f Eugenio Montes | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Eugenio Montes

Vigo, 1897 - Madrid, 1982

Biografía

----

Eugenio Montes

Vigo, 1897 - Madrid, 1982

Autoria: Patricia Arias Chachero

DOI: 10.17075/adg.25430

Activo xornalista e poeta novecentista, abandonou o galego co inicio da guerra civil


Naceu o 23 de novembro de 1897 na rúa Elduayen de Vigo, na casa dun seu avó que era notario, pero sendo aínda moi neno, e tras o pasamento do avó, a familia instalouse en Bande, onde se criou e de onde se reivindicaba. Estudou brillantemente o Bacharelato no instituto de Ourense, e iniciou en Barcelona as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito. Rematou Dereito na Universidade de Oviedo e Filosofía e Letras en Madrid, onde se doutorou cunha tese que dirixiu José Ortega y Gasset.
Aínda adolescente, en Ourense, acode ao faladoiro que se organizaba ao redor da mesa de Marcelo Macías e coñece a Losada Diéguez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Primitivo Rodríguez Sanjurjo e Antonio Noriega Varela. Nos anos en Madrid frecuenta a vida cultural da Residencia de Estudiantes e trata cun feixe de mozos intelectualmente inquietos e anovadores, entre os que destacan Rafael Alberti, García Lorca, Gerardo Diego ou Salvador Dalí. Froito da amizade daqueles anos, Lorca dedicaralle «Gráfico de la petenera», unha das seccións de Poema del cante jondo, Gerardo Diego dirixirase a el como «Mi Virgilio» e Juan Ramón Jiménez recoñéceo como uno de los jóvenes en donde se expresa de mejor modo la culta inteligencia.
Mozo erudito, pendente das novidades literarias, Montes faise socio do Ateneo de Madrid, onde asiste a conferencias e actos literarios; e polas tardes, participa en faladoiros como a do Pombo, con Ramón Gómez de la Serna á fronte, ou o que se organizaba no Colonial ao redor de Rafael Cansinos-Asséns. Nesta época, e da man do seu director de tese, Ortega y Gasset, comeza a publicar na Revista de Occidente. Empeza tamén a incluír artigos en publicacións moi diversas; atopamos a súa sinatura nas madrileñas Cervantes e Cosmópolis, na vasca Idearium e en revistas vangardistas como Pesseo ou Grecia de Sevilla. Iníciase así a que será a súa verdadeira profesión, o xornalismo. Algúns anos despois, en 1920, Eugenio Montes será un dos asinantes do poema automático redactado de forma colectiva que Jorge Luis Borges envía a Tristán Tzara.
En Galicia, mentres, mantén fortes vínculos cos homes de Nós, moi especialmente con Vicente Risco, con quen comparte intereses literarios e o gusto pola literatura francesa, e con Losada Diéguez a quen cualifica de amador de Galicia coma ninguén. A eles dedica en 1919 os primeiros versos en galego que publica nas páxinas de A Nosa Terra: dúas pequenas composicións, asinadas o 10 de maio de 1919 que levan por título, «Noite», a dedicada a Vicente Risco, e «Neve», a de Losada. Son poemas próximos ao creacionismo de Vicente Huidobro e á literatura francesa, especialmente á de Cendrars e Reverdy. Tres anos despois, en 1922, inclúe versos en galego nas páxinas de Nós. Trátase dun feixe de orixinais composicións, publicadas baixo o epígrafe «Alalás da noite de S. Xoan» que dedica a Ramón Cabanillas. Como poeta foi, segundo Carballo Calero, un claro exemplo de autor novecentista, nómina na que se deben incluír tamén os nomes de Amado Carballo, Manuel Antonio ou os versos de Eduardo Blanco Amor.
Nestes anos convértese tamén nun asiduo colaborador da prensa galega, moi especialmente de La Zarpa, o xornal agrarista de Basilio Álvarez, e de El Pueblo Gallego, onde atopamos longos e ben documentados artigos que abordan temas diversos, desde a personalidade de Goethe á literatura portuguesa, de Antonio Machado a Walt Witman.
Autor de moitos libros de diferentes xéneros, na nosa lingua só publicou dous breves volumes. Apareceron ambos nestes anos iniciais de formación e mocidade. En 1922, en Ferrol, co número 10 de Céltiga, unha colección de tres narracións breves precedidas dun «Auto-prólogo», no que o propio autor explica a súa concepción do conto e a escolla do tema que comparten os tres relatos, a cegueira. Os textos, titulados «O vello mariñeiro toma o sol», «O aniño da Debesa» e «Como na parábola de Peter Breughel», están dedicados a Afonso Monxardín, Carlos Fernández Cid e Manuel Fontes Canal.
Oito anos despois, en 1930, aparece na Coruña, na editorial Nós de Ánxel Casal, o libro de poemas Versos a tres cás o neto, que reúne un conxunto de composicións próximas ao hilozoísmo de Amado Carballo, a quen dedica un dos últimos poemas, unha anovadora elexía. Algúns dos poemas foran antes incluídos en páxinas de xornais, así por exemplo, algún dos que publicara en Nós en 1922.
A estas dúas publicacións cómpre que engadamos o texto «Estética da muiñeira», aparecido nos números 13, 14 e 15 da revista Nós, entre o 25 de agosto de 1922 e o 1 de xaneiro de 1923. Trátase dun longo ensaio, dedicado a Xenius de quen di: Pra ti, Xenius, que tés o mismo nome que eu teño, a misma voación que a min me pula, o mismo amor pol-a tua terra que eu teño por Galicia. Neste traballo erudito inclúense, cun enfoque sorprendentemente innovador, algunhas consideracións sobre o baile máis famoso da cultura galega, a muiñeira. Reflexiona sobre a muller como bailarina, detense na importancia do muíño, na estética da danza ou no que dixo Goehe sobre a danza.
En maio de 1926 Eugenio Montes aproba a cátedra de Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito e escolle o instituto de Cádiz, onde se instala e onde trabará fonda amizade con José María Pemán. En marzo do ano seguinte a Deputación de Ourense ofrécelle unha axuda económica para que poida ampliar estudos no Instituto Rousseau e na Sorbona. Instálase en Francia e continúa formándose e consolidando o seu labor como xornalista, agora nas páxinas de La Época e El Sol. Entre 1931 e 1932 foi correspondente de El Debate en París e en 1933, dese mesmo periódico, en Londres. No ano seguinte, instálase en Berlín e Roma como correspondente do ABC.
Nos anos 30 sepárase do grupo de galeguistas e durante a II República colabora coa revista monárquica Acción Española. Fíxose amigo de José Antonio Primo de Rivera e de Rafael Sánchez Mazas e colaborou activamente na fundación da Falanxe Española. Durante a guerra, claramente posicionado, formou parte do círculo de Pemán e Dionisio Ridruejo. Desde 1939, escribe en Arriba e colabora en La Nación de Bos Aires e El Diario Ilustrado de Santiago de Chile.
En febreiro de 1940 foi nomeado académico da Real Academia Española, sucedendo a Ramiro de Maeztu, a quen admiraba. Demorou a lectura do seu ingreso e non tomou posesión ata o ano 1977, cun discurso que titulou El romanticismo de los clásicos e que contestou Joaquín Calvo Sotelo.
En 1963 instálase en Roma como director do Instituto de España, despois de selo do de Lisboa. Desde alí continua exercendo o xornalismo. Tres anos despois, en 1966, recolle o Premio Francisco Franco co que se recoñece o seu fecundo labor como xornalista. Permaneceu á fronte do Instituto de España ata a súa xubilación en 1971.
Faleceu en Madrid o 28 de outubro de 1982.


  • Referencias

    • OBRA

      • En galego

        • O vello mariñeiro toma o sol e outros contos (1922)
        • Versos a tres cás o neto (1930)


      • En castelán

        • El viajero y su sombra (1940)
        • Discurso a la catolicidad española (1940)
        • Federico II de Sicilia y Alfonso X de Castilla (1943)
        • Melodía italiana (1944)
        • Elegías europeas (1949)
        • La estrella y la estela (1953)
        • El romanticismo de los clásicos (1978)
        • Miguel Ángel en el jardín de los Médicis (1980)






    • BIBLIOGRAFÍA

      • Gutiérrez Palacio, Javier (1989): Eugenio Montes, prosista del 27. Estudio crítico y antología. Ourense, Caixa Orense.
      • Montes, Eugenio (1984): Euxenio Montes. Obra en galego I. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
      • Risco, Vicente (1919): «Xente nosa. Euxenio Montes». A Nosa Terra, n.º 96, p. 4.





Como citar: Arias Chachero, Patricia : Eugenio Montes. Recuperado o 29/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=25430

Obra sobre Eugenio Montes

Artigo «El camino y los momentos. Eugenio Montes en Foz»

Artigo de Ramón Fernández Mato. Vai ilustrado cunha fotografía.

Fonte: El Progreso vía Galiciana
Artigo «Por los prestigios gallegos. Voto por Eugenio Montes»

Artigo de Álvaro de las Casas sobre Eugenio Montes. A Academia de Bellas Artes de España en Roma

Fonte: El Pueblo Gallego vía Galiciana
Artigo «Eugenio Montes. Catedrático»
Fonte: Eco de Galicia vía Galiciana
Artigo sobre unha homenaxe a Eugenio Montes

Titulado «Un acto simpático y cordial. Ayer se le tributó a Eugenio Montes un homenaje de admiración», este artigo recolle a homenaxe que se lle tributa a Eugenio Montes no Hotel Roma de Ourense cando aproba a cátedra. Vai ilustrado cunha caricatura de perfil non acreditada. Incorpora un poema de Augusto María de las Casas.

Fonte: La Zarpa vía Galiciana
Artigo «Eugenio Montes» por Basilio Álvarez

Artigo de Basilio Álvarez sobre Eugenio Montes sob a epígrafe «Inquietudes»

Fonte: La Zarpa vía Galiciana