Olga Moreiras Tuni

Vigo (Pontevedra), 1933 - Madrid, 2012

Biografía

----

Olga Moreiras Tuni

Vigo (Pontevedra), 1933 - Madrid, 2012

Autoria: Francisco Díaz-Fierros Viqueira

DOI: 10.17075/adg.22220

A composición dos alimentos españois

Logo de pasar seus primeiros anos en Sarria (Lugo), viviu posteriormente en Málaga e Madrid. Na capital española estudou para profesor e intendente mercantil na Escola Superior de Comercio, e posteriormente fíxose técnico bromatólogo na Escola de Bromatoloxía da Complutense. Casou con Gregorio Varela Mosquera e converteuse na súa máis directa colaboradora. En Granada, a onde fora destinado seu marido, estudou a carreira de Farmacia e, posteriormente, cando este volveu a Madrid, realizou o doutoramento en Farmacia na Complutense. Gañou por oposición a praza de catedrático de Nutrición e Dietética da Facultade de Farmacia da Complutense.

A súa obra

Desde as primeiras enquisas sobre alimentación española postas en marcha polo Instituto de Bromatoloxía e, posteriormente, polo Instituto Nacional de Estatística, Olga Moreiras foi a coordinadora directa dos mesmos. Como complemento destes traballos elaborou unhas Tablas de Composición de Alimentos, fundamentalmente españois, que foron referencia permanente para calquera traballo sobre esta temática (en 2011 publicouse a 15ª edición). Así mesmo, foron moi recoñecidas e utilizadas as súas recomendacións sobre o consumo de alimentos para a poboación española. Outro tipo de estudos que promoveu foron os relativos ao estado nutricional das persoas de idade avanzada e a valoración dos factores dietéticos de risco nas enfermidades cardiovasculares. Participou en proxectos de investigación financiados polo Departamento de Agricultura dos EE.UU., a OCDE e a FAO, e liderou varios proxectos de investigación europeos (SENECA, EUROFOODS, HEALTHTENSE, OPTIFORD, etc.) que son referencia no mundo da nutrición. Publicou 23 libros, 35 capítulos de libros e máis de 200 artigos en revistas nacionais e internacionais, así como 230 relatorios de congresos.



Bibliografía:




Fontes impresas:

MOREIRAS, O.; CARBAJAL, A.; CABRERA, L.; CUADRADO, C. (2011): Tablas de Composición de Alimentos, 15ª ed., Madrid: Ed. Pirámide.


Bibliografía secundaria:

VARELA MOREIRAS, G. (2012): In Memoriam. Olga Moreiras Tuny (1933-2012), Nutr. Hosp. , 27 (5): 1679.

Como citar: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco : Olga Moreiras Tuni. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22220 DOI: 10.17075/adg.22220]