Ángel Lázaro

Ourense, 1900 - Madrid, 1985

Biografía

----

Ángel Lázaro

Ourense, 1900 - Madrid, 1985

DOI: 10.17075/adg.2169

Poeta e dramaturgo galego na Habana

O xornalismo, a poesía e o teatro marcaron a vida de Ángel Lázaro. Na Habana estrearíase como poeta e dramaturgo. O teatro foi a súa grande paixón, as súas obras tiveron un importante eco no Madrid dos anos vinte e trinta. A Guerra Civil levouno outra vez a Cuba, onde a súa obra volvería ser recoñecida e admirada.

Ángel Lázaro Machado naceu en Ourense o 27 de xaneiro de 1900. O seu pai, natural de Burgo de Osma, era veterano da Guerra de Cuba. A súa nai era natural de Santa Clara (Cuba). Pouco despois do seu nacemento a familia trasladouse á parroquia de Santa María de Velle, no mesmo Concello de Ourense.

Emigrou a Cuba aos trece anos, desempeñando variedade de oficios. Así, foi dependente de almacén de pianos e igual posto exerceu nun almacén de talabartaría. No entanto, sería o xornalismo onde Ángel Lázaro comezaría axiña a destacar, oficio que lle serviría como antesala dunha brillante carreira literaria. Deste xeito, comezou a colaborar co xornal El Comercio; como reporteiro deste diario percorreu grande parte da illa de Cuba. Nestas viaxes Lázaro tamén exerceu como axente dunha compañía teatral, ocupación que lle abriría as portas do mundo do teatro.

Non obstante, a primeira obra publicada en Cuba por Ángel Lázaro foi un libro de poemas. En efecto, a obra levou por título El remanso gris (1920) e a fama acadada coa súa publicación abríulle ao autor as portas doutros xornais de prestixio. Así, comezou a colaborar con Diario Español, xornal dirixido polo galego Adelardo Novo, Diario de la Marina ou Social. Outros periódicos onde colaborou foron: El Nacionalista, onde empregou o pseudónimo "Olán Clarín". Publicou os seus poemas en Galicia, Eco de Galicia e Chic.

En 1922 Ángel Lázaro participou na “Protesta de los trece”, acto reivindicativo no que coñecidos intelectuais cubanos protestaron contra a corrupción do presidente Alfredo Zayas. Non tardaría Ángel Lázaro en estrear a súa primeira obra teatral, que levou por título Con el alma (1923) e foi prologada por Jacinto Benavente. Esta primeira achega de Lázaro ao teatro foi unha comedia en dous actos e en prosa.

En 1923, tras regresar a España, asentase en Madrid, obtendo grande éxito como dramaturgo. Traballou como redactor do xornal La Libertad, onde coincide cos irmáns Manuel e Antonio Machado, cos que chegaría a ter unha importante relación. Ao estoupar a Guerra Civil retorna á Habana. A través da súa colaboración no xornal Pueblo amosou o seu decidido apoio á causa republicana en España. En novembro de 1938 asumiu a dirección do bimensuario antifranquista Revista de España. En xaneiro de 1939 ingresou como redactor en El Mundo, e pouco despois entrou na redacción do diario Mañana e da revista Carteles. En setembro de 1945 foi un dos fundadores do Pen Club de Cuba. Ademais foi colaborador de revistas como El Fígaro, Cultura Gallega, Nuestra España, entre outras. En 1955 visitou España, a partir de entón comezou a se alonxar da causa republicana, achegándose ao mesmo tempo ao réxime franquista. En 1957 foi nomeado vogal da Junta de Gobierno de la Asociación de la Prensa de Cuba. Cando en 1959 triunfa a Revolución atopábase de visita en Madrid e xa non retornou a Cuba.

Entre as súas obras tras o retorno a Cuba podemos destacar o poemario Lonxe (1955), que contén algúns versos en galego. En 1937 publicou Romances de Cuba y otros poemas. Na Habana publicaría en 1940 o libro Antología poética, libro prologado por Manuel Altolaguirre. De 1953 data a súa obra Canción de Martí, libro publicado pola Comisión Nacional Organizadora de los Actos y Ediciones del Centenerio y del Monumento de Martí.

Faleceu en Madrid en 1985.

Como citar: Ángel Lázaro. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2169 DOI: 10.17075/adg.2169]

Obra de Ángel Lázaro

Un poema de Ángel Lázaro dedicado a Galiza

Reproducimos a continuación un poema de Ángel Lázaro, copiado do seu libro Antología poética, onde recrea a Galiza desde a súa residencia caribeña.

Ángel Lázaro conta os seus comezos en Cuba

Como prólogo ao seu libro de poemas El molino que no muele Ángel Lázaro escribiu unha autobiografía, reproducimos a continuación os parágrafos deste texto referidos aos seus primeiros anos en Cuba.

Obra sobre Ángel Lázaro

Manuel Altolaguirre escribe sobre Ángel Lázaro

Reproducimos a continuación o prólogo que o poeta Manuel Altolaguirre escribiu para o libro de Ángel Lázaro Antología Poética.

Bibliografía

- CUADRIELLO, Jorge Domingo: Los españoles en las letras cubanas durante el siglo XX. Diccionario bio-bibliográfico, Sevilla: Renacimiento, 2002, p. 101
- NEIRA VILAS, Xosé: Castelao en Cuba, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1983, p. 226
- CHICHARRO CHAMORRO, Dámaso: El teatro de Ángel Lázarro, Granada: Universidad de Granada, 1977.