María Miramontes Matos
Santa María de Guisamo, 6/ 4/1895 - Bos Aires, 17/9/1964Autoría: Encarna Otero
Unha das defensoras do Estatuto do 36
María de los Dolores Miramontes Matos naceu en Santa María de Guísamo (Bergondo- A Coruña) o 6 de abril do ano 1895. Os seus pais, Vicente e Antonia, xornaleiros, van vivir á Coruña a comezos do século XX. Nesta cidade, María comeza a traballar con 11 anos nun obradoiro de costura, onde aprendizaxe e labor van xuntos e onde comeza a súa formación como modista. Na Coruña destes anos teñen lugar as grandes folgas de consumos, protagonizadas polas mulleres (1886-1901-1903). Esta cidade tamén ten unha fonda tradición republicana que se evidencia na súa vida cultural e no seu comportamento político; asemade, na Coruña xermola o pensamento nacionalista e galeguista en lugares como a Cova Céltiga. María Miramontes, moza esperta, intelixente e aberta, edúcase en todo este mundo e así frecuenta os núcleos republicanos na compañía de Elvira Bao, Pilar Castro, Amparo López Jean e, moi nova aínda, milita nas Irmandades da Fala, entidade que vai chegar a ter máis de 200 socias. María estará na súa Xunta Directiva. Seguramente, nestes ambientes republicanos, progresistas e galeguistas coñece ao home co que vai compartir vida, pensamento, ilusión, esperanza, amor e militancia; mais tamén sufrimento e morte: Ánxel Casal.
Con el casa en setembro de 1920, con el instálase no número 9 da Rúa Panadeiras e alí mesmo abren os dous en sociedade económica conxunta un pequeno comercio de venta de teas. Os ingresos cativos desta actividade fan que María se dedique tamén á súa profesión de modista mentres que Ánxel completa a economía con clases de francés e traducións. A parella non só mantén a súa vida en común senón que alimenta economicamente iniciativas múltiples do nacionalismo e da cultura de Galicia: as Irmandades da Fala, a editorial Lar, despois a editorial Nós e unha escola aberta e popular con ensino bilingüe e educación progresista e laica inspirada na Institución Libre de Enseñanza, para así facer que os nenos e nenas das clases traballadoras poidan aprender e formarse no coñecemento e amor por Galicia.
No ano 1927, María vai quedar marcada por un feito fisiolóxico, derivado da súa condición de muller, un aborto vaina deixar fisica e psiquicamente destruída, xa que non poderá ter máis fillos. Con valentía e tesón afronta esta situación e de novo o traballo como modista e a militancia fan dela a muller responsábel, cariñosa e valente que sempre foi.
A proclamación da República o 14 de abril de 1931 faille vivir, xunto con Ánxel, días de esperanza e de ilusión na cidade da Coruña. Aos poucos meses deciden trasladarse a Compostela por motivos económicos e políticos: estar máis preto do Seminario de Estudos Galegos, xa que a Editorial Nós publicaba todas as obras desta institución e talvez, cavilando que nos novos tempos, pensan que Santiago pasaría a ser a capital de Galicia. Cando no mes de decembro deste 1931 nace o Partido Galeguista, María, xunto a Genoveva Casal e outras mulleres, non moitas, traballa a prol de convencer ao pobo de Galicia, e moi especialmente ás mulleres, da necesidade que Galicia ten de dotarse dunha forza política propia.
Seguramente non foi doado para María atopar clientela para o seu traballo como modista xa reputada entre as damas da "boa sociedade compostelana", mais é ben certo que a súa habilidade coa agulla e a tesoira, a súa capacidade creativa cos patróns e as teas, van romper esa barreira e nos bailes do Casino, nos actos institucionais da sociedade compostelana, nos actos universitarios do Paraninfo, a roupa que crea María ten sona do bon facer.
A súa xornada laboral, case sen fin, compatibilízaa coa súa militancia política e coa súa participación nas tertulias da Editorial Nós, onde seguramente cose e fala ao mesmo tempo. Mais a súa preocupación está nas mulleres e no convencimento de que, dentro do Partido Galeguista, ten que haber unha organización propia feminina. Así, no ano 1933, nun 25 de xullo, Día da Patria, un grupo de mulleres militantes do Partido Galeguista, entre as que está María, asina un chamamento público dirixido a todas as mulleres para que tomen conciencia dos valores galegos. Esta sorte de manifesto verá a luz pública o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e 3 días despois en A Nosa Terra. Coincidindo coa publicación deste chamamento, neste último xornal créase unha sección fixa dedicada ás mulleres, titulada "O recanto da muller".
María vai participar activamente na campaña de apoio ao Estatuto que se vai referendar o 26 de xuño de 1936. O 17 de xullo Ánxel Casal facía entrega do Estatuto de Galicia, xunto a toda a Comisión designada para esta función, ao Presidente das Cortes e ao Presidente da República. O 18 de xullo ten lugar a sublevación militar franquista. O día 20 de xullo, Ánxel Casal, que acababa chegar de Madrid, faise cargo da alcaldía e ponse ao frente do Comité Republicano de Santiago. Ese mesmo día, ás 12 da noite, a autoridade militar obrígao a ceder o mando. María e Ánxel vanse a Vilantime (Arzúa), aldea da familia de Ánxel Casal. O martes 4 de agosto, tras ser delatado por un veciño, Ánxel foi detido e conducido á cadea de Santiago, "a falcona". Comeza así, para María, unha etapa de dor, de sufrimento. Intentará por todos os medios manter con vida a Ánxel Casal, mais el, como moitos homes e mulleres, vai ser brutalmente asasinado nunha gabia en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto. María vive unha curta temporada na Coruña na casa dos Casal arranxando os papeis para exilarse e recompilando e gardando todos os obxectos persoais, fotografías e correspondencia que poden aínda conservar a lembranza, o amor e a complicidade de Ánxel.
No mes de novembro de 1936, como outras moitas mulleres, chea de dor e vestida de negro, embarca vía Lisboa, rumbo a Bos Aires, onde ten parte da súa familia emigrada. Cando chega alí consegue convivir co seu sufrimento e retomar a súa profesión, conservando así a súa independencia económica. Volve ser modista, mais a súa agulla e as súas teas nunca van ter a alegría e a ilusión da súa vida en Galicia. Algúns anos máis tarde casa cun curmán, Pedro Miramontes, que residía na mesma casa na que ela vivía. Mais as súas conversas e a súa vida estaban máis vinculadas á familia Seoane: con Rafael, con Maruxa e con Luís podía falar de Compostela, do Estatuto, da esperanza dun país novo cun pobo libre e, sobre todo, podía falar, evocar e chorar a memoria de Ánxel, home, compañeiro, amigo, amante que por sempre permaneceu no seu corazón.
María morreu o 17 de setembro de 1964 na capital porteña. Os seus ollos pecháronse, pero xa non tiñan luz desde aquel 18 de xullo de 1936 en que a barbarie e o sangue a deixaran cega.
O xornal A Nosa Terra de Bos Aires publicou en marzo de 1965 unha nota necrolóxica escrita por Maximino Brocos (pseudónimo de Luís Seoane). Mais a partir deste momento o silencio e o esquecemento fixeron de María Miramontes unha muller inxustamente invisibilizada.
Como citar: Otero, Encarna : María Miramontes Matos. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2601. Recuperado o 30/03/2023
María Miramontes Matos
Santa María de Guisamo, 6/ 4/1895 - Bos Aires, 17/9/1964Autoría: Francisco Domínguez
Un galego amable e xeneroso ao servizo dos discapacitados intelectuais e de Galicia
Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 8 de maio de 1924 – Vigo, 27 de xuño de 2017) naceu no seo dunha familia da burguesía viguesa. Estudou bacharelato no colexio Labor de Vigo e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, trasladándose logo a Madrid para preparar a oposición a notarías.
Colexio Mayor César Carlos e notaría en Gaucín
Residiu no Colexio Mayor César Carlos, dependente da Universidade de Madrid, único centro para graduados, creado polo Sindicato Español Universitario (SEU) coa pretensión de contar cun núcleo de dirixentes con prestixio profesional ao servizo do réxime franquista. De núcleo de dirixentes pasou a ser un foco de disidentes cun ambiente extraordinario, que lle permitiu o coñecemento da situación de España e o desexo de transformala na liña das democracias europeas. Alí foi reitor no curso 1955-1956 e secretario do Comité Hispano-Británico de intercambio entre as Universidades de Madrid e Oxford. Conta Alfