f Hortensia Landeira | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Hortensia Landeira

Ferrol, 1912 - Ferrol, 1999

Biografía

----

Hortensia Landeira

Ferrol, 1912 - Ferrol, 1999

Autoria: Hortensia Pérez

DOI: 10.17075/adg.2137

Esa teimuda esperanza nun mundo mellor

Hortensia Landeira nace en Ferrol en 1912, é a segunda de tres irmás. O seu pai, coñecido polo seu traballo e a súa militancia socialista, era de Santa Mariña e a súa nai de Serantes, dúas localidades próximas a Ferrol. Desde moi nova, gustou moito da literatura, sempre contaba que os primeiros libros que leu, sendo aínda moi nena, foron as biografías de Voltaire e Flamarion e o Emilio de Rousseau. Era unha muller moi culta.

Vendo os seus pais as aptitudes que tiña para o debuxo, aos catorce anos matricúlana na Escola de Artes e Oficios de Ferrol. Neste centro foi alumna, entre outros, do profesor Eduardo de la Vega. Pronto se converte nunha experta debuxante, fundamentalmente de retratos, e aínda que realiza moitos dos seus traballos por encargo, nunca percibiu dotación económica por eles. Os cadros da súa autoría pendurados nas paredes da súa casa son varias copias de imaxes relixiosas dos anos 1924 e 1925 de artistas recoñecidos, os retratos do seu pai e da súa nai de tamaño natural realizados nos anos 1925 e 1926, a Alegoría da República do ano 1931, un debuxo de grandes dimensións de 1932 que representa a Loke e Sigyn (dous personaxes da mitoloxía escandinava) e o retrato de Pablo Iglesias no que nos imos deter.

En 1932 Hortensia quixo regalarlle ao seu pai un retrato de Pablo Iglesias pero atopouse cun problema. Cuestións políticas impediron que o realizase na Escola, a Dirección opúxose. Tomou entón a decisión de debuxalo na casa coas debidas precaucións para que o seu pai non a vise traballando. Tendo o retrato rematado e aínda colocado no cabalete, Hortensia amosoullo ao seu pai, quen só acertou a dicir emocionado «El Abuelo!»; así se lle chamaba ao fundador do Partido Socialista e da Unión Xeral de Traballadores. Segundo contaba ela, aquel foi un momento inesquecible para a familia. O cadro foi enmarcado e ocupou un lugar destacado na casa, pero non durou moito nese lugar. O estalido da guerra do 1936 obriga á familia a sacalo do seu marco orixinal e a escondelo no faiado. Na actualidade, amais de ocupar o seu lugar orixinal na casa, ilustra a entrada da biografía de Pablo Iglesias na Gran Enciclopedia Gallega.

Na época da Guerra Civil Hortensia xa casara con Antonio Pérez Rodríguez e ambos, xunto coa súa filla Hortensia, dun ano, marchan cara á Coruña, a onde fora destinado Antonio, obrigado a tomar parte na guerra. Alí nace Laura, a súa segunda filla. Unha vez rematada a contenda retornan a Ferrol. Eran os difíciles tempos da posguerra pero afortunadamente a familia nunca pasou necesidades.

Pasados os anos, cando se organizou o Partido Comunista na clandestinidade, o seu grande espírito social convertía esta idea en algo grande. Segundo as súas palabras «a propia causa era inmensa». Había que loitar polo pobo e conta a ditadura, e ese feito enchía a súa vida e levouna a traballar no partido ata o final.

Na súa casa reuníanse as mulleres con responsabilidades dentro do partido. Trataban cuestións económicas, visitas a presos, preparación de manifestacións, etc. Ao remate das reunións, tiñan a obrigada precaución de mirar as rúas por se había algún policía vixiando. A casa estaba baixo sospeita.

