Rita Amparo López Jeán

Culleredo, 1885 - Montauban, 1942

Biografía

----

Rita Amparo López Jeán

Culleredo, 1885 - Montauban, 1942

Autoria: Carlos Pereira

DOI: 10.17075/adg.2270

Importante activista política na Coruña da Segunda República

Rita Amparo López Jeán naceu en Vilaboa (Culleredo) o 30 de outubro de 1885, filla de Adela Cruz Ramona Jeán Toca, mestra nesa localidade, e do exconcelleiro cullerdense, e secretario posteriormente do Concello de Santa María de Oza, Sabino María López Núñez. Os seus pais (viúvos ambos os dous) casaran o 14 de febreiro de 1880 en Vilaboa.

Trasladada dona Adela como mestra á Coruña, Amparo acompáñaa. Cursará o Bacharelato e os estudos de maxisterio na Escola Normal da Coruña. Estuda tamén canto e piano co músico coruñés José Baldomir -actuando en festivais benéficos-, e pintura co profesor, pintor e gravador Máximo Ramos, tendo como condiscípulo, entre outros, a Abelenda. Exercerá tamén de mestra na mesma escola que a súa nai.

Muller de ideas avanzadas, logo de convivir varios anos co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela, tendo a parella cinco fillos (Amparo, Ana María, Francisco Javier, María Teresa e Agustín, que morreu axiña), casará posteriormente con el.

Politicamente pertenceu ao Partido Galeguista: ingresaría nel o 6 de maio de 1935 (foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización), colaborando economicamente nas campañas e formando parte do seu Comité Local en 1936.

Pero o labor máis importante desenvolveuno na Agrupación Republicana Feminina da Coruña, fundada o 13 de abril de 1933, da que foi primeiro secretaria e, dende finais dese ano ata 1936, presidenta.

Os fins da Agrupación eran contribuír por todo medio lícito ao triunfo da paz e fraternidade humana, da xustiza social e da democracia; contribuír ao sostemento e defensa do Réxime republicano do Estado español e amparar a súa Constitución; defender os dereitos femininos e traballar pola consecución dos aínda non recoñecidos; impulsar a cultura, especialmente a feminina, e dentro desta a cidadá, para o que se crearía unha biblioteca, celebraríanse conferencias e cursiños, estableceríanse clases, organizaríanse viaxes, etc.; practicar a beneficencia ou asistencia social en todas as maneiras posibles; defender e amparar a cada asociada se pedía axuda e estivese da súa parte a razón e a xustiza; establecer, se se considerase conveniente, formas de mutualismo e cooperación e procurarlles recreo e lecer ás asociadas por medio de concertos, recitais, proxeccións, excursións, etc.

Dentro das actividades da Agrupación Republicana Feminina destacan as clases e cursos de diversas materias para mulleres, actividades benéficas para as persoas e a infancia, conferencias, actos de homenaxe a diversos persoeiros, concertos, excursións, acto en conmemoración do centenario da abolición da Inquisición; envío dun telegrama á entidade Unión Universal pro Paz, así como, respecto a actividades políticas, organización ou participación nos actos de conmemoración do aniversario da 1ª República e IIª República, campañas electorais, mitins, visitas de políticos republicanos, etc.

Acompañou ao seu esposo, César, a Soria, cando este ocupou o cargo de gobernador civil en xuño de 1936. Conseguiron fuxir e, logo de viviren en Madrid e Valencia (onde impartiría aulas nun colexio en Manises, e onde Castelao, bo amigo, sería padriño da voda da súa filla Amparo e Arturo Cuadrado), en Barcelona foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas, e vocal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla, e ocupándose de grupos de nenos e nenas, mesmo logo de iniciar o seu exilio en Francia, e separada do seu marido e da súa filla María Teresa, que quedou illada en Barcelona.

A parella consegue reagruparse en Calvados (Francia), traballando nunha fábrica de toallas. Ata alí chegarán as súas fillas María Teresa e Ana María; outra filla, Amparo, escritora, traductora, exiliárase a Arxentina, e o fillo, Francisco Javier, -que co tempo será delegado do Consello de Galicia en Europa- estivo agochado na Coruña. Coa ocupación nazi, a familia trasládase a Vichy e logo a Montauban. Amparo, moi avellentada por tanto sufrimento, falecerá en Montauban o 12 de novembro de 1942, sendo soterrada moi preto da tumba de Manuel Azaña. Anos máis tarde os seus restos trasladáronse a París para repousar, xunto cos de César Alvajar, no cemiterio de Bagueu. No ano 2006 foron traídos para o cemiterio civil da Coruña. O Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na súa parroquia natal.

Como citar: Pereira, Carlos : Rita Amparo López Jeán. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2270 DOI: 10.17075/adg.2270]

Obra sobre Rita Amparo López Jeán

«O Partido Galeguista»

Artigo de Noa Ríos Bergantinhos no que aborda cuestións relacionadas co lugar ocupado polas mulleres no Partido Galeguista ao que pertenceu Amparo López Jeán
Fonte: Ríos Bergantinhos, Noa: A muller no nacionalismo galego (1900-1936). Ideologia e realidade. Laio Vento, 2001, p. 39-60

Bibliografía

- PEREIRA MARTÍNEZ, C., "Muller e res pública", en GRANDÍO SEOANE, E. (dir.): Republicanos e República en Galicia, A Coruña, Ateneo Republicano de Galicia, 2006.
- PEREIRA MARTÍNEZ, C., ROMERO MASIÁ, A., O orballo da igualdade. Asociacionismo feminino progresista na Coruña, A Coruña, Baía, 2005.
- ALVAJAR LÓPEZ, A.M.ª, Soltando lastre, Sada, Edicións do Castro, 2003.
- PEREIRA MARTÍNEZ, C., “Mulleres e República”, separata do Anuario Brigantino, Betanzos, 21 (1998), p. 274-275 e 282-290.