Elsa Fernández
Bos Aires, 1933 - Bos Aires, 1964Saudade da Galiza imaxinada
Filla de ourensáns, de Entrimo, Elsa Fernández nace en Bos Aires en 1933, e dende pequena mostra unha gran vocación musical, estudando piano. Dende moi nova traballa como administrativa no Centro Gallego, onde tratará con figuras da colectividade coma Luis Seoane ou Eduardo Blanco-Amor, co que chegará a ter unha grande amizade. Ademais das súas tarefas estritamente profesionais, colaboraba con AGUEA (Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas, que estivo en activo entre o 1956 e o 1959), e axudaba a Seoane con Galicia Emigrante, realizando subscricións, envíos e demais. Sempre disposta a colaborar coas institucións da colectividade, tamén foi secretaria de progaganda da Comisión de Damas do Hogar Gallego de Ancianos.
Elsa tivo un papel sobranceiro dende o primeiro momento na Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, creada en Bos Aires o 29 de outubro de 1959, e na que figura como membro fundadora e vogal suplente da primeira xunta directiva. Máis adiante, no 1962, figurará coma presidenta. A asociación trataba de agrupar á segunda xeración de galegos residentes na Arxentina e entre as actividades que organizaron destacan os cursos de galego, un seminario de estudo sobre Sempre en Galiza de Castelao, a edición do libro de Ramón Piñeiro, traducido ao castelán Dos ensayos sobre la saudade, e a publicación da revista Alén Mar.
Tamén tivo protagonismo en “Follas Novas- Feira do livro galego”. Esta era unha iniciativa creada por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda o 15 de xullo de 1957, dedicada á difusión do libro galego en América. Follas Novas mantiña vitrinas en institucións galegas da capital arxentina, imprimía catálogos e divulgaba a súa actividade a través da prensa e a radio. Funcionaba como feira permanente sobre a actividade bibliográfica galega, e a partir de 1960 tamén publicou varios títulos. Elsa Fernández participa da iniciativa dende o primeiro momento, e mantén amizade co Neira Vilas e Anisia Miranda. De feito, esta déixalle o seu vestido de voda cando Elsa casa con Alberto Cabrera e tamén regálalle o “Pepón”, un “boneco fazuleiro vestido de galego”. Dende a marcha a Cuba de Neira Vilas e Anisia en xullo de 1961, Elsa Fernández encárgase da dirección de Follas Novas, representando as editoras galegas Galaxia e Bibliófilos Gallegos. Relacionado coa difusión do libro galego, Elsa tamén xestionou un breve espazo radial, emitido por Radio Excelsior, chamado Mirador Bibliográfico Galego, no que lía textos sobre libros galegos.
Ademais da actividade a prol da cultura galega, Elsa Fernández dedicouse a escritura cunha obra na que se reflicte constantemente a súa dobre condición de arxentina e galega. Un exemplo desta temática podería ser “¡La tierra de mis padres!”, un texto que lle valeu o segundo posto do Premio “Emilia P. Bazán” do Centro Lucense en 1958: “Galicia no es un paisaje para mí, tampoco es una historia, una geografía, un país. Galicia es mi paisaje, mi historia, mi geografía y mi país; y por ello como argentina soy más argentina entroncando mi raíz gallega en este asunto, confirmando mi ascendencia en esta América y formándome una conciencia nacional más cabal a través de mi pasado.”
Colabourou con moitas das publicacións da colectividade de Bos Aires e Rosario de Santa Fe. Na revista Vieiros, publicación do padroado da cultura galega de México, publicou un artigo titulado “A poesía Galega dun poeta americán”, no que trata do poeta José González Carbalho, que coma ela, era fillo de emigrantes galegos na Arxentina.
Na súa faceta de poetisa a súa obra en galego Escolma foi finalista no concurso organizado polo grupo “Brais Pinto” de Madrid no ano 1961. O seu único libro foi Lonxanía (1965), un libro póstumo no que se recolle o poemario anterior e mais un feixe de poemas inéditos escritos en 1964, en galego, “Cantiga infinida” , e en castelán, “Cancións para meu neno”, poemas para o seu fillo de curta idade Na edición de Lonxanía —seudónimo co que se presentara ao premio Brais Pinto— colaboraron Luís Seoane, que debuxou a cuberta e fixo un gravado en madeira que foi incluído na edición; Laixeiro, autor dun retrato de Elsa, e tamén Ricardo Palmás, Carlos Zubillaga e Basilo Losada que escribiron prólogos de lembranza dos seus traballos en defensa da cultura galega.
Elsa faleceu moi nova, o 29 de abril de 1964, con só trinta anos, e sen poder visitar a súa Galiza soñada. Os seus restos foron inhumados no Panteón do Centro Gallego o 30 de Abril sendo despedidos con sentidas frases pronunciadas por José Romero a nome dos seus compañeiros de tarefas do Centro Gallego, e cun discurso de Eduardo Blanco Amor, que pediu persoalmente poder falar na celebración. Antonio Pérez Prado, compañeiro na Asociación Argentina de Hijos de Gallegos escribiu anos despois: “Entre las cosas que nunca podré aceptar figura, ciega, su muerte; entre lo que siempre me lastimará reconozco la pena de que Elsa no haya visto, con aquellos ojos tristes, la Galicia de sus antepasados”.
Como citar: Elsa Fernández. Publicado o no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1345. Recuperado o 19/04/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Documentos sobre Elsa Fernández
Presentamos unha serie de documentos que demostran a relevancia de Elsa Fernández dentro da colectividade galega de Bos Aires, especialmente no que toca ás actividades culturais.
Contidos:
- Palabras dedicadas pola sudirectora de Lugo, revista do Centro Lucense de Bos Aires,
e polo poeta Ignacio Vázquez Maza con motivo do seu falecemento, en Lugo, n.º 250,
maio, 1964.
- Discurso nun banquete ofrecido a Carlos Abraira, en Opinión Gallega, nº 203, abrilmaio,
1962, p. 5.
- «¡La tierra de mis padres!», en Lugo, n.º 185, novembro de 1958, p. 5.
- «Oración fúnebre por Elsa Fernández», por Eduardo Blanco Amor, en NEIRA VILAS,
Xosé (Coord.): Blanco-Amor, dende Buenos Aires, Sada: Ediciós do Castro, 1995.
- «Siglos de mar», en Eufonía: rimas y glosas de la poesía gallega, Bos Aires, n.º 2,
1958, p. 10-11.
Referencias bibliográficas
- NEIRA VILAS, X. Memoria da emigración II Sada-A Coruña: Ediciós do Castro p. 85- 91
- NEIRA VILAS, Xosé (coord.) Eduardo Blanco-Amor dende Buenos Aires Sada, A Coruña : Ediciós do Castro.
- PÉREZ PRADO, Antonio Los gallegos y Buenos Aires Buenos Aires: Ediciones La Bastilla,p.245-247
- VILAVEDRA, Dolores (coord.) Diccionario da literatura galega Vigo : Galaxia, D.L. 1995-2004, vol. 1, páx. 207.
Publicacións periódicas
Aquí…Galicia! (1960-) .
Órgano de la Peña Cultural Gallega "Rosalía de Castro"