María Antonia Iglesias González

Madrid, 1945 - Nigrán, 2014

Biografía

----

María Antonia Iglesias González

Madrid, 1945 - Nigrán, 2014

Autoria: Arantza Estévez Lavandeira

DOI: 10.17075/adg.22296

A entrevistadora política

Militante teimosa da política e do xornalismo, María Antonia Iglesias González, de orixe galega, foi a entrevistadora por excelencia da elite política española desde os anos oitenta do século pasado até pouco antes do seu falecemento. Desde Madrid, é nos medios de comunicación nos que desenvolve a súa carreira, Galicia destaca na súa axenda como tema periodístico; entrevistou a líderes económicos e políticos do país durante dúas décadas e cubriu a fondo feitos como o accidente do Prestige en 2003 ou a chegada do goberno bipartito PSdG-BNG á Xunta de Galicia no ano 2005. A mesma xornalista que sacou á luz en 1982 as primeiras denuncias de “nenos roubados” e adopcións irregulares durante o franquismo e a transición.

A traxectoria de María Antonia Iglesias exemplifica con claridade unha etapa, ao redor dos anos da Transición, na que a relación entre política e periodismo racha a liña das convencións de distancia profesional e obxectividade atribuídas teoricamente durante décadas ao exercicio xornalístico. Como ela mesma dicía, prensa e política vogaban na mesma dirección. En febreiro do ano 1981, cando o golpe de Estado, María Antonia Iglesias milita no Partido Comunista. Militancia e xornalismo van da man e fúndense no traballo cotián da xornalista. Unha etapa en que as e os políticos e xornalistas comparten corredores, obxectivos e, por suposto, moita información.

Chega a TVE en 1984, faino como redactora do programa Informe Semanal, no que inclúe entrevistas políticas e que vai dirixir en 1989. A chegada á dirección dos servizos informativos da Televisión Española en 1990 marca un punto de inflexión para a xornalista, moi próxima xa ao PSOE e ao proxecto liderado por Felipe González. Vai permanecer como directora de informativos até 1996, sendo a primeira muller que ocupa este posto no ente público.

“Foi unha época moi dura. Eran os anos de chumbo do felipismo, pero sempre fun moi resistente. ABC púñame a parir, sobre todo Jaime Campmany. Cando cheguei á dirección dedicoume un artigo titulado La albóndiga, unha cousa absolutamente noxenta e machista. Dicía que eu era baixiña, gordiña e enrugada como unha albóndiga”.

O período de Mª Antonia Iglesias á fronte dos servizos informativos de TVE, “os anos de chumbo”, como ela lles chama, coincide, ademais de coa saída á luz de múltiples casos de corrupción no seo do partido de goberno, coa investigación e denuncia da trama de terrorismo de Estado ou caso GAL.

Filla de Antonio Iglesias (Ourense, 1918-Madrid, 2011), pianista, musicólogo e un dos promotores do Conservatorio de Ourense, e de María González Morales, falecida en 1992, María Antonia graduouse na Escola Oficial de Periodismo (EOP) de Madrid en 1968. A Escola nacera en 1938 cuns principios políticos que dan prioridade absoluta á concepción de que as e os profesionais do xornalismo debía ser unha sorte de funcionariado ao servizo dos intereses do Estado.
“Nós tiñamos que ser a xeración que tomara o relevo na prensa dos profesionais de capote y correaje de primeira hora, moitos dos que non reunían outro mérito para traballar nun xornal, ou para dirixilo, que disparar tiros na guerra no bando dos vencedores. [...] Pero, afortunadamente, os plans educativos moitas veces fracasan e da EOP saíu toda clase de xente”, contaba o xornalista Josep Pernau.

En 1969 María Antonia Iglesias entra en Informaciones, medio en que permanece até 1979. Escribiu tamén en Triunfo e como colaboradora de Interviu, a principios de 1982, xunto ao fotógrafo Germán Gallego, publica varias reportaxes a primeira titúlase “La monja que trafica con niños” sobre o roubo de nenos e as adopcións irregulares centradas nunha casa-berce de Madrid. As informacións, que estimaban en case dous mil os bebés roubados no último franquismo e na transición, tiveron repercusión no ámbito internacional. Porén terían que pasar trinta anos para que o tema volvese saír a luz no Estado español, con grande impacto e con consecuencias policiais e xudiciais.

A finais dos noventa, tras a saída de TVE, María Antonia Iglesias escribe en El País e faino a través do xénero que a distingue: a entrevista. A hemeroteca descúbrenos a inxente cantidade de conversas cos líderes da política no Estado. Algunhas son incluídas máis tarde no seu libro Cuerpo a cuerpo. Como son y como piensan los políticos españoles (2007). A conversa volve guiala en dous libros destacados. Por unha banda, Maestros de la república, (2007), un encontro con fillos, netos e alumnos daqueles outros mártires da guerra; un libro en que María Antonia Iglesias lle encarga un dos prólogos a Xosé Manuel Beiras e no que, entre as dez historias incluídas, atopamos a da terrible execución do mestre Arximiro Rico en 1937 en Montecubeiro (Castroverde). Por outra banda, en Memoria de Euskadi (2009), recolle en máis de mil páxinas as voces de trinta protagonistas da vida política e social do País Vasco.

María Antonia Iglesias González morreu o 29 de xullo de 2014 a carón de Praia América, na casa que mercara anos atrás, onde se instalou definitivamente en 2011 tras un infarto e onde seguía a facer a vida social que a saúde lle permitía. Foi soterrada no cemiterio de Panxón. Os últimos anos profesionais estiveron marcados polas súas colaboracións na radio participou durante anos nos faladoiros da Radio Galega e na televisión privada, co que se converteu nunha cara popular para un gran público. O seu legado xornalístico está marcado pola política e a entrevista como o formato preferido para abordala; desde a súa posición moral e ideolóxica, que non agachaba.

“Non hai ninguén independente”, acostumaba dicir.


OBRA
IGLESIAS, MARÍA ANTONIA: Cuerpo a cuerpo. Como son y como piensan los políticos españoles, Aguilar, 2007.

IGLESIAS, MARÍA ANTONIA: Los maestros de la República, Aguilar, 2007.

IGLESIAS, MARÍA ANTONIA: Memoria de Euskadi, Aguilar, 2009.


Como citar: Estévez Lavandeira, Arantza : María Antonia Iglesias González. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22296 DOI: 10.17075/adg.22296]

Videos


Entrevista a María Antonia Iglesias González no blog Memoranda, Arquivo Canal Sur, Andalucía, 2010 [Emitida o 11 de setembro de 2010].
Procede do Álbum de Mulleres

Entrevista a María Antonia Iglesias. Ratones Coloraos (27/11/2010).
[Última consulta: 27/06/2017]
Procede do Álbum de Mulleres

Bibliografía

- GARCÍA ALBI, Inés: Nosotras que contamos. Plaza & Janés, 2007.
- PERNAU, Josep: Memorias: confieso que soy periodista, Roca Editorial, 2005.
- DIEZHANDINO, Mª P.; BEZUNARTEA, O.; COCA, C.: La élite de los periodistas, Universidad del País Vasco, 1999.
- BORRAT, H: El periódico, actor político, Gustavo Gili, 1989.
- KELLER, Suzzanne: Más alla de la clase dirigente, Tecnos, 1981.