Exeria

-

Biografía

----

Exeria

-

Autoria: José Carlos Santos

DOI: 10.17075/adg.2

Exeria. Unha das primeiras peregrinas cristiás

De Exeria como autora dun Itinerarium á Terra Santa fala por primeira vez Valerio do Bierzo, ao redor do ano 680, nunha carta dirixida probablemente á comunidade monástica de San Pedro de Montes. Os cinco manuscritos medievais que se conservan desa carta, todos de procedencia hispana, transmiten distintas variantes do nome da autora galaica: Aetheria, Eiheria, Echeria, Heteria, Egeria, sendo esta última a que prevalece nos manuscritos e a que, ademais, ten outras ocorrencias na onomástica galaica medieval.

Valerio do Bierzo refírese a Exeria como «nacida na costa máis afastada do océano occidental» (extremo occidui maris oceani litore exorta) e, noutra pasaxe, fai ver que era conterránea súa, orixinaria do extremo da rexión occidental que el habitaba (huius occidue plage... extremitas).

En 1903 M. Férotin identificou a Exeria de Valerio como a autora do Itinerarium mútilo e anónimo que transmite un manuscrito da biblioteca da Fraternidade de Santa María de Arezzo (Italia), escrito en Montecassino no século XI. A obra, datable de finais do século IV ou comezos do V, foi sen dúbida escrita por unha muller, que se dirixe a unhas sorores afastadas para informalas das súas viaxes e perspectivas. O manuscrito fora descuberto en 1884 por G. F. Gamurrini, que atribuíu o Itinerarium a Silvia, cuñada de Rufino de Aquitania. A hipótese de que a descoñecida autora do Itinerarium de Arezzo era aquitana (ou italiana) sostívose minoritariamente, mesmo despois de publicadas as conclusións de Férotin; a súa base son algunhas expresións do propio Itinerario e algunhas construcións vulgares da súa lingua, que poderían ser características do sermo cotidianus desas rexións, aínda que en opinión dun dos mellores estudosos da lingua de Exeria, V. Väänänen, non hai dúbida de que era orixinaria de Galicia.

Sobre a biografía de Exeria e da súa personalidade sabemos o pouco que se deduce do Itinerario e da carta de Valerio do Bierzo: era monxa ou quizais unha devota viúva, probablemente de alta escala social, lectora do Antigo e Novo Testamento, muller curiosa, intrépida, audaz e forte. Arredor do ano 381 emprendeu con acompañantes unha viaxe a Oriente, que debeu durar ata o 384 (aínda que a datación podería ser posterior: 408-410), para rezar e coñecer directamente os lugares bíblicos e evanxélicos e tamén a Tebaida exipcia, onde estiveran os ascetas do primeiro cristianismo. Desa viaxe, que se inscribe nunha tradición tardoantiga e altomedieval de peregrinaxes de mulleres, coñecemos directamente o fragmento que contén o códice de Arezzo e o resto indirectamente, xa que a obra de Exeria serviu como fonte non só a Valerio do Bierzo, senón tamén a Pedro Diácono, bibliotecario do mosteiro de Montecassino en Italia, que en 1137 rematou de escribir un tratado: De locis sanctis. No fragmento que se conserva distínguense dúas partes: unha trata das visitas aos Santos Lugares comprendidos entre O Sinaí, Siria e Anatolia e a outra describe a vida litúrxica en Xerusalén. Descoñecemos se Exeria volveu con vida.

Exeria non cita outra cousa que non sexan as Escrituras nin menciona máis lecturas que algún fragmento de acta ou passiones de mártires; a cultura clásica parece ausente nela. O seu estilo árido, frío e pouco refinado foi cualificado por L. Spitzer como «épico» por seren características del as iteracións, fórmulas e enumeracións (de lugares, oracións, etc.). Isto, xunto co uso dun rexistro lingüístico informal, podería dar a impresión dunha Exeria inculta, se non fose porque houbo outras mulleres medievais moi cultas (como Rosvita) que aparentaron simplicidade para non seren criticadas polos seus contemporáneos ou tamén (como Hildegarde de Bingen) para fuxir do soberbio discurso das escolas mundanas. En calquera caso, parece que a súa intención non foi escribir unha obra literaria, senón describir un itinerario de viaxe ou, máis ben –xa que non se centra na descrición de monumentos nin nos seus acompañantes–, unha peregrinatio animae, que quizais tivo orixinalmente forma epistolar.

Aínda que temos noticia da existencia doutros exemplares medievais, o único testemuño que se conserva da obra de Exeria é o manuscrito de Arezzo, ao que hai que engadir algúns pequenos fragmentos nun códice que procede da catedral de Toledo (hoxe en Madrid, Biblioteca Nacional, cod. 10018).

Como citar: Santos, José Carlos : Exeria. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2 DOI: 10.17075/adg.2]

Obra sobre Exeria

VIDAL COLLAZO, Marisa. «Exeria. Unha muller curiosa», Encrucillada (setembro-outubro 2012), n. 179, p. 19-33.

Bibliografía

- DÍAZ Y DÍAZ, M. C., "Apuntes en torno a la historia textual del Itinerarium Egeriae", Euphrosyne, 31 (2003), p. 333-338
- NOVOA, F. (coord.), De Finisterre a Jerusalén. Egeria y los primeros peregrinos cristianos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003.
- ARCE, A., Itinerario de la Virgen Egeria, Madrid, Biblioteca de Autores Cristianos, 1996.
- CARDINI, F., "Egeria la peregrina", en La mujer medieval, ed. F. Bertini, Madrid, Alianza, 1991, p. 35-62.
- LÓPEZ PEREIRA, E., Exeria. Viaxe a Terra Santa, Vigo, Xerais, 1991.
- VÄÄNÄNEN, V., Le journal-épître d´Égérie (Itinerarium Egeriae). Étude linguistique, Helsinki, Annales Academiae Scientiarum Fennicae, 1987.