Daniel García Ramos
A Baña, 16/ 4/1933 - Santiago de Compostela, 23/2/1998Autoría: Luciano Varela Castro
Ser xuíz como xeito apaixonado de facer Galicia
Nado na Baña de pais mestres de escola, na republicana preguerra do ano 1933, recibiu cedo, con nove anos, a formación educativa do seminario de Santiago de Compostela que, despois de primeiro de Filosofía, abandona para seguir a súa formación na ensinanza pública e laica. Nela acada resultados académicos brillantes (Premio Extraordinario na reválida).
Xa na Universidade será tamén excepcional o seu expediente académico. E a súa actividade de participación social, que o leva a presidir as Xuventudes Universitarias de Acción Católica. Segue un tempo en Madrid manifestando o seu compromiso na situación universitaria dos tempos de Ruiz Jiménez (1956), sufrindo as consecuencias -perda de bolsa- que o levan a regresar a Galicia. Mesmo á súa Baña, onde é coñecido como “Luchiño”.
Xa casado, logo dun primeiro e curto achegamento en Pontevedra á preparación das oposicións para ingreso na carreira xudicial, comeza unha andaina en ocupacións de traballos heteroxéneos, incluíndo unha nova volta a Madrid e regreso a Galicia.
No ano 1967, logo desas idas e voltas, entra como adxunto na cátedra de Economía e Facenda da Facultade de Dereito de Santiago, a cargo do profesor Beiras, onde o coñecín e desfrutei do seu ensino de Dereito Fiscal. Vinte anos máis tarde volveriamos coincidir na Facultade de Dereito, agora os dous como docentes de Dereito Procesual.
O salientable desa época é que veu a ser o punto de inflexión que leva a Daniel a realizar o seu nunca desbotado devezo de traballar na Xudicatura. A andaina docente da Universidade levárao, no ano 1973, ata a UNED en Pontevedra. Alí, en semanais xuntanzas con amigos comúns, tamén profesores naquela, teimabamos, case como un reto, para que retomase a súa cobiza de servir na activade xurisdicional. O que acadou axiña no ano 1976, tras a preparación dirixida por D. Cándido Conde Pumpido, Fiscal da Audiencia, do xeito brillante que nel era xa costume.
Dicía Torres Queiruga que iso foi para Daniel
a chegada ó centrona que por primeira vez
coincide total e completamente consigo mesmo. O adulto, xa no seu primeiro destino,
revive ao neno de Mancelle. A Estrela Polar -segue a dicir Torres Queiruga- é
o servicio a Galicia desde unha xustiza que se sente, se sabe e se quere ser galega.
O xeito de entender como ser xuíz vén conformado en Daniel por esa decidida vontade de ser galego e, asemade, pola súa concepción da Xustiza como compromiso progresista. Daquela que, compañeiros na carreira xudicial e consoantes nese xeito de sentir a nosa profesión, compartiramos obxectivos e compromisos. Entre os prioritarios, converxer cos movementos dirixidos a que na acción do aparello xudicial xoeceran con intensidade os valores democráticos e pluralistas.
Desaparecida de feito a actividade do precursor movemento Xustiza Democrática, tan salientable contra o franquismo, e conxurados os intentos de acollérmonos, de xeito tan falido como noutros lugares do Estado, á lei sindical de 1977, Daniel comprometeuse no xurdimento do que deu en se chamar Xuíces para a Democracia, estando activamente presente xa na primeira asemblea celebrada en Sitges no ano 1984.
Lembra Daniel como, por mor de que a lexitimidade da Xustiza deriva da soberanía dos cidadáns, resulta esixible que se proxecte unicamente en función dos intereses deses cidadáns e do pobo. Xa que logo esta perspectiva traduciríase, ademais de na esixencia orgánica para a devandita asociación xudicial dunha certa autonomía e especificidade en Galicia, na concentración de esforzos do activismo asumido en xerar instrumentos funcionais para satisfaceren os dereitos dos galegos destinatarios das resolucións xudiciais, como tamén de velos reflectidos nas normas xurídicas atinentes ás súas institucións, en particular, ás máis tradicionais.
