Beatriz Benavides

- Santiago de Compostela

Biografía

----

Beatriz Benavides

- Santiago de Compostela

Emprendedora e mercadora compostelá do s. XVI

En memoria da Dra. Serrana Rial García (+2012)

Non sabemos cando naceu Beatriz de Benavides, tampouco cando morreu. Sabemos, iso si, que en 1590 xa falecera e só podemos documentala entre 1554 e 1584.

Os datos sobre a súa orixe están lonxe de estar claros. Pódese intuír a súa relación coa familia Benavides de Astorga con ramas en Ourense e Compostela nas primeiras décadas do século XVI. Isto situaríaa na fidalguía mediana e recente, esa que foi medrando no servizo, na Administración e no comercio.

En 1554, Beatriz estaba casada con Francisco Correa, home que parece vinculado aos Correa de Portugal e aos Díaz de Guadalupe -sinaladísima parentela de médicos e boticarios de orixe conversa. El dedícase á recadación de rendas que señores e administracións sacaban a contrata e á importación de panos, que logo redistribuía pola Terra de Santiago. Cando casa con Beatriz trae consigo dúas crianzas que tivera antes de casar con ela e produto deste matrimonio son outras seis.

Beatriz enviúva en 1559 e malia que en principio poderiamos pensar que ata ese momento a súa vida estivo principalmente orientada ao coidado das crianzas, como era habitual na época, algúns indicios apuntan que puido chegar a desenvolver algunha actividade comercial xunto co seu home. Neste sentido, conservamos algún arrendamento de rendas outorgado conxuntamente e tamén unha escritura de obrigación de pagamento ao seu favor.

Falecido Francisco, vemos emerxer a Beatriz nos documentos con maior claridade. Por unha banda, fíxose cargo de sacar adiante á familia: accedeu en 1562 á titoría das crianzas, outorgou xenerosos dotes ás súas fillas e fixo compras e contratos xunto co seu fillo maior, Xácome. Por outra banda, orientouse plenamente a administrar, controlar e xestionar os bens e negocios da parte que lle correspondía dos bens gananciais e tamén, por disposición testamentaria de Francisco, do legado das crianzas ata que tomasen posesión da herdanza paterna.

A señora Beatriz arrendou a recadación de rendas, aforou propiedades que logo cedeu a labregos e, coma moitos investidores da Terra de Santiago, tivo gando en parzaría. Con todo, a súa actividade principal parece que consistiu no comercio de panos. A súa preferencia, o trato de tecidos traídos de Castela: tafetá, palmilla, felpa, pardillos, sedas..., que revendía a axentes establecidos nas comarcas do rural compostelán; sendo, xa que logo, unha intermediaria neste comercio tan lucrativo. Parece que tamén tiña unha tenda aberta en Santiago, que serviría como centro de operacións do seu negocio. A ela concorrían, directamente, unha diversificada clientela que vai desde funcionarios e fidalgos ata o propio conde de Monterrei, que cando morreu deixou unha cuantiosa débeda.

Beatriz apoiaba o seu pequeno emporio no servizo de diversos criados, homes de confianza que recadaban as débedas ou a representaban ante os tribunais, seguindo o costume do tempo tanto entre os mercadores, que non eran capaces de viaxar tanto como quererían, como entre as mulleres, limitadas nas súas capacidades legais.

Pouco sabemos do seu xeito de facer negocios. Pódese documentar a venda de panos ao fiado a axentes distribuidores e o investimento dos rendementos derivados na compra de foros e censos sobre eles. Tampouco é posible saber se nestas aventuras mercantís asumía o risco a título individual ou en colaboración con outros investidores. Sobre isto último só conservamos o contrato pechado co seu futuro xenro, Xoán Díaz de Guadalupe, para a conformación dunha compañía ou sociedade comercial, que duraría catro anos e que tiña como fin principal sentar as bases económicas do novo fogar da súa filla, pois o capital inicial (1000 ducados) era empréstito seu ao xenro, condicionado á duración do matrimonio. Xoán Díaz, mercador, disporía desa cantidade para comerciar con panos e outras mercadorías, devolvería os cartos, e partirían a medias rendementos e perdas.

Esta dueña viuda foi investindo as ganancias en bens raíces, como era común na época. Unha parte deles foron aos dotes das fillas e outras produciron rendementos que a sustentaron na vellez e, logo, pasaron á súa descendencia. De feito, os foros e predios que se citan nos contratos matrimoniais e nas escrituras familiares posteriores á súa morte son os que ela comprou en vida. Isto querería dicir que foi ela a que dotou a súa familia dunha herdanza inmobiliaria.

Estando enferma en 1578, fixo o único testamento conservado no que reparte os bens entre os seus fillos e fillas, deixa dádivas a criados e parentes, e mellora ao seu fillo Xácome. En 1582, Beatriz de Benavides era unha muller de más de media edad e pouco despois pérdese a súa pista ata 1590, cando xa falecera.

É difícil establecer en que medida o percorrido vital da señora Beatriz é representativo ou se, pola contra, estamos ante un caso singular. As investigacións sobre esta cuestión amosan, sen dúbida, que nesta altura a actividade económica das mulleres fóra do fogar era habitual, tanto no caso das casadas como -e sobre todo- das viúvas e que isto foi así sempre en Galicia e en todas as partes. A nosa documentación medieval e moderna é clara ao respecto, existindo mesmo oficios -como o das candeeiras da catedral de Santiago- que son exclusivamente femininos.

Así, e vista con certa perspectiva, a singularidade deste caso residiría no feito de se tratar dun dos poucos que podemos documentar con certa claridade.

dehistoria. Cultura. Historia. Patrimonio

Como citar: Beatriz Benavides. Recuperado o 08/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22264 DOI: 10.17075/adg.22264]

Obra de Beatriz Benavides

Testamento de Beatriz de Benavides

En Santiago de Compostela (20-10-1578). Transcrición realizada por dehistoria, SLL

Bibliografía

- REY CASTELAO, Ofelia; RIAL GARCÍA, Serrana: Historia das mulleres en Galicia. Idade Moderna, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Igualdade, Nigratrea, 2010
- GELABERT GONZÁLEZ, J.E.: Santiago y la tierra de Santiago de 1500 a 1640: contribución a la historia económica y social de los territorios de la Corona de Castilla en los siglos XVI y XVII, Sada, Ediciós do Castro, 1982.