f Gonzalo Gurriarán | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Gonzalo Gurriarán

O Barco de Valdeorras, 1904 - Igualada, 1975

Biografía

----

Gonzalo Gurriarán

O Barco de Valdeorras, 1904 - Igualada, 1975

Autoria: Xosé Ramón Fandiño

DOI: 10.17075/adg.1876

Médico e investigador valdeorrés formado en Estrasburgo e pioneiro do asociacionismo montañeiro galego

Procedente dunha familia vasca asentada nas actividades ferreiras de Valdeorras desde finais do século XVI, Gonzalo Gurriarán naceu no ano 1904 no Barco de Valdeorras, cando xa a familia abandonara os enxeños das ferrerías e se establecera no Barco de Valdeorras como vitivinicultores, comerciantes e banqueiros. Estudou os primeiros cursos do bacharelato en colexios do Barco, examinándose por libre no Instituto de León, e por decisión familiar mancomunada, xunto aos seus curmáns Xoaquín e Perucho, rematounos no Colexio Valldemía dos Maristas de Mataró. No curso 1919-20 superou o preparatorio da carreira de Medicina na Universidade de Valladolid, que rematou en Madrid. Logo dun primeiro ano na capital vivindo de pensión, por medio das amizades do seu tío, o médico Xosé Gurriarán, especialmente a de Xoán López Suárez, Gonzalo accede como alumno interno á Residencia de Estudiantes e participa de todas as actividades culturais e científicas nos laboratorios alí montados pola JAE. Ao mesmo tempo iníciase no deporte de montaña e asiste diariamente á Facultade, na que impartía clase un formidable equipo de científicos docentes formados en Europa baixo a tutela da Junta de Ampliación de Estudios. Manterá unha relación de alumno moi especial cos profesores Teófilo Hernando, Juan Negrín e Laureano Olivares, dos que aprendeu Terapéutica, Fisioloxía e Cirurxía.

Rematada a carreira en 1926, foron os Drs. Hernando e Olivares os que o convenceron de que o seu futuro pasaba por ampliar a súa formación no estranxeiro e López Suárez moveu os fíos institucionistas para lograr que a JAE avalase tal pretensión e conseguiu que esta o enviase a Estrasburgo. Chegou á capital da Alsacia en setembro de 1928 e púxose a traballar en Técnica Cirúrxica no Hospital Civil, primeiro co doutor Stölz e despois co Dr. Weiss, co que publicou os resultados das súas inventigacións, ao mesmo tempo que prepara a súa tese de doutoramento (Estudios experimentales sobre la obtención de la úlcera gastroduodenal), que en maio de 1930 defendeu en Madrid ante un tribunal composto polos doutores Simonena, Olivares, Negrín e Varela Radío.

Ante tal aproveitamento, a JAE renóvalle a confianza e concédelle unha bolsa para volver a Estrasburgo e a primeiros de 1931 intégrase na Clínica Cirúrxica B do Hospital da Facultade de Medicina e incorpora ás súas investigacións o gastrofotor, un aparello acabado de inventar en Austria polo medio do cal se obtiñan imaxes directas das paredes do estómago. Desta volta permaneceu en Francia ata 1933, ano no que regresa a Madrid e se vincula ao Instituto de Farmacobioloxía dirixido polo Dr. Hernando e ás sesións clínicas de diferentes profesores da Facultade de Medicina, recibe varios premios polas súas publicacións, foi nomeado axudante técnico cirúrxico do departamento de Farmacoloxía e Terapéutica da Facultade de Medicina. Abrirá unha consulta privada, e co hematólogo Luís Fanjul un laboratorio para a determinación de grupos sanguíneos e para facer transfusións de sangue.

O 18 de xullo de 1936, o Dr. Gurriarán iniciaba as vacacións estivais no Barco de Valdeorras, onde se desatou unha situación de inestabilidade extrema con enfrontamentos entre comunistas e falanxistas, depuracións e fuxidas ao monte. Gonzalo sen adscrición partidista concreta, no Barco era considerado “roxo” pola súa estreita vinculación con corporacións tan marcadamente republicanas como a Institución Libre de Enseñanza, a JAE e pola súa amizade con Juan Negrín. Tras os iniciais momentos de incerteza nos que permaneceu agachado en casa de varios familiares, en febreiro de 1937 logrou incorporase á liña bélica de vangarda como cirurxián sen militarizar en diversos hospitais de campaña da fronte de Madrid. Finalizada a contenda, sen terlle en conta os servizos prestados, ábreselle expediente de depuración, polo que, malia ser sobresaído, coartoulle as posibilidades de continuar desempeñando o seu prometedor traballo científico de antes do conflito. Xa que logo, en 1939 abriu unha consulta clínica e cirúrxica no Barco e exerceu a medicina privada de forma exclusiva ata 1948, ano no que entrou a ocupar unha praza na sanidade pública en Sobradelo de Valdeorras ao serlle recoñecida a oposición que desde 1928 tiña como médico de asistencia pública domiciliaria.

Máis alá da medicina, outra dimensión intelectual de Gonzalo Gurriarán foi a posta en valor, moi na liña cos principios institucionistas, dos valores e a beleza das serras valdeorresas. Xa en 1927 estaba afiliado ao Club Alpino Español e publicaba no seu órgano xornalístico, a revista Alpina, o artigo “Una excursión a Peña Trevinca”, no que, con áxil estilo descritivo, dá conta dos avatares da ascensión a esa cima. Así, en abril de 1944 fundou o Club Peña Trevinca-Montañeiros de Galicia para desenvolver o potencial turístico e recreativo valdeorrés e fomentar os deportes de montaña. Ademais de ocuparse das tarefas organizativas e burocráticas, Gurriarán coordinou e guiou aos excursionistas de fóra da bisbarra, divulgou as intencións do Club en artigos en diversos xornais galegos e madrileños, impulsou a construción do refuxio da Fonte da Cova, dotou ao local social do Barco dunha biblioteca con libros do montañismo complementados con outros sobre xeoloxía, flora, historia e xeografía de Galicia, promoveu actividades relacionadas coa reforestación da serra e a sensibilización sobre a masa arbórea en extinción e estruturou diversos ciclos de conferencias. Outra destacada actividade do Club e do febril entusiasmo que lle imprimía o biografiado foi a edición do Boletín do Club, do que, entre setembro de 1944 e decembro de 1950, se publicaron nove números.

Canso de ver como os seus esforzos a prol do montañismo e do esquí non frutificaban e desanimado pola falta de apoio, Gonzalo Gurriarán vai abandonando a súa intensa dedicación ás actividades montañeiras e sen a súa dirección, o Club Trevinca comeza a esmorecer, pero o afán asociativo de Gonzalo é tan forte que aínda lle quedan folgos para defender o conservacionismo naturista. Promovendo a participación cidadá e con artigos de prensa participou activamente na campaña de defensa do Lago de Sanabria que as empresas Ideam e Iberduero querían aproveitar para os seus intereses hidroeléctricos. Tamén promoveu e presidiu a Sociedad Deportiva de Caza y Pesca de Barco de Valdeooras e encabezou a Xunta Local de Construcións Escolares

En plenitude de facultades, tras 71 anos de intensa actividade científica, asociativa e deportiva, no transcurso dunha viaxe familiar a Cataluña, o doutor Gonzalo Gurrirarán morreu en 1975 en Igualada, vítima dun desafortunado accidente de tráfico.

Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Gonzalo Gurriarán. Recuperado o 23/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1876

Referencias bibliográficas

- Díaz-Fierros Viqueira, F.: A cuestión ambiental en Galicia, Editorial Galaxia, 2006.
- Fandiño, X.R.: Juan López Suárez ou “Xan de Forcados”. Home de ciencia e impulsor das melloras culturais de Galicia, Ediciós do Castro, 2003. (coa colaboración de Ricardo Gurriarán)
- Gurriarán, R.: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Universidade de Santiago. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Santiago, 2006.
- Gurriarán, R.: Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975), Instituto de Estudios Valdeorreses, 2005.