Teresa Vaamonde Valencia

, 1898 -

Biografía

----

Teresa Vaamonde Valencia

, 1898 -

Autoria: Francisco Xavier Redondo Abal

DOI: 10.17075/adg.22275

A bibliotecaria e o Cristo crucificado

Teresa María Vaamonde Valencia naceu o 24 de xullo de 1898. Estudou Filosofía e Letras, e licenciouse na especialidade de Historia. O 22 de outubro de 1932 ingresou por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos e o seu último ascenso antes da guerra tivo lugar o primeiro día de xaneiro de 1933. Traballou na Biblioteca Pública de Palencia. Máis tarde atopámola na Biblioteca Universitaria de Granada, onde solicita o cese por traslado, vía permuta, o 14 de decembro de 1935. Ocupaba o posto 265 no número xeral da escala. Non está confirmado, mais semella que o seu seguinte destino foi a Biblioteca Pública de Xaén até que en 1939 –agora si con plena seguridade– aparece traballando no Arquivo da Delegación de Facenda das Palmas de Gran Canaria. Non estamos en condicións de asegurar se este último destino foi produto dalgunha represalia, dados os seus antecedentes familiares, pois un método punitivo moi común foi o traslado de bibliotecarios cara aos arquivos (eliminando así as ansias socializadoras da lectura que amosaban algúns deles) e o envío “a provincias”, algo considerado dentro do CFABA como unha deshonra. Do que si estamos seguros é do pesadelo que padeceu Teresa Vaamonde cando, a principios de outubro de 1939, deu comezo o seu expediente de depuración.

Até ese momento todo parecía discorrer con normalidade. Do expediente redactado polas autoridades republicanas, co inicio da sublevación, unicamente apareceu a instancia en que Teresa solicitaba o reingreso no corpo tras o cese xeneralizado de todos os funcionarios decretado ao estalar a guerra. Nada máis permaneceu do chamado “expediente rojo”, polo que, nun principio, a bibliotecaria nada tiña que temer. Finalizada a contenda, no novo expediente –o franquista– aparece recollido un informe favorábel asinado por “D. D.G. Rojo”, é dicir, Don Diosdado García Rojo, funcionario na Biblioteca Nacional, así como a declaración xurada de Teresa en que afirma que, cando solicitou o seu reingreso ás autoridades republicanas, fíxoo “por las circunstancias económicas [e] para solventar el sostenimiento de mi hija y el mío, ya que mi marido se abstuvo desde el comienzo de ayudar al gobierno marxista”. A bibliotecaria ourensá confirma na mesma declaración a súa militancia na CNT dende o 15 de marzo de 1937 (“no ocupando ningún cargo directivo”) até decembro de 1938. E aclara: “Voluntario nada”.

O problema xurdiu axiña. O 4 de outubro de 1939 o xuíz instrutor Gómez del Campillo informa a Miguel Artigas que ten probas de “que la funcionaria facultativa Dª Teresa María Vaamonde Valencia presentó [anos atrás] una denuncia contra determinado funcionario del entonces Ministerio de Instrucción Pública por tener en su despacho una imagen del Santo Cristo de Velázquez”. De ser isto certo, tal denuncia debería figurar no “expediente de depuración de la interesada”. Así, deu comezo a cazaría.

Mentres agardaba por algúns datos que puidesen aclarar quen era aquel funcionario, Gómez del Campillo iniciou as súas investigacións solicitando ao director xeral de Seguridade que informase sobre o ficheiro persoal de Teresa e varios compañeiros máis. Posteriormente, o día 3 de novembro púxose en contacto co gobernador civil de Xaén para solicitar noticias “acerca de la conducta política, social y moral” da bibliotecaria que, como lembra Gómez del Campillo, “durante parte del periodo rojo y algún tiempo después de la liberación ha estado adscrita a la Biblioteca pública de esa ciudad”. Ao día seguinte, o instrutor facía o propio co arquiveiro da Delegación de Facenda da cidade andaluza, nos mesmos termos que co anterior, mais engadía que tamén precisaba coñecer o “concepto que personalmente le merece la funcionaria facultativa”.

Dous días máis tarde, o 6 de novembro, Gómez del Campillo contactaba con Marcelino de Ulibarri, xefe da Delegación do Estado para a Recuperación de Documentos, situada en Salamanca, e manifestaba: “Hoy vuelvo a molestar su atención interesando informes masónicos y políticos sociales de...” Teresa Vaamonde e sete compañeiras máis, así como seis auxiliares. Tamén foi requirido para que informase o xefe da Biblioteca Pública de Palencia, Ramón Revilla y Vielva.