Cando ocorren os sucesos do 10 de marzo de 1972 (declarado con posterioridade día da clase obreira galega), Hortensia, nunha reunión clandestina, propón facer uns recordatorios polos compañeiros asasinados. Decidiuse ir a unha imprenta de confianza e ela ofrécese para facer o encargo. Fíxoo pero ao día seguinte o dono, moi amigo da familia, foi falar con ela para lle dicir que a policía estivera na imprenta por unha denuncia dunha señora que naquel momento estaba tenda. El negou coñecer a Hortensia e recomendoulle que, no caso de que a policía fose á súa casa, negase todo. Grazas a este amigo non pasou nada e os recordatorios fixéronse. A imprenta aínda existe. Noutra ocasión, Hortensia e dous compañeiros do partido foron a Mondoñedo para falar co bispo coa finalidade de que intercedese na anulación da pena de morte de cinco presos políticos. O papa xa avogara por eles. O bispo díxolles que, tendo en conta a avanzada idade do Caudillo, era improbable que cargase na súa conciencia coa firma de cinco penas de morte. Aínda así firmounas no ano 1974 obviando por completo a opinión da Igrexa e dos seus mandatarios.

Polo seu forte compromiso e a súa sensibilidade social facía seus os problemas da clase traballadora e da política en xeral. Esta era a razón de que ás veces a súa expresión reflectise unha fonda e inqueda tristura e de que, entre 1979 e 1987, trasladase ao público a súa crítica social a través de diferentes artigos na prensa. Algúns deles escritos con fina ironía e outros cheos de coraxe.

Os seus escritores preferidos eran os clásicos rusos, gregos e franceses. Sempre dicía, emulando a Máximo Gorki: «A miña Universidade son os libros». E así era, con eles formou a súa personalidade, os seus extensos coñecementos e unha biblioteca ben cumprida na que, segundo Ferrín, a escritora Xohana Torres se formou na literatura rusa. O seu ben amado Victor Hugo foi a súa alma mater. Del leu toda a súa obra, con el coñeceu o desenvolvemento da Revolución Francesa e da política en xeral e sobre el escribiu un artigo en La Voz de Galicia.

Un día aciago púxose moi enferma e houbo que levala ao hospital. Estaba lendo Yo acuso de Zola. Foi a súa última lectura.

León Tolstoi dixo en certa ocasión: «Unha persoa de talento pode resultar ridícula se é fachendosa. Non obstante unha persoa culturalmente dotada é agradable e útil se ten unha opinión moderada de si mesma». Esa era Hortensia Landeira. Unha gran Señora.


Obra pictórica
- Copias de imaxes relixiosas de artistas recoñecidos (1924 – 1925)
- Retrato do pai (1925)
- Retrato da nai (1926)
- Alegoría da República (1931)
- Loke e Sigyn (1932)
- Retrato de Pablo Iglesias (1932)

Artigos en prensa:
- “Torre de Babel” La Voz de Galicia (1979)
- “ Imperialismo americano” La Voz de Galicia (5-2-1980)
- “A ferramenta das potencias” La Voz de Galicia (1980)
- “Invasiones militares” La Voz de Galicia (16-5-1980)
- “La OTAN y los jóvenes” La Voz de Galicia (13-8-1980)
- “Los viajes del Papa” La Voz de Galicia (5-2-1981)
- “No son todos los judíos” La Voz de Galicia (6-3-1981)
- “Europa y la OTAN” La Voz de Galicia (21-10-1981)
- “¿Porque se ayuda a Polonia?” La Voz de Galicia (26-1-1982)
- “El dinero de la Iglesia” La Voz de Galicia (15-8-1982)
- “Un martir olvidado” La Voz de Galicia (12-8-1983)
- “Las cacerolas de Chile” La Voz de Galicia (5-9-1983)
- “Por la paz” La Voz de Galicia (1984)
- “Recordando a Víctor Hugo” El Ideal Gallego (6-3-1987)
- “El poeta ruso Puschkin, en busca de la libertad” El Ideal Gallego (8-8-1987)

Como citar: Pérez, Hortensia : Hortensia Landeira. Recuperado o 26/05/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2137 DOI: 10.17075/adg.2137]