f Pilar Castillo Sánchez | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Pilar Castillo Sánchez

A Coruña, 1895 - , 1942

Biografía

----

Pilar Castillo Sánchez

A Coruña, 1895 - , 1942

Autoria: Nanina Santos

DOI: 10.17075/adg.2549

Pianista de sona nos comezos do século XX

Sabemos apenas nada desta pianista de proxección internacional no comezo do século XX. Foi profesora de piano e autora de dúas composicións breves, Durme, unha nana para voz e piano e, Maruxiña, unha muiñeira en que musica o poema de Pondal do mesmo nome.

Máis son os interrogantes que se abren na vida desta muller que as respostas que nós temos. Porén presentala así, mesmo con datos fragmentarios, pode servir de estímulo para a busca e preferimos isto que deixala durmir no anonimato.

Nace na Coruña en 1895 e morre en 1952. Non temos constancia do lugar da súa morte. Foi alumna de Canuto Berea e de Pilar F. de la Mora.

Desde moi nova dedícase a actividade concertística: en 1911, con dezaseis anos, acompaña ao violonchelista Van Isterdael. En 1912 actúa en París, no Ateneo de Madrid e en Niza. O 29 e 31 de xaneiro de 1919 acompaña a soprano Jenny Dufau nun concerto organizado pola Sociedade Filharmónica de Bilbao alternando lieder con obras de envergadura para piano só, de Debussy e de Liszt.

Segundo María Luisa Ozaita (1995) o gran Rubinstein amosou interese por ela e deulle consellos e apoio na súa carreira.

É posible que ocupase a cátedra de Piano en Madrid. Coliximos isto a teor dun dato de Antonio Buxán: Pilar Cruz, catedrática de Historia da Música e de Estética até a morte de Pilar Castillo, data en que pasou ocupar a cátedra de piano (1990).
Este autor, alumno predilecto da súa xeración, tiña en moita consideración á intérprete: Foi unha grande, extraordinaria pianista, é máis que posible, probable que fose a mellor pianista de Europa do seu tempo

Se o que el di non é ditirambo ou hipérbole, como é que Pilar Castillo nos resulta tan lonxe, tan descoñecida?

Outros comentarios dannos conta do seu talento como instrumentista.
En 1912 o crítico musical de Le Monde escribe sobre o concerto de Pilar Castillo en París: Acabamos de escoitar a unha moza de talento pianístico extraordinario: o de mademoiselle Pilar Castillo, unha española de dezasete anos. Son raras a esa idade tal forza, virtuosismo, técnica e musicalidade [...] Cando se escoita non se ten a impresión dun prodixio, xa que o seu xeito de tocar é fondo e razoado.

Aínda que non coñecemos ningún rexistro sonoro comercial da súa obra, si temos constancia da existencia de dúas composicións breves da súa autoría:
Durme, unha nana para voz e piano en do menor, compás de 6/8 e tesitura de soprano, con letra do actor Bermúdez Jambrina, que canta a unha nena (durme nena fermosa, que durmindo se afogan as penas) con merecementos semellantes a moitas das cancións de concerto galegas (Canuto Berea, Baldomir, Chané, Lens Vieira...). A partitura forma parte do arquivo de partituras de Canuto Berea que hoxe conforman os fondos da Deputación Provincial da Coruña, na sección musical da súa biblioteca e foi catalogada por Mª Dolores Liaño Pedreira co rexistro Mga 21/51. Sen ano de edición.

Maruxiña, muiñeira para voz e piano que musica o poema de Pondal do mesmo título. En tonalidade de Fa Maior, compás de 6/8 e carácter e tempo animado e enérxico, cunha pasaxe giocosa, tamén para soprano. A edición da partitura (portada, letra do poema e 4 páxinas de música) ten unha ilustración de portada asinada por E. Castillo, figura como autora Pilita Castillo [sic] e carece de ano de edición. Mais, atendendo aos datos que Ana Romero e Carlos Pereira recollen na páxina 157 do libro O orballo da igualdade: asociacionismo progresista na cidade da Coruña (2005), sabemos que se trata dunha composición anterior a 1935 porque foi interpretada nun acto da Agrupación Republicana Feminina da Coruña en homenaxe a Pondal o 23 de febreiro en 1935: ...a presidenta, Amparo López Jean, le unhas cuartillas -o brinde escrito por Pondal para o banquete de Conxo de 1856- e recita o poema "A Campana de Anllóns". A continuación unha socia canta unha muiñeira da autoría de Pilar Castillo, con letra de Pondal para, por último...

Como citar: Santos, Nanina : Pilar Castillo Sánchez. Recuperado o 27/09/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2549

Obra de Pilar Castillo Sánchez

Partitura para voz e piano da muiñeira Maruxiña.

Melodía composta por Pilar Castillo. Letra de Eduardo Pondal. Dedicada a Dª Leonor Centeno de Sánchez
Fonte: Biblioteca da Real Academia Galega

Partitura para voz e piano da melodía galega Durme.

Melodía composta por Pilar Castillo. Letra do actor Bermúdez Jambrina. Dedicada a Concha Mesa de Pérez López
Fonte: Biblioteca da Deputación Provincial de A Coruña

Referencias bibliográficas

- MARCO, A., Dicionario de mulleres galegas, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2007.
- MARCO, A., “Tres galegas para a historia musical do país”, Andaina, 4, (1992), p. 43-45.
- OZAITA, M.ªL., “Las Compositoras Españolas” en ADKINS CHITI. P., Las mujeres en la música, Madrid, Alianza Editorial, 1995, p. 407.
- VV.AA.: “PILAR Castillo”, Andaina, 32 (2002), p. 56.