María del Portal Panisse Ferrer
A Coruña, 1914 - Santiago de Compostela, 28/8/2001Autoría: Encarna Otero
A boticaria da liberdade
María del Portal Emiliana Panisse Ferrer «Maruxa», a boticaria da liberdade, naceu na Coruña o 11 de outubro de 1914, o mesmo ano que comezaba a gran guerra ou Primeira Guerra Mundial, ano de emigración masiva a América desde o porto da Coruña, onde as mulleres de «mans negras» sobrevivían traballando arreo no peirao carretando baúis, maletas e todo tipo de vultos de quen ían facer as «américas». Naceu nunha das moitas familias liberais, ilustradas e cultas que existían na Coruña daquela época.
Viviu en San Andrés, no Orzán, en María Pita e, como era habitual naquela altura, para mudar de aires, pasaba os veráns coa súa familia no rural, máis concretamente en Almeiras (onde quizais coincidise con Sofía Casanova).
Estudou no colexio do Pilar, a onde había que levar a cadeira, nas «Xosefinas» e no Instituto Eusebio da Guarda. Ao tempo que estudaba 7º de bacharelato e a carreira de perito mercantil, prepara a reválida e tamén oposicións ao Ministerio da Gobernación. Estas foron conxeladas polo goberno da República, co que se lle pechou esta posible saída profesional e laboral.
No que atinxe á elección da carreira, ela tiña a idea de facer Biolóxicas, mais isto obrigábaa a desprazarse a Madrid e a familia non dispuña de recursos suficientes para isto. Vai ser o seu compañeiro de instituto e amigo persoal Luís Díaz quen a anime a estudar Químicas en Santiago, carreira en que se matricula, despois dun grave accidente, no ano 1932. No seu tempo de estancia na universidade, relaciónase co círculo galeguista de Tenreiro, Xosé «Pepe» Abad, Pedro Brañas, Francisco «Paco» del Riego e chega a se facer moi amiga de Evelina Hervella, quen máis tarde se casará con Del Riego. Coñece, ademais, a Enrique Ríos Suárez, comunista e licenciado en Químicas, con quen vai iniciar unha relación de parella a partir de 1935.
Remata a carreira de Químicas en setembro de 1937 e volve á Coruña. Alí comeza a estudar Maxisterio e a impartir aulas, primeiro nas «Xosefinas» e logo na Academia de D. Ángel del Castillo. No ano 1941, remata Maxisterio e casa con Enrique Ríos Suárez, quen naquela altura era socio dunha industria farmacéutica, con sede en Vilagarcía, que dispoñía de varias patentes. O fracaso desta iniciativa fará que a parella se traslade Santiago de Compostela. A súa primeira vivenda nesta cidade estaba situada na rúa da Algalia, mais as malas condicións do edificio farán que axiña se instalen na rúa de Castrón Douro, número 6, nunha casa con horta onde vivirá a parella e nacerán as súas dúas fillas (Adela e María do Carme «Menani») e o seu fillo (Enrique «Pancho»). O seu perfil de muller republicana, formada na Institución Libre de Enseñanza, ben se evidencia na elección do tipo de educación que escolle para as súas fillas e fillo: «porque a escola franquista adoutrinaba», elixe para a súa formación a Preceptoría, que co tempo se vai transformar na Academia Minerva.
No que toca ás actividades laborais, unha vez chegada a parella a Santiago, Maruxa consegue un traballo de mestra no colexio das Orfas e Enrique accede a un posto de axudante na universidade ata o remate da carreira de Farmacia. Será entón cando abra a botica na rúa de San Pedro.
No ano 1952, detéctaselle a Enrique Ríos unha grave enfermidade coronaria que acabará coa súa vida seis anos despois. A descuberta desta enfermidade intervén na decisión de Maruxa de comezar a facer a carreira de Farmacia. No ano 1957, unha vez licenciada, abre unha botica na rúa de Fonseca, da que é a titular. Esta vai ser atendida por ela e a súa forma de traballo configúraa como «boticaria da liberdade».
Maruxa foi unha muller humanista, hixienista e, sobre todo, libre. Unha liberdade que se fai ben patente durante os duros e escuros anos do franquismo. Anos de restricións de carácter político, social e cultural especialmente duros para as mulleres. Anos en que está prohibida a práctica do aborto e o emprego de calquera método anticonceptivo diferente ao do ineficaz calendario Ogino-Knaus. E anos en que Maruxa, saltando as regras impostas polo goberno, comercializa na súa botica calquera tipo de anticonceptivo sen receita médica (pílula, preservativo…). Trátase dun comportamento único en Compostela, unha mostra de apoio á libre decisión das mulleres de elixir cando e como queren ser nais e que reverte nunha inmensa tranquilidade e sosego para elas.
Outro exemplo que fala do comportamento e a responsabilidade social de Maruxa como boticaria está no feito de se negar a vender sen receita a Centramina e outros estimulantes utilizados polo estudantado universitario. Afirmaba que a súa composición podía danar as persoas que abusaban destas substancias.
Nunha aldea de Galiza unha muller xa de idade, falando con outras mozas, dicía: «neniñas, vós tedes moita sorte porque vivistes dúas revolucións que mudaron a vida das mulleres: a da lavadora e a da píldora; a primeira sandou a barriga, os pés e as costas do frío e da cara; a segunda quitouvos o medo do corpo». De ter escoitado isto Maruxa Panisse Ferrer seguro que botaría un sorriso desde a porta da súa botica na rúa de Fonseca.
Como citar: Otero, Encarna : María del Portal Panisse Ferrer. Publicado o 1/1/2013 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22228. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
As primeiras profesoras do instituto da Coruña
Artigo de Marieta Chavert Díaz e Ana Romero Masía no que se achegan datos sobre: Julia Puga Cerdido, Pilar Martínez Díaz Cañedo, Dolores García Vázquez, María Guede Conde, Otilia Babío Amor, Eloisa Cervigón Díaz, María Parache de Varela, Susana Sanz Vega, Concepción Villena Villalaín, Adela Fernández Martínez, María del Portal Panisse Ferrer, Dolores Díaz Baliño, África González Barbeito, Carmen Casares Couto, Josefina del Pino Delgado, Encarnación Aguado Santillana, Dolores Díaz Mirás, Rosario Riestra Limeses, Dolores Ackerman
Fonte: estudioshistoricos.com
Publicado en Nalgures, n.19 (20-22), p. 225-253
Ligazóns de interese
María del Portal Panisse na wikipedia
[última consulta: 22/07/2021]
María del Portal Panisse en A Coruña de mulleres
[última consulta: 22/07/2021]
"La boticaria que daba la píldora", La Opinión (17/09/2017)
[última consulta: 22/07/2021]
Acceso en liña a Mulleres de Compostela, unidade didáctica para ESO e Bacharelato editada por El Patito Editorial.
Fonte: El Patito Editorial.
https://www.elpatitoeditorial.com/