f José Fernández Martínez | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

José Fernández Martínez

Larouco (Ourense), 1875 -

Biografía

----

José Fernández Martínez

Larouco (Ourense), 1875 -

Autoria: Rafael Sisto

DOI: 10.17075/adg.1395

Analista, autor de textos de divulgación e director durante moitos anos do Laboratorio municipal de Ourense

Estudou o bacharelato no Instituto de Ourense e a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago, na que obtivo a licenciatura en 1894. Posteriormente exerceu como farmacéutico titular no concello ourensán de Larouco e na cidade de Ourense, onde foi durante moitos anos director do Laboratorio Municipal. Ocupou entre outros cargos o de farmacéutico do Hospital Provincial, subdirector do Instituto Provincial de Hixiene e Delegado de Farmacia da Provincia de Ourense.

As súas obras máis importantes tratan de enoloxía. Comeza a serie co traballo Prácticas vinícolas, editado en Ourense en 1913, no que expón os coñecementos químicos e bacteriolóxicos básicos para obter un bo rendemento na práctica vinícola, así como un estudo dos lévedos e unha análise de viños e mostos, indicando as condicións idóneas de adegas e material relacionado. Con motivo duns cursiños prácticos organizados pola Deputación de Ourense en 1925 que lle foron encomendados, publicouse Cursillo práctico de vinicultura, conxunto de preceptos para remediar os defectos das prácticas vitivinícolas, completo e ben estruturado, obra que complementou dando ao prelo en 1927 un Manual práctico de vinicultura, reeditado en 1931, no que fai fincapé nos colorantes naturais e no aproveitamento dos residuos que xera a elaboración do viño.

A partir de 1910 cobrou un importante protagonismo na cidade de Ourense o Laboratorio municipal, tamén denominado Laboratorio Químico-Micrográfico Municipal, fundamentalmente nas cuestións de salubridade e hixiene da cidade. Nel desenvolveu unha ampla labor José Fernández, recollida nas memoria-resume publicadas anualmente. Salientan as máis de duascentas análises de augas ao ano e unha gran cantidade de alimentos e bebidas, se ben no laboratorio se realizaban outras actividades, como a vacinación e revacinación tifoparatífica, antirrábica, xenneriana, e o servizo de desinfección. Así, a memoria do ano 1926, publicada ao ano seguinte, complétase cun anexo titulado Contribución al estudio de la investigación rápida del aguado de las leches procedentes de raza gallega, redactado en colaboración con Pardo Rodríguez. Arredor de 1930 o laboratorio municipal foi absorbido polo Instituto Provincial de Higiene.

Publicou así mesmo máis de trinta artigos na prensa científica e diaria. Entre os publicados na revista La Farmacia moderna, citaremos: “Cómo puede conservarse el complemento para la reacción de Wassermann” e “La verdunización de las aguas o autojavelización imperceptible de M. Bunau-Varilla”. No xornal ourensá La Región, hai que salientar a serie sobre os procesos e as análises enolóxicas, e diversos artigos sobre Hixiene xeral. Especial importancia ten tamén a memoria presentada na asemblea de químicos e bacteriólogos municipais celebrada en Madrid en 1924, titulada Conservación de la alexina de cobaya.




Bibliografía:



Fontes impresas:

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1913): Laboratorio químico y micrográfico municipal de Orense. Memoria-resumen del año 1912, Ourense, Imp. La Región.

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1913): Prácticas vinícolas, Ourense: Imp. La Región.

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1926): Cursillo práctico de vinicultura, Ourense: Imp. La Región.

FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, J. (1927): Manual práctico de vinicultura, Ourense: Imp. La Región.

Bibliografía secundaria:

ROLDÁN GUERRERO, R. (1975). Diccionario biográfico y bibliográfico de autores farmacéuticos españoles, Madrid: Imp. P.H.O.E.; II: 162-164.

Como citar: Sisto, Rafael : José Fernández Martínez. Recuperado o 21/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1395

Ligazóns de interese

Aguas, fuentes y salud pública municipal en Ourense

David Simón: “Aguas, Fuentes y salud pública municipal en Ourense (I)”, Diario de un médico de Guardia, mayo 2011, 15/05/2011.

Ligazón en vigon en 27-11-2019 Procedente do Álbum da Ciencia
El laboratorio municipal de Ourense

David Simón, El laboratorio municipal de Ourense (1910-1930), Diario de un médico de guardia, 20/07/2009.

Ligazón en vigor en 27-11-2019 Procedente do Álbum da Ciencia

Artigos José Fernández Martínez

Aviso Listado automático de documentación relacionada con José Fernández Martínez nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (9/1952) Treinta días de vida gallega: Nuestro resurgimiento cultural Movimiento musical El mundo de los libros Actividad artística Fiestas y romerías Otras informaciones. Galicia [Caracas 1952-54]. 1ª época (2), 9 .
Mencións: Antonio Ángel ; Henry Brathome ; Álvaro Cebreiro ; Álvaro Cunqueiro ; José Fernández Martínez ; Jesús Gómez Tonel ; José María de Juan ; Carmen Juega ; Manuel López Garabal ; Rogelio Lorenzo ; Ovidio Murguía de Castro ; Otero Baena ; Ramón Otero Pedrayo ; Manuel Pesqueira ; Faustino Santalices Pérez ; Seijo Rubio ; Rafael Usandivaras ; José Ramón Villar Chao ; Arcebispo Xelmírez ;