José Fontenla
Ferrol, 12/ 2/1864 - A Habana, 5/12/1919A alma de Galiza en Cuba
José María Benito Fontenla Leal naceu en Ferrol o 12 de febreiro de 1864. Emigra a Cuba xunto cos seus pais. Na Habana traballou na industria litográfica. Fontenla Leal foi un auténtico bibliófilo, chegando a reunir unha biblioteca de máis de tres mil volumes. A temática deste libros estaba sobre todo relacionada coa historia, xeografía, lingua, artes e tradicións de Galicia. Fontela doou parte desta biblioteca ao Centro Gallego da Habana e, tras a súa morte, o resto foi doado polo seu único fillo á Academia Galega.
En 1886 funda, xunto con Secundino Cora García, a Revista de Galicia, publicación mensual bilingüe de curta duración. Foi colaborador tamén do Diario de la Marina. En xaneiro de 1903 faise socio do Centro Gallego e durante varios anos foi bibliotecario da súa sección de instrución. En 1917 foi comisionado polo Centro Gallego para acompañar a Galiza os restos mortais do músico José Castro "Chané". Foi tamén presidente da sociedade Unión Redencionista Gallega, engarcada de apoiar o movemento agrarista en Galiza. Como presidente desta entidade Fontenla Leal asinou un manifesto onde puña de relevo o seu amor por Galiza. Escribía Fontenla:
“Non hai máis que analizar a grandes trazos a vida do pobo rural galego, de onde procede a inmensa maioría dos inmigrados que en Cuba vivimos, para condoérmonos da súa angustiosa situación e pór todo o noso empeño en aliviarlla, combatendo os seus males, xa que traballando por Galiza traballamos polo benestar dos nosos parentes e amigos e polo noso propio, a cuxo amoroso seo, ao fin e ao cabo, habemos ir recobrar as calorías perdidas no rudo e enervante traballo dos países tropicais (…) Conterráneos! Vinde a engrosar as nosas filas! O esforzo que se vos pide é máis ben de orde moral que material. É preciso constituír unha poboación tan formidábel que o eco da súa potente voz, vibrando como laúde dos nosos bardos épicos, na tribuna, no xornal e no folleto, repercuta nos lugares máis recónditos do país e fortaleza e pule dos nosos irmáns para loitar pola súa redención, que é o empeño máis grande, máis santo, máis sublime a que poden entregarse os galegos. Conterráneos, Viva Galiza redimida!”.
Fontenla Leal tivo unha decisiva contribución na fundación en 1905 da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, xunto co poeta Manuel Curros Enríquez. Esta sociedade sería a xénese da futura Real Academia Galega. Fontenla seguiu sempre vencellado a esta sociedade, ocupando os postos de vogal, vicepresidente e presidente. Foi tamén académico non numerario da Real Academia Galega.
Desde Cuba, Fontenla Leal tamén tivo unha importante participación na difusión do himno galego. En efecto, Fontenla escribiu en varias ocasións a Eduardo Pondal e a Pascual Veiga instándoos a que lle enviasen a letra e a música do himno, cuxa composición se estrearía na Habana o 20 de decembro de 1907. Fontenla ten, xa que logo, unha intervención decisiva na fixación dos símbolos nacionais de Galiza.
Tivo tamén unha destacada presenza na formación da sociedade Ferrol y su Comarca, na xunta xeral de xullo de 1909 foi elixido por unanimidade para organizar a súa sección de propaganda. Fontenla foi masón, pertencía á loxa de Regla, do Grande Oriente Nacional de España Unión y Concordia nº 151, adoptando o nome masónico de "Murguía".
Fontenla Leal morreu no hospital habaneiro Calixto García o 5 de decembro de 1919. As súas dificultades económicas privárono da súa condición de socio do Centro Gallego e, xa que logo, da posibilidade de ingresar no sanatorio La Benéfica. O que fora promotor da Academia Galaga e do himno de Galiza rematou soterrado nunha foxa común do cemiterio Colón da Habana.
Como citar: José Fontenla. Publicado o no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1483. Recuperado o 19/04/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
José Fontenla visita a Eduardo Pondal na Coruña
José Fontenla Leal foi comisionado polo Centro Gallego da Habana para acompañar os restos mortais do mestre José Castro «Chané» a Galiza. Fontenla aproveitou a encomenda para realizar varias viaxes polo país. Así, reproducimos deseguido a noticia do xornal La Voz de Galicia que dá conta da súa visita ao poeta Eduardo Pondal. O bardo bergantiñán falecería poucos días despois.
O papel de Fontela na fundación da Academia Galega
Reproducimos a continuación un artigo de Ángel Barros, publicado na revista Galicia da Habana, no que se dá conta do relevante papel de José Fontenla Leal na fundación da Academia Galega. Este artigo foi reproducido pola Revista Gallega da Coruña, de onde o copiamos.
Epístolas de
Unha carta de José Fontenla Leal a Pascual Veiga
Fontenla Leal foi o verdadeiro promotor do himno galego na Habana, e, desde esta cidade, o himno espallaríase por Galiza. Reproducimos a continuación unha carta que lle remitiu en 1906 a Pascual Veiga solicitándolle a música do himno.
Unha carta de José Fontenla Leal a Eduardo Pondal
Fontenla Leal foi o verdadeiro promotor do himno galego na Habana, e, desde esta cidade, o himno espallaríase por Galiza. Reproducimos a continuación unha carta que lle remitiu en 1910 a Eduardo Pondal solicitándolle o texto autógrafo do himno.
Videos
O himno
Fonte: Queiman e Pousa
https://www.youtube.com/watch?v=SwYdj8gHhN0 [Consulta: 2023-04-20]
No Bico un Cantar: «O Himno Galego»
Fonte: TVG
https://www.youtube.com/watch?v=58AObCXLPj0 [Consulta: 2023-04-20]
Referencias bibliográficas
- LLORCA FREIRE, Guillermo: Ferroláns en Cuba, Ferrol: Edicións Embora, 1997.
- NEIRA VILAS, Xosé: Memoria da emigración I, Sada: Ediciós do Castro, pp. 255-262.
- ORAMAS CAMERO, Ángela: Galegos da Habana, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2007, p. 107