María Pita
A Coruña, 1556 - Cambre, 1643Autoría: María do Carmen Saavedra
Heroína coruñesa célebre pola defensa da cidade fronte os ingleses
Tal como se encargou de salientar o seu primeiro biógrafo, don Andrés Martínez Salazar, o nome completo da heroína era Mayor Fernández da Cámara Pita, aínda que na documentación non sempre figuran todos os seus apelidos e popularmente acabou sendo coñecida como María Pita. A etapa inicial da súa vida, os anos de infancia e primeira xuventude constitúen un período moi mal coñecido, de aí a aparición de numerosas especulacións sobre a súa suposta orixe fidalga. Non obstante, investigacións recentes permitiron identificar os seus pais (Simón Arnao e María Pita "la vieja") e perfilar mellor as súas circunstancias familiares. Así, sabemos que os seus proxenitores casaron arredor de 1554 e os dous figuran como propietarios dunha tenda na Peixería. Polo que se refire á nosa protagonista, o seu nacemento tivo lugar arredor de 1556 e cando tivo idade suficiente ocupouse de axudar no negocio familiar. En 1581 a futura heroína casou co carniceiro Juan Alonso de Rois, co que tivo unha filla, María Alonso de Rois. Deste modo iniciaba unha axitada vida matrimonial que a levou a contraer matrimonio en catro ocasións debido ao rápido falecemento dos seus esposos. Así, en 1585 aparece como viúva por primeira vez, condición que cambia dous anos máis tarde ao contraer un novo matrimonio co tamén carniceiro Gregorio de Rocamonde.
En maio de 1589 este morre durante o cerco ao que foi sometida a cidade por unha flota inglesa que se dirixía a Lisboa. Tras desembarcar na praia de Santa María de Oza e arrasar a Peixería, os asaltantes intentaron a conquista da Cidade Vella, na súa defensa participarían tanto militares como civís. Segundo as crónicas da época, cando os ingleses estaban a punto de penetrar na cidade pola zona da Porta de Aires, María Pita logrou derribar o abandeirado inglés acendendo aos defensores e forzando a retirada dos asaltantes. Aínda que esta fazaña non aparece recollida na documentación oficial que narra o cerco, si está a participación das mulleres coruñesas na defensa da súa cidade. A razón pola que o seu caso chegou a alcanzar notoriedade pública posiblemente teña que ver cos diversos memoriais presentados por María Pita ante os consellos reais solicitando algunha recompensa polos seus servizos. De feito, ela mesma chegou a viaxar á corte en dúas ocasións, en 1596 e 1606, e como resultado obtería diversas mercés reais. Con anterioridade á primeira destas viaxes, arredor de 1590, María Pita casara de novo, esta vez co capitán Alonso de Arratia. Investigacións recentes permitiron determinar que se trataba dun mestre de navío que chegou a Galicia procedente de Sanlúcar de Barrameda cun cargamento de madeira e municións para os barcos da armada real que daquela se encontraban en Ferrol. Desta unión nacería unha nena, Francisca de Arratia, pero a estabilidade familiar duraría pouco tempo ao producirse o falecemento do marido en 1592. Con todo, María Pita aínda contraería un cuarto e último matrimonio co escudeiro da Real Audiencia de Galicia Gil de Figueroa, con quen tería dous fillos, Juan e Francisco Bermúdez de Figueroa, que herdaron a condición fidalga de seu pai e numerosos conflitos pola propiedade e o uso de xurisdición do couto de San Pedro de Lendoño.
Esta circunstancia, unida aos numerosos conflitos aos que debeu facer fronte o noso personaxe ao longo da súa vida, explica que chegasen ata nós un total de 35 procesos xudiciais referidos a ela e á súa familia inmediata e por todo tipo de asuntos: demandas de bens, cobro de débedas, querelas por inxurias e ata unha acusación de asasinato que provocaría o seu desterro da cidade en 1596.
Todos estes litixios serviron para forxar unha imaxe da heroína como muller preiteante e aguerrida, aínda que é certo que non se pode xulgar toda a súa traxectoria desde esta soa perspectiva. En todo caso, cando en 1643 María Pita falece en Cambre, onde tiña diversas propiedades, deixa tras de si unha vida extraordinariamente longa e atractiva. Na súa partida de defunción consta que fixera testamento e que nel ordenaba que a enterrasen no convento de San Domingos da Coruña, onde tamén se encontraban os restos do último dos seus esposos, pero ata hoxe aínda non puido ser localizada a súa sepultura.
Como citar: Saavedra, María do Carmen : María Pita. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1367. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Memorial dirixido por María Pita a Felipe II en 1596
Do Archivo General de Simancas, Cámara de Castilla, n.º 772.
«Mayor Fernández de Camara, viuda, mujer que fue de Gregorio de Rocamonde, vezinos de la çiudad de La Coruña, dice que quando el asalto de La Coruña de los enemigos, ....».
Escritura de arrendamiento efectuado por María Pita
Do Archivo del Colegio Notarial de A Coruña, Escribano Gregorio de Seoane, nº 169, folio 372.
«En la ciudad de La Coruña a cinco días del mes de febrero de mill y seiscientos y cinco, Mayor Fernández de la Cámara, mujer de Xil de Figueroa, escudero de la Real Audiencia, en virtud del poder del dicho su marido…».
Escritura de doazón de María Pita
Do Archivo del Colegio Notarial de A Coruña. Escribano Francisco Pulleiro, nº 523, f. 198).
«En la ciudad de La Coruña a veintisiete días del mes de junio de mill y seiscientos y treinta y tres, Mayor Fernández da Cámara Pita, viuda de Xil Bermúdez de Figueroa, escudero que fue de la Real Audiencia, entretenida por Su Majestad en el presidio desta ciudad, y primera que fui de Gregorio de Rocamonde, digo que por quanto S.Magd. me hizo merced de diez escudos de sueldo al mes en el presidio desta dicha ciudad por los servicios que le hice quando el enemigo ynglés puso cerco...»
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bravas. Científicas e artistas galegas da nosa historia, 7H Cooperativa Cultural, 2020
Fonte: 7H Cooperativa Cultural
«María Pita: A Xénese dun mito».
Artigo de Xulia Cabaleiro publicado na revista Festa da Palabra Silenciada (1990), p. 99-100
Artigo de Isabel Martínez-Barbeito sobre María Pita, José Cornide e Ramón de la Sagra
Martínez-Barbeito, Isabel (1967): «3 grandes coruñeses: María Pita, José Cornide, Ramón de la Sagra», Boletín de Información Municipal, A Coruña: Concello da Coruña, 19-21 (xaneiro-marzo de 1967), 19-21.
Fonte: Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
Accesible en http://biblioteca.galiciana.gal/gl/publicaciones/verNumero.do?idNumero=374618 [Descarga: 2023-08-11]
Escritura de curaduría de Francisca de Arratia
Do Archivo del Colegio Notarial de A Coruña, Escribano Gregorio de Seoane, nº 179, f. 96.
«En la ciudad de La Coruña a quatro días del mes de abril de mill y seiscientos y veinte, Francisca de Arratia, hija que quedé del capitán Sancho de Arratia y de Mayor Fernández Pita, mi madre vecina de esta ciudad, su mujer, digo que soy mayor de los catorce años y menor de los veinticinco y para cierto pleito que litigo en la Real Audiencia me conviene ser probeída de tutor curador de mi persona...»
Partida de defunción de María Pita
(Archivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela. Fondo parroquial: Santiago de Sigrás. Libros sacramentales, nº 1. Libro de difuntos (1639-1706), f. 5r.)
«En veintiún días del mes de febrero e mil y seiscientos y cuarenta y tres se murió Mayor Fernández Pita de repente, tenía hecho testamento, por el cual se mandó enterrar en Santo Domingo de la ciudad de La Coruña».
Referencias bibliográficas
- GARCÍA ORO, J.: María Pita vista por sí misma. Memoriales a los Reyes Felipe II y Felipe III” Anuario Brigantino, 20 (1997), p. 23-34.
- GONZÁLEZ GARCÉS, M.: María Pita, símbolo de libertad de La Coruña: siglo XVI A Coruña, Caixa Galicia, 1989.
- MARTÍNEZ SALAZAR, A.: El cerco de La Coruña en 1589 y Mayor Fernández Pita edición facsímil de 1889, A Coruña, La Voz de Galicia, 1988.
- SAAVEDRA VÁZQUEZ, M.C., María Pita. Una aproximación a su vida y a su tiempo A Coruña, Concello, 2003.
- SAAVEDRA VÁZQUEZ, M.C.: María Pita y la defensa de La Coruña en 1589 A Coruña, Concello, 1989.