Elena Piñeiro Castro

Carnota, 1907 - Carnota, 1997

Biografía

----

Elena Piñeiro Castro

Carnota, 1907 - Carnota, 1997

Autoria: Xosé Manuel Rey Piñeiro

DOI: 10.17075/adg.22294

A boticaria de Carnota

Elena Piñeiro Castro, a boticaria de Carnota, foi a primeira muller universitaria da súa bisbarra. Despois da finalización da carreira, tomou posesión da botica, situada na parroquia de Santa Comba de Carnota.

De profundo ideario republicano, de esquerda e democrático, unha vez comezada a Guerra Civil organizou audicións da “Pirenaica” na mesma casa onde se atopaba a botica.

Foi delatada e vítima dunha represión permanente por parte dos falanxistas da bisbarra.

Elena, xa separada do seu marido desde antes da guerra, vivía acompañada da súa empregada do fogar, María de Pelexa, de Vilar de Parada (San Mamede). Ambas foron acosadas e agredidas fisicamente de forma continuada por parte dos militantes da Falanxe durante a guerra e os primeiros anos da ditadura. Eran “visitadas” de noite na botica, co pretexto de que precisaban medicinas. Dona Elena acabou coa persecución cando unha noite os convidou a pasar para dentro da casa, se tiñan valor, ás escuras, pero co postigo da porta aberto. Os falanxistas sabían que ela se vira obrigada a facerse cunha arma para a autodefensa, polo que a partir dese episodio cesaron as “visitas” nocturnas. A radio foille incautada e posteriormente, grazas á intercesión de seu irmán Xosé Piñeiro Castro, funcionario do Concello de Santiago de Compostela, conseguiu recuperala e aínda hoxe a conserva un familiar que vive en Vigo.

Entre as accións de represión máis salientables das que foi vítima a boticaria de Carnota cabe subliñar que lle foi cortado o pelo ao cero pola forza na principal praza de Carnota. Práctica vergoñosa á que non poucas mulleres rebeldes foron sometidas neses anos da guerra e primeiros da ditadura.

De carácter forte, sempre destacou por ser xenerosa cos humildes e inflexible con aqueles que a someteran no pasado. Seguiu vivindo, como titular, na súa casa da farmacia, acompañada do seu sobriño Alfonso, ata o seu falecemento en 1997.

Como citar: Rey Piñeiro, Xosé Manuel : Elena Piñeiro Castro. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22294 DOI: 10.17075/adg.22294]