Gómez del Campillo agardaba por todas aquelas peticións cando coñeceu os detalles da presunta denuncia realizada por Teresa. Os feitos, segundo o investigador, ocorreran o 4 de febreiro de 1933 e o prexudicado era “el meritísimo funcionario de ese Ministerio [de Instrución Pública] D. José Garzón y Carmona”. Mal pintaba o panorama para a bibliotecaria pois “es suficiente demostración de su sectarismo que justifica la propuesta que tengo el honor de elevar a V.I. [Artigas] para que la Sra. Vaamonde sea incluida en el apartado b) del artículo 5º de la Ley de 10 de febrero de 1939”. Así foi.

Unha Orde do Ministerio de Educación Nacional asinada por Ibáñez Martín o 28 de novembro declaraba retido o 50% do haber mensual de Teresa Vaamonde, permitíndolle continuar prestando servizos no seu destino. O expediente de depuración da bibliotecaria co “conforme” do ministro regresou ás mans de Gómez del Campillo o 1 de decembro de 1939 para que continuase o proceso.

Teresa, mentres, continuaba o seu labor no Arquivo da Delegación de Facenda das Palmas de Gran Canaria. A Lei do 10 de febreiro de 1939 fixando as normas para a depuración dos funcionarios públicos obrigaba a escoitar aos investigados e a entregarlles os cargos que había contra eles para que puidesen responder no prazo de oito días. Gómez del Campillo, con moito traballo por diante, quixo aforrarse a viaxe ás Canarias e encomendou a tarefa ao delegado de Facenda nas Palmas. Por fin, o primeiro día de febreiro de 1940 e tras arduas investigacións contra Teresa Vaamonde, Gómez del Campillo elevou os seus razoamentos e as súas propostas ao director xeral de Arquivos e Bibliotecas, Miguel Artigas.

O xuíz instrutor confirma que o único cargo contra Teresa é a presunta denuncia realizada pola bibliotecaria contra aquel funcionario, xefe da sección de arquivos, o 4 de febreiro de 1933, “por hacer caso omiso de las disposiciones laicas de la República, exhibiendo encima del sitial de su despacho oficial, un Cristo crucificado”. Teresa negará absolutamente os feitos e Gómez del Campillo só poderá opoñer a subxectiva opinión da “carencia de sentimientos religiosos y católicos” da bibliotecaria. A argucia do xuíz vén motivada polos informes favorábeis á ourensá, tanto de Palencia como de Xaén, así como a falta de certificados que puidesen involucrar a Teresa por parte da Auditoría de Guerra ou da Delegación de Recuperación de Documentos. Con todo, Gómez del Campillo continuou considerando a Teresa Vaamonde culpábel e recomendou a súa inclusión no apartado d) do artigo 9º da Lei do 10 de febreiro, ou sexa, responsábel e implicada nunha actitude antipatriótica e contraria ao Movemento Nacional. O xuíz aconsellou que Teresa fose sancionada coa prohibición de solicitar cargos vacantes durante dous anos. O Ministerio accederá á recomendación de Gómez del Campillo. A resolución asinada polo ministro Ibáñez Martín o 2 de febreiro de 1940 aparecerá publicada días máis tarde.
Non importaba que, como neste caso, a sanción resultase leve. Teresa Vaamonde Valencia, irmá de represaliados, quedaba así marcada de por vida.

Como citar: Redondo Abal, Francisco Xavier : Teresa Vaamonde Valencia. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22275 DOI: 10.17075/adg.22275]

Obra sobre Teresa Vaamonde Valencia

REDONDO ABAL, Francisco Xavier: «Notas sobre os irmáns de Teresa Vaamonde Valencia»,

Album de mulleres (2015).

SAN SEGUNDO MANUEL, Rosa: Mujeres bibliotecarias durante la II República: de vanguardia intelectual a la depuración, CEE Participación Educativa, número extraordinario 2010, p. 143-164

Bibliografía

- Libro de registro del personal de la Biblioteca Universitaria de Granada, 1933-1970. Manuscrito.
- Archivo General de la Administración (AGA, Alcalá de Henares). Educación: 31/7083; 31/6080; e 31/6058.
- Boletín Oficial del Estado (08/02/1940).
- Escalafón del Cuerpo Facultativo de Archiveros, Bibliotecarios y Arqueólogos, totalizado en 31 de octubre de 1935. Madrid: Imprenta Góngora, 1935.