando os seus ingresos.

Deste xeito, comezou a promocionarse enviando cartas ás institucións españolas, presentándose como “Gaiteiro recién llegado de España ofrece sus servicios”. En 1906 casou con Margarita, coa que tivo once fillos. Mudáronse a unha casa do barrio de Barracas, na rúa Ituzaingó 751, e logo a outra en Uspallata 839, do mesmo barrio, domicilio no que residiu até a súa morte.

A súa carreira estivo marcada polo éxito e a fama, dado o virtuosismo co que manexaba a gaita. Os que o coñeceron afirman que tiña moi boa afinación, que requintaba e picaba as notas dunha maneira particular, ademais de cantar e tocar ao mesmo tempo, arte que poucos gaiteiros souberon desenvolver. Tocou como solista, acompañándose polos seus numerosos fillos e, desde os anos 40, tamén co seu conxunto Los Gaiteros de Vilaverde.

Foi requerido para tocar co Coro Agarimos, co Coro Los Rumorosos del Centro Betanzos, a Coral del Centro Gallego, en gran número de entidades galegas, asturianas e españolas en xeral, así como en importantes entidades porteñas como Casa Suiza, Federación de Empleados de Comercio, La Argentina, Teatro Maravillas, Teatro Avenida, Teatro Mayo, etc.

Dopazo era frecuentemente convidado ao popular programa de radio “Recordando a Galicia”, dirixido por Maruja Boga e Alfredo Aróstegui. Gravou numerosos discos e participou na música incidental de dúas películas: Cándida (Luis Bayón Herrera, 1939, EFA), con Niní Marshall e Juan Carlos Thorry, e La calle junto a la luna (Román Viñoly Barreto, 1951, Emelco), con Narciso Ibáñez Menta e Enrique Serrano. En ambas as dúas intervén en escenas festivas e en breves pasaxes das súas bandas sonoras.

Tamén destacou na fabricación de gaitas, oficio que aprendeu na Arxentina. Viaxou unha soa vez a Galiza, en 1923, para visitar a súa nai, xunto co seu primoxénito, Antonio. Ao regreso dunha actuación do 12 de outubro de 1951 nunha romaría en San Francisco (Córdoba), enfermou gravemente dos pulmóns, deixou de tocar, e seis meses máis tarde, o 28 de abril de 1952, faleceu aos 70 anos. O seu deceso produciu un fondo pesar na colectividade, publicándose abundantes e sentidas notas necrolóxicas. Os seus restos descansan no panteón da Sociedad Argentina de Autores y Compositores (SADAIC) no Cementerio del Oeste, no barrio porteño de Chacarita.

Como citar: Manuel Dopazo. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1172 DOI: 10.17075/adg.1172]

Audios

Pin-pin Xarabelo Ai, Pin-pin Xarabelo faise un neno a criada do cura tuvo un neno Tuvo un neno, neniño pequeniño que de nome lle chaman Manueliño -D`onde vén, Marica? -Veño da verdura. -Ai, que ricos nabos ten o noso cura! -D`onde ves, Marica? -Veño da verdura. Señor
Procedente do Álbum da Emigración
Aires gallegos con canto Vinte, vinte, rapaciñas Vind´a ver este gaiteruá, que traié flores no fole e alegría baixo punteruá. Ai, tra la ra li rai la ra. Véndem`os bois e véndem`as vacas E non me vendas o pote das patacas. Ai, e se mo vendes sempre me preñas, á miña casa non quer
Procedente do Álbum da Emigración

Bibliografía

- VV.AA.: Manuel Dopazo. Crónicas Porteñas. Colección A Tiracolo. Ouvirmos-Consello da Cultura Galega (Arquivo Sonoro) CD.
- NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel: O inmigrante imaxinario: Estereotipos, representacións e identidades dos galegos na Arxentina (1880-1940). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. 2002.
- CIRIO, Norberto Pablo: “Desaparición, permanencia y cambios en las prácticas musicales de la colectividad gallega de la Argentina” (2ª parte) en Anuario da Gaita 15: 7-14. Ourense: Escola Provincial de Gaitas. 2000.
- CARREIRA, Xoan M.: “Dopazo Gontade, Manuel” en Diccionario de la Música Española e Hispanoamericana. Madrid: Sociedad General de Autores y Editores. 1999. T. 4: 536-537.
- VILANOVA RODRÍGUEZ, Alberto: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1015, nota 5.