Felicia Auber

A Coruña, 1821 - Madrid, 1897

Biografía

----

Felicia Auber

A Coruña, 1821 - Madrid, 1897

Autoria: Rosa Aneiros

DOI: 10.17075/adg.237

Felicia, xornalista e escritora defensora da educación da muller no XIX

Cuba. Década dos trinta do século XIX. Unha nena xoga no Malecón da Habana sen saber que, do outro lado do horizonte, habita A Coruña, a cidade na que naceu. A pequena Virginia Felicia Auber y Noya tecía palabras allea aínda ao peso da súa memoria. O seu pai, Pedro Alejandro Auber, un cabaleiro francés de notables coñecementos científicos chegado coas tropas napoleónicas, vírase obrigado a escapar de España por mor dunha das habituais persecucións ideolóxicas do século XIX. Tras unha breve estadía nas Canarias, a familia Auber y Noya viaxou a Cuba. Alí, Auber é nomeado en 1835 director do Jardín Botánico da Habana, polo regreso do anterior director, Ramón De la Sagra, a París. Felicia medrou nun ambiente alleo que o seu pai soubo humanizar a partir dunha educación plural e humanística. Foi precisamente a través da súa habilidade coa tradución cando publicou, aínda na adolescencia, os seus primeiros textos no Diario de La Habana. Felicia verqueu do inglés e do francés pequenas pezas literarias. En 1843 fina o seu pai e a sinatura de Felicia esperta á produción literaria nas páxinas do xornal con Un aria de Bellini. A partir de aí, tanto no Diario primeiro como na Gaceta de La Habana despois, Felicia deu en publicar nos seus folletíns, entre outras, as seguintes novelas: Mauricio, Una deuda de gratitud, Los dos castillos, Úrsula e El castillo de la loca Teresa. Entre 1844 e 1847 a súa obra literaria en prensa será fecunda.

Desde 1848, Felicia comprométese a escribir un folletín dominical baixo o título de "Ramillete Habanero". Este folletín pasa en 1854 ao Diario de La Marina, o xornal de máis circulación e popularidade da Habana fundado polo vigués Isidoro Araújo de Lima. Nel publicará non só estas páxinas senón diferentes novelas ao longo dos moitos anos en que colaborou coa cabeceira (Ambarina, Un amor misterioso, Otros tiempos...). Ademais destas colaboracións, queda constancia da colaboración de Felicia en La Floresta cubana (1855), e nas cabeceiras da súa grande amiga Gertrudis Gómez de Avellaneda: Ofrenda al Bazar (1854) e o quincenal Album de lo Bueno y lo Bello. (febreiro-agosto de 1860). Nesta publicación emblemática, Felicia colaborará dende o seu nacemento ata o seu fin con dous artigos cada mes e terá ao seu cargo a "Revista de Modas". Ademais, colaborará na Galicia. Revista Universal de este reino, a publicación coruñesa de Antonio de la Iglesia entre 1861 e 1865. Os seus textos defenden a ilustración da muller, a igualdade intelectual co home, o coñecemento humanístico, a alta misión didáctica da escritora e a observancia dos valores morais e éticos do catolicismo nunha visión da escrita entendida como arte utilitaria ao servizo, particularmente, das lectoras.

Felicia laiouse durante anos da súa imposibilidade de viaxar e, non obstante, gabábase de coñecer ás persoas porque, dicía, son iguais en todas partes. En 1861 gardaba aínda a espiña desta inmobilidade pero, segundo os redactores de Galicia, "aunque Felicia ama á Cuba como á una segunda patria, no olvida que nació en Galicia por la que pregunta siempre con interés, por cuya prosperidad forma sinceros votos, y á la cual no pierde la esperanza de hacer una visita larga y afectuosa". Non nos consta que chegase a realizar esta visita anceiada. En 1873, implantada en España a república, Felicia decide regresar a Europa. Vive primeiro en Milán e logo en París, onde residiría vinte anos, ata volver definitivamente, logo dunha ausencia de 65 anos, a se instalar en España. Estamos en 1893. Felicia continúa a ver reeditados os seus textos e envía colaboracións ao Diario de La Marina de Cuba, onde se convertera xa nunha autora de culto. Os últimos anos da súa vida pásaos en Madrid ata que morre en 1897, lonxe da terra que a vira nacer.


Obra literaria segundo Simón Palmer, María del Carmen; escritoras.com e Diccionario de la Literatura Cubana


Un amor misterioso. Episodio de la Revolución francesa en 1793
Teresa
Los dos castillos
Una historia bajo los árboles
Entretenimientos literarios: Wilhermina, Un aria de Bellini, Leoncio, Un casamiento original, La Habana, Gobierno de Cuba, 1843 -1844, 2. v.
El castillo de la loca,
La Habana, Imp. Gobierno por S.M., 1844.
Una falta,
La Habana, Impr. del Gobierno, 1846.
Mauricio, La Habana, Impr. del Gobierno, 1845.
Ursula, La Habana, 1846.
Una deuda de gratitud, La Habana, Gobierno de Cuba , 1846.
Una venganza,
La Habana, 1850, 3 v.
Una habanera. Caprichos del corazón,
La Habana, Gobierno de Cuba, 1851.
Perseverancia. Algunas páginas de la vida de un gran poeta, La Habana, Impr. Del Gobierno y Capitanía General, 1853.
El aguinaldo de Luisa Molina, Matanzas, 1956.
Otros tiempos. Comedia en un acto, La Habana, Imprenta Diario de La Marina, 1956.
Ambarina. Historia doméstica cubana, La Habana, Imprenta Diario de la Marina, 1958.
Ramillete habanero. Verdades, México, Tipografía Mexicana, 1875.

Cabeceiras periódicas nas que colaborou:


Diario de La Habana, La Habana.
Diario de La Marina,
folletín "Ramillete habanero", La Habana.

Como citar: Aneiros, Rosa : Felicia Auber. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=237 DOI: 10.17075/adg.237]

Obra sobre Felicia Auber

«Virginia Felicia Auber: unha xornalista galega no alén mar»

Comunicación presentada por Rosa Aneiros Díaz no congreso internacional Galicia: Éxodos e retornos organizado polo Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, 11-14 de xullo de 2006

Bibliografía

- SIMÓN PALMER, M.ª del C., “Auber y Noya, Virginia Felisia”, en Escritoras españolas del siglo XIX, Madrid, Castalia, 1994.
- RUIZ APILANEZ, I., “Estudio crítico de la novela”, en Ambarina, Santiago de Compostela, Consellería da Presidencia e Administración Pública, Servicio Central de Publicacións, 1989.
- GONZÁLEZ LÓPEZ, E., “Virginia Felicia Auber, periodista y novelista romántica hispano-cubana”, en Coruña, paraíso del turismo, A Coruña, 1983.
- VV.AA.: “APUNTES biográficos sobre la escritora Felicia”, Galicia. Revista Universal de este reino, A Coruña, 30 (15 de decembro de 1861).
- ESTRADA CATOIRA, F., “Virginia Felicia Auber y Noya”, Revista del Centro Gallego, Montevideo, 148 (maio 1829).