Non estaba necesitado Daniel de pulos para traballar arreo nese labor. Co gallo da homenaxe polo seu nomeamento como Galego Egrexio, que lle fixera a Fundación Premios da Crítica Galicia, Daniel pon énfase en salientar as súas básicas dúas inquedanzas: primeiro que Galicia dispuxese dun Dereito Civil propio, coas súas peculiaridades regulando institucións específicas plasmadas consuetudinariamente; e logo a loita por acadar a plena normalización do galego en todos os ámbitos, como expoñente da loita a prol da cultura galega, da identidade de Galicia como pobo, da loita, á fin, a prol de Galicia mesma.
Esa defensa da lingua galega lévao, no ano 1987, a implicarse na actividade da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
Estudoso do marco normativo da lingua galega, naquela ocasión, chama a profundar na eficacia que carrexa a súa nota de
cooficialidadeque leva á
imperatividade, sen escusas nin reticencias, na equiparación co castelán que se traduce en esixencias para todos os poderes públicos.
Pero coida de facer repulsa de sectarismo, intolerancia ou intransixencia, afastándose de posicións que leven a un proceso normalizador da lingua galega que poida ser tachado de traumatizante. A súa actitude, tense dito, era, máis que de propagar conviccións ou polemizar, a de
contaxiar emocións. Postula respectar a
liberdade individual na opción do dereito lingüístico, que non dubida en compatibilizar cunha demanda de esforzo converxente no proceso normalizador.
Como unha
reafirmación en si mesmo, de xeito coherente, foi sobranceiro entre os xuíces galegos no uso da lingua, e fomos moitos, como subliñou Xosé Xoán Barreiro, compañeiro -e non soamente iso- na escala xudicial, os que seguimos as
rodeirasque marcou o exemplo do pioneiro Daniel. Desde o seu andar no primeiro destino no Xulgado de Bande, e nos demais que desempeñou en Galicia. En particular cando, chegado por fin á Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, presidiu un ben coñecido xuízo oral contra un senlleiro político galego, que supuxo un punto de inflexión no uso público da lingua galega nese contexto xurisdicional.
A sinerxia de forzas presentes en Daniel a respecto da lingua e tamén da concreta actuación que quere desempeñar nos espazos xurídicos, xudiciais, lexislativos e doutrinais, faino participar con empeño na constitución da asociación Revista Xurídica Galega o 21 de xaneiro do ano 1992, sendo con el os dous primeiros asinantes da acta constituínte, na que se incluíron avogados ben coñecidos, xunto con xuíces e fiscais, amais de profesores da Facultade de Dereito e funcionarios da Administración. Na liña asumida por Daniel, a Revista Xurídica Galega proclamaría no número 0 que se desbotarían
apriorismos excluíntesdesde a
liberdade expresiva vencellada sempre ó pluralismo tolerante.
No eido do estudo e a praxe xurídica é ben coñecida e admirada a súa teimosía en avivecer os institutos xurídicos máis senlleiros do Dereito Civil de Galicia. Entre outras, foi relator en sentenzas da Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que senta doutrina sobre a natureza xurídico privada da propiedade dos Montes Veciñais en Man Común (como a de 29 de febreiro de 1996, publicada no número 12 da Revista Xurídica Galega).
Coñecidas son tamén as súas achegas aos traballos prelexislativos que precederon a elaboración e aprobación da Lei 4/1995 de 24 de maio de Dereito Civil de Galicia. A elas non é allea a publicación dun importante traballo doutrinal sobre a
sociedade familiar galegaao que deu acollida a Revista Xurídica Galega nun número monográfico editado co padroado do Parlamento e dedicado á exposición de estudos por especialistas daquela lei.
A Revista Xurídica Galega expresou no limiar do número 18, a seguir do seu pasamento o 23 de febreiro de 1998, poñendo énfase no seu máis salientable mérito:
Ás veces os homes teñen unha idea. Como se atopasen con ela. Entón eses homes, afortunados, melloran. Son máis homes. Outras veces as ideas atopan a unha caste de homes. Entón as ideas fanse realidade, mellorando a realidade.
