Ilduara Eriz
Lugo, - Vilanova dos Infantes,Autoría: Eva Vieites
A condesa galega do alto medievo
Nota: As divisións provinciais e comarcais actuais non responden á distribución dos espazos no alto medievo galego. É preciso comprender que os marcos de referencia espacial da biobliografada non se cinguen a estes termos espaciais contemporáneos.
Ilduara Eriz: unha das principais e máis cualificadas aristócratas da centuria do novecentos. Así é definida nos estudos que máis datos achegaron sobre a vida desta condesa dos séculos IX-X, que se presenta como a muller da aristocracia galega que conta co máis elevado número de noticias por ese tempo.Ilduara Eriz naceu no seo dunha familia próxima ao poder. Seu pai, Ero, erixírase como conde en territorios lucenses a fins do século IX por mandato real, e xunto con Adosinda, súa nai, foran fundadores do mosteiro dúplice de San Salvador de Chantada.
Arredor do ano 890 casou segundo a tradición visigótica co conde Gutier Menéndez (cunha cerimonia civil entre laicos onde o amor humano desempeñou un papel fundamental), o que trouxo como resultado a melloría nas xa boas relacións co grupo aristocrático ao que pertencía e coa monarquía, á que pasou a estar vencellada por parentesco.
Froito desta unión naceron dúas fillas, Adosinda e Hermesinda, e tres fillos, Munio, Rosendo e Froila. De entre todos eles destacou Rosendo, bispo da igrexa de Dumio e posteriormente santo.
Cun papel significativo na creación e evolución do patrimonio, Ilduara posuíu bens no Bierzo, León, Zamora, Lugo e na costa galega e por unión marital en: Asturias, zona lucense, Galicia meridional e norte de Portugal, o que lle conferiu unha visión do espazo rica en paisaxes e con diversas influencias, entre as que estaba o fronteirizo territorio árabe.
Destacado é que entre as súas principais tarefas se atopaba a de ordenar e xestionar as actividades da casa, como viña correspondendo á muller medieval do seu tempo, se ben é certo que se ten a seguridade de que Ilduara posuíu libros propios e, por tanto, capacidade de lectura, elemento que lle confería un carácter instruído e diferencial á vez que lle permitía garantir o control dos bens materiais.
Aínda que residiu algún tempo en Salas, na freguesía de San Miguel de Couto, distrito de Portugal, as súas residencias máis habituais foron Portomarín e Vilanova. No lugar de Vilanova (Vilanova dos Infantes) localizaron a casa-residencia principal da familia, alí fundou co seu fillo Rosendo o mosteiro de San Salvador de Celanova (centro monástico de primeira orde na Galicia do século X), ao que Ilduara doou parte do seu patrimonio. No documento de doazón figuran como testemuñas o propio rei, bispos, abades e mulleres e homes nobres máis importantes do momento.
A actividade de Ilduara no terreo relixioso foi tamén moi significativa, a súa formación cultural e o elevado patrimonio posibilitaron a fundación do mosteiro de mulleres de Santa María de Vilanova, totalmente apartado do mosteiro masculino de Celanova, como predicaba a reforma levada a cabo polo seu propio fillo san Rosendo, onde as críticas aos mosteiros dúplices eran unha constante e onde se viña anunciando a regresión que sufriría a muller feudal nos séculos posteriores.
Ata ese momento, a capacidade de movemento da muller situábase nunha posición de equilibrio respecto ao home en cuestións como a herdanza e o matrimonio. Desde ese punto de vista, Ilduara Eriz puido gozar desta condición igualitaria ao longo da súa vida, malia que é certo que chegada a viuvez retirouse ao mosteiro feminino de Santa María de Vilanova, fundado por ela mesma e que actuaba como elemento de estabilidade patrimonial, acatando o novo modelo monástico que introducía a idea da muller como sexo débil e de mente inestable.
Finada xa, enterrouse no mosteiro de San Salvador de Celanova, ao que non puido acceder senón despois de morta, como así o establecía a norma, por petición do seu fillo san Rosendo.
Deixaba Ilduara a pegada dunha condesa do medievo que ben podería ter representado toda unha elite da aristocracia feminina galega ata o século X.
Como citar: Vieites, Eva : Ilduara Eriz. Publicado o 1/1/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1243. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Escolma de textos
Ligazóns de interese
Referenzas a Ilduara na web do Concello de Chantada
[última consulta: 10/12/2021]
Apuntamentos históricos sobre Vilanova dos Infantes
[última consulta: 10/12/2021]
Ilduara Eriz en Gallaeciae Monumenta Historica, do Consello da Cultura Galega
[última consulta: 10/12/2021]
Referencias bibliográficas
- GARCÍA ÁLVAREZ, M.R.: “Gutier e Ilduara, padres de San Rosendo”, Boletín Auriense, VII (1977), p. 119-153.
- GARCÍA ÁLVAREZ, M.R.: “Ilduara Eriz, madre de San Rosendo”, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, VI, 49-52 (1958), p. 217-232.
- PALLARES MÉNDEZ, Mª.C.: A vida das mulleres na Galicia medieval (1100-1500), Santiago de Compostela, Universidade, 1993.
- PALLARES MÉNDEZ, Mª.C.: “Ilduara, una aristócrata del siglo X”, Cadernos de Estudos Galegos, IV (1998), p. 5-154.
- SÁEZ, E.: “Los ascendientes de San Rosendo”, Hispania, 8 (1948), p.1-76 e 179-233.