Xan Viaño
, - ,Autoría: Lucinio Medel Iglesias
Prometedora figura da nova xeración de compositores dos anos 80
Xan ou Xoán Viaño, como lle gustaba asinar as súas obras, nado en Ferrol no 1960, foi unha prometedora figura da nova xeración de compositores dos anos 80, cunha traxectoria musical truncada pola súa precipitada morte no 1991 con tan ós 30 anos en Vigo, cidade na que exercía de profesor música de ensino secundario, praza gañada por oposición. O seu temperá falecemento fixo que parte do seu traballo se perdera, quedase inacabado ou en bosquexos.
Estuda Xeografía e Historia, piano e harmonía en Santiago de Compostela onde coñece unha figura clave, Maximino Zumalave, que estreará e revisará parte da súa produción, como fixo en Nubens brancas (1990), unha das súas obras máis coñecidas, estreada en Santiago pola orquestra de Cámara de Stuttgart, e en Le nuit froide et sombre (1989), para coro e orquestra, estreada pola Real Filharmonía de Galicia en 2002.
Participou na creación da Asociación Galega de Compositores e foi director do coro Cantigas e Agarimos (1983) e do Coro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela (1987/1989).
O seu mundo musical transita dende a música do Renacemento ata chegar as linguaxes do século XX, empregando a técnica dodecafónica ou a música electroacústica na obra Los cisnes del lago Ontario (1985).
O seu opus inclúe: música vocal a capella, Vinea mea electa (1979), Nocturnalia I (1984/1985); con acompañamento de piano, Le cimitière marin (1989); para instrumento solista destacan Metamorfosis (1985) coa que gaña en 1986 o VI Concurso nacional de composición para órgano Cristóbal Halffter, e Visións serias para piano (1988); Movimiento para cuarteto de cuerda, escrita en Byreuth (1988) onde coñece a Franz Hummel; música orquestral, Habbiamo fato un bagno (1989).
Estuda con figuras internacionais como Luigi Nono, Daniel Teruggi, Cristóbal Halffter Josep Soler ou Tomás Marco. Este último encárgalle a obra, In memorian G.C, composta e estreada en 1987 no III Festival de Música Contemporánea de Alacante.
Preludio y postludio a Cabalum está escrita para frauta, trompa en fa, viola, arpa, piano e barítono. Datada en Vigo no 1986, foi estreada en Madrid o 27 de maio de 1987 a cargo do Grupo Círculo, tras ser seleccionada na VI Tribuna de Jóvenes Compositores da Fundación Juan March de Madrid. Toma o seu nome dun poema de Carlos Oroza titulado Cabalum. O propio Viaño di: “la música no pretende descubrir las palabras del texto, sino que con ella busco una recreación muy personal de los mundos poéticos de Oroza”.
De gran carga cromática, veremos reflectidas ideas musicais do século XX dende o uso do Sprengesan, recitado-falado, ata clusters sonoros e mudos.
Está estruturada en dúas partes ben definidas. A primeira instrumental e con tres partes internas ábrese co piano, ao que se lle engaden gradualmente o resto dos instrumentos, para que despois dunha intensa sección escoitar novamente ao piano introducindo a segunda parte. Nesta sección, que vén precedida dun silencio, intervén o barítono co conxunto instrumental, e aparece o poema de Carlos Oroza Cabalum, rematando cunha nova intervención do piano: “obra pechada en si mesma”.
Documento
Como citar: Medel Iglesias, Lucinio : Xan Viaño. Publicado o 7/2/2013 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22166. Recuperado o 30/03/2023
Audios
Audio Xan Viaño