Calixto Loira

Ferrol, 1840 - A Habana, 1872

Biografía

----

Calixto Loira

Ferrol, 1840 - A Habana, 1872

Un arquitecto galego en Cuba

A vida de Calixto Loira foi tan breve como intensa. Así, a súa obra como arquitecto non é moi ampla, mais deixou para a posteridade o proxecto que daría orixe ao Cemiterio de Colón da Habana, construción que axudaría a manter viva a memoria deste ferrolán a través dos anos.

Calixto Loira Cardoso naceu no Ferrol o 3 de xullo de 1840. Chegou a Cuba en maio de 1846, acompañando a seus pais. Aos doce anos ingresou na Escola de Náutica, estudos que non puido rematar por mor dunha doenza dos ollos. Até os catorce anos residiu en San Antonio de los Baños, vila da cal seu pai era gobernador militar.

Loira Cardoso estudou Arquitectura, carreira que rematou pensionado na Academia de Artes de San Fernando de Madrid. Así, marchou a Madrid en 1859 e, tras os correspondentes sete anos de carreira, realizou unha viaxe de estudos pola Península. De volta a Cuba, en 1867, dedícase á súa profesión. Foi auxiliar de Francisco de Alvear, baixo cuxa dirección realizou algunhas obras. Loira edificou o “Pabellón de los Mendigos”, anexo á antiga casa de orfos. Foi segundo xefe na construcción do acueduto Albear, obra destinada a subministrar auga á Habana.

Loira foi o arquitecto encargado polo Bispado da Habana da construción do Cemiterio de Colón, cuxas obras comezaron en 1871. Efectivamente, Loira foi autor do proxecto “Pallida Mors”, que deu orixe ao Cemiterio de Colón, obra que hoxé é patrimonio histórico e cultural de Cuba e do mundo. Calixto Loira morreu o 27 de setembro de 1872, aos trinta e un anos de idade, vítima dun paro respiratorio. Loira finou cando supervisaba a construción da “Galería Tobías”, no Cemiterio de Colón; curiosamente, el foi o primeiro enterrado nesta galería.

Como citar: Calixto Loira. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2227 DOI: 10.17075/adg.2227]

Bibliografía

- ORAMAS CAMERO, Á.: Galegos da Habana, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2007.
- LLORCA FREIRE, G.: Ferroláns en Cuba, Ferrol: Edicións Embora, 1997.
- NEIRA VILAS, X.: Memoria da Emigración II, Sada: Ediciós do Castro, 1995, pp. 63-69
- VV.AA:: GALICIA MODERNA, nº 107, 15/05/1887, p. 2