Daniel era desa caste.
Como citar: Varela Castro, Luciano : Daniel García Ramos. Publicado o 19/7/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=24648. Recuperado o 05/12/2023
DOCUMENTACIÓN DE
A situación legal do galego
Actas do I Congreso Internacional da Cultura Galega. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Cultura, Xunta de Galicia, 1992, 351-360.
Fonte: fondos do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Consello da Cultura Galega
En galego. É de Xustiza
Folleto da primeira campaña de normalización lingüística no ámbito da Xustiza. Foi organizada pola Comisión para a Normalización na Xustiza, creada en 1990, da que Daniel García Ramos era coordinador.
Fonte: fondos do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Consello da Cultura Galega
O réxime xurídico da lingua galega
Fonte: fondos do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Consello da Cultura Galega
A lingua galega na administración da xustiza
Fonte: Editorial Galaxia
https://editorialgalaxia.gal/wp-content/uploads/2020/12/grial/Grial_107.pdf [2022-05-12]
Revista Xurídica Galega
Editorial no número 0 da Revista Xurídica Galega, da que Daniel García Ramos foi cofundador.
Fonte: Biblioteca de Galicia
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de/sobre Daniel García Ramos
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Consello da Cultura Galega
Daniel García Ramos “A reafirmación en nós mesmos”
Publicación da Irmandade Xurídica Galega para reivindicar a memoria de Daniel García Ramos no décimo cabodano do seu falecemento.
Fonte: Galeguizar Galicia
https://galeguizargalicia.gal/publicacions/daniel-garcia-ramos-a-reafirmacion-en-nos-mesmos [2022-05-12]
O monte veciñal en man común: outro modo de posuír
Artigo no que Daniel García Ramos é mencionado como referencia noutra área á que dedicou boa parte das súas inquedanzas e traxectoria profesional: o monte veciñal.
Fonte: Universidade de Vigo
Louva a Daniel García Ramos no recoñecemento como Galego egrexio (1996)
Discurso de Andrés Torres Queiruga no acto de entrega do premio Galego egrexio por parte da Fundación Premios da Crítica de Galicia e resposta de Daniel García Ramos.
Fonte: arquivo persoal de Xesús Ferro Ruibal
Ligazóns de interese
Homenaxe a Daniel García Ramos na II Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
Fonte: Galeguizar Galicia
https://galeguizargalicia.gal/actos/imposicion-de-medallas-aos-novos-membros-da-irmandade-xuridica-galega/ [2022-05-12]
Premio Lois Peña Novo 1998 a Daniel García Ramos
Fonte: Galeguizar Galicia
https://galeguizargalicia.gal/premios_lpn/premios-lois-pena-novo-1998/ [2022-05-12]
Daniel García Ramos na web da Fundación Premios da Crítica de Galicia
Fonte: Fundación Premios da Crítica de Galicia
http://premiosdacriticagalicia.org/premios/daniel-garcia-ramos/ [2022-05-12]
Homenaxe do concello da Baña a Daniel García Ramos
Fonte: Concello da Baña
https://concellodabana.gal/index.php/inicio/nova/18-cultura/1448-a-bana-homenaxea-a-daniel-garcia-ramos-coincidindo-co-24-aniversario-do-seu-pasamento [2022-05-12]
Daniel García Ramos na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Daniel_Garc%C3%ADa_Ramos [2022-05-12]
Historia do Colexio M. Peleteiro
Fonte: Colexio M. Peleteiro
https://peleteiro.com/colegio/historia [2022-05-12]
Revista Xurídica Galega
Fonte: Revista Xurídica Galega
http://www.rexurga.es/presentacion.asp [2022-05-12]
Audios
Informativo
Reportaxe sobre o xuízo por prevaricación a Xosé Luís Barreiro Rivas
Tertulia sobre el gallego en la enseñanza. Primeira parte
Tertulia sobre el gallego en la enseñanza. Segunda parte