Francisca Herrera Garrido

A Coruña, 1869 - A Coruña, 1950

Biografía

----

Francisca Herrera Garrido

A Coruña, 1869 - A Coruña, 1950

Autoria: Dolores Vilavedra

DOI: 10.17075/adg.1937

A primeira académica electa da RAG

Poeta e narradora, Francisca Herrera, nada nunha familia da burguesía acomodada, tivo a formación propia dunha muller do seu medio e do seu tempo. Determinantes para ela foron a obra e a figura rosalianas; parece que de nova coñeceu á escritora, a quen leu intensamente, e sería Murguía quen lle prologase o seu segundo poemario. Moi influída pola figura materna, a morte desta en 1909 intensificou a súa dedicación á escrita, de serodia materialización editorial. Tras perder, meses antes de casar, ao seu mozo por mor da tuberculose, Francisca instálase en Madrid, onde vivía a súa irmá Queta, casada e sen fillos, coa que estreitará lazos e coa que convivirá ata a morte. A guerra determina o regreso de ambas á Coruña, tentando fuxir da tensión capitalina. Coidando retornar nun futuro próximo, as irmás deixan atrás bens e o seu capital depositado nos bancos: nunca poderán recuparar nada, e iso determinará unha mudanza radical no seu modus videndi. Tras a guerra, vivirán moi modestamente grazas á axuda da familia e de Josefa, a criada de toda a vida, que coidaría unha horta e unhas galiñas para garantir a mantenza.

O 4 de marzo de 1945 a RAG elixe membro numerario a Francisca Herrera Garrido, sendo a primeira muller merecedora de tal distinción. Un mes despois a escritora xa tiña preparado o seu discurso de ingreso sobre Rosalía e os considerados "poetas da Raza", que lle envía ao presidente da institución o 4 de abril. Non obstante, ata 1947 a corporación non designou a Antonio Couceiro Freijomil para que lle respondese. Outros dous anos tardou este en preparar o seu texto, e a escritora falecería en 1950 sen que a corporación chegase a fixar a data do acto solemne de ingreso, aínda que a todos os efectos se considere que foi membro de número da institución. Igualmente sintomático da súa invisibilidade social é que non se teña constancia, nin siquera no espazo oficial que a RAG lle adica aos seus académicos, do día e o mes do seu nacemento.

A obra de Francisca Herrera xira arredor de varios eixos ideolóxicos: o seu conservadurismo e relixiosidade, o ruralismo, e a súa convicción de que a misión da muller era amar incondicionalmente, ata o extremo de xustificar toda renuncia e todo sacrificio, e de considerar a relación materno-filial como o ideal de vida. Como poeta, salientan os seus longos poemas narrativos, que a miúdo contan historias de mulleres aldeás arrequentadas con abundancia de detalles relativos á descrición da paisaxe e das protagonistas. Tamén cultivou un rexistro de formas máis breves, nas que se evidencia a influencia das cantigas populares e da súa admirada Rosalía. Dito isto, e tendo en conta que a tradición literaria galega estivo sempre dominada pola lírica, é aínda máis salientable o esforzo da escritora por desenvolver a narrativa en lingua galega, un xénero de escasa tradición no que non abundaban os modelos que puidesen orientala, tanto no plano estrutural como puramente lingüistico. Moi debedora do folletín romántico, a súa produción narrativa non desmerece do que en galego se fixera ata entón e sorprende pola súa riqueza léxica que, para Carlos Casares, "non fire nin apabulla" e que "anuncia xa as grandes realizacións da xeración de don Ramón Otero Pedrayo".

Ademais da citada máis abaixo, Francisca Herrero ten moita obra (tanto en galego como en castelán) espallada en publicacións periódicas como El eco de Galicia y Cultura gallega de La Habana, Galicia e Alma gallega de Montevideo, mais tamén en revistas curiosas como A. C. G. (do Auto-Aero Club de Galicia), que inclúen ás veces textos orixinais e outras reproducen poemas xa editados
No Museo de Pontevedra encóntrase o seu arquivo, que contén documentos privados, manuscritos (algúns inéditos) mesmo un diario e correspondencia. Que este arquivo aínda non fose estudado e publicado na súa totalidade é unha boa proba da posición secundaria que á escritura se lle atribúe no sistema literario galego, malia serlle dedicado en 1987 o Día das Letras Galegas.

Como citar: Vilavedra, Dolores : Francisca Herrera Garrido. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1937 DOI: 10.17075/adg.1937]

Obra de Francisca Herrera Garrido

«O antisufraxismo e a condición feminina en «A muller galega» de Francisca Herrera Garrido. Artigo de Carmen Blanco
Fonte: Grial,nº 92 (abril, maio, xuño 1986), p. 147-162
«Follas murchas». Poema de Francisca Herrera Garrido publicado en 1927
Fonte: A Nosa Terra. Idearium das Irmandades da Fala, nº 239 (25 de xullo de 1927), p. 6
«Martes de Antroido – Francisca Herrera Garrido».

Artigo sobre a publicación da novela Néveda na biblioteca Lar
A Nosa Terra. Idearium das Irmandades da fala, nº 213 (1 de xuño de 1925), p. 12

«A muller galega» artigo de Francisca Herrera publicado en 1921.
Fonte: Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega, Órgao da Sociedade «Nos», nº 6 (20 de agosto de 1921), p 8-15
NÉVEDA por Francisca Herrera Garrido

Nós. Boletín Mensual da Cultura Galega, Órgao da Sociedade «Nos», nº 1 (30 de outono de 1920), p 19.

Obra sobre Francisca Herrera Garrido

«Gallegas también famosas»
Fonte: Ecos da Terra. Organo Oficial da Casa de Galicia, nº 13 (Montevideo, outubro 1989), p. 48-49
«O día das letras galegas `87, adicado a Francisca Herrera Garrido». Artigo de Efrén Vázquez
Fonte: Grial, nº 96 (abril, maio, xuño 1987), p. 238-241
Francisca Herrea Garrido, Necrolóxica. Artigo de Juán Naya
Fonte: Boletín de la Real Academia Gallega, A Coruña, XXV, nº 289-293 (xaneiro 1946-decembro 1950), p. 160-161.
«Los poetas gallegos de hoy: Francisca Herrera Garrido»

Artigo de A. Ribalta.
Fonte: Eco de Galicia, La Habana, nº 361 (15 de setembro de 1930), p. 13.

«Dos poetas gallegos». Artigo de Eugenio Carré Aldao

Galicia Gráfica, La Habana, nº 4 (30 de agosto de 1913), p. 4-5.

Especial Francisca Herrera Garrido na Festa da palabra silenciada

Reprodución do monográfico dedicado a Francisca Herrera publicado na revista Festa da palabra silenciada, nº 3, 1986, p. 1-22. Conta con artigos de María do Carme Ríos Panisse, María Camino Noia, María Xosé Queizán, Isabel Mouriz, Ana Romaní e María Xosé Canitrot. Inclúe ademais unha antoloxía da obra da homenaxeada.

Bibliografía

- DÍAZ DEL RÍO, E., “Francisca Herrera Garrido en el Museo de Pontevedra”, El Museo de Pontevedra, LVIII (2004)
- NOIA, Mª C., “Introducción” a Néveda, Vigo, Xerais, 1990
- CASARES, C., “Vida e obra de F. Herrera”, en F. Herrera. Vida e obra. Escolma de textos, A Coruña, RAG, 1987.
- BLANCO GARCÍA, C., “O antisufraxismo e a condición femenina en A muller galega de F. Herrera Garrido”, Grial, nº 92 (1986)
- RÍOS PANISSE, C., “Néveda, primeiro acerto lingüístico e estilístico na novela galega”, Grial, nº 90 (1985)

Artigos Francisca Herrera Garrido

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Francisca Herrera Garrido nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (12/1950) Galicia cada treinta días (noviembre). Galicia. (453), 13 .
Mencións: Manuel Fraga ; Francisca Herrera Garrido ;
HERRERA GARRIDO, F. (1/1986) "Como aman as galegas". Festa da palabra silenciada. (03), 20.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
HERRERA GARRIDO, F. (1/1986) Introduzón [Néveda]. Festa da palabra silenciada. (03), 20.
Ver narrativa Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
HERRERA GARRIDO, F. (1/1986) Néveda [fragmento]. Festa da palabra silenciada. (03), 20.
Ver narrativa Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
HERRERA GARRIDO, F. (1/1986) Por qu'o noman "Follas Novas". Festa da palabra silenciada. (03), 21.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
HERRERA GARRIDO, F. (1/1986) Meu anxo. Festa da palabra silenciada. (03), 22.
Ver poesía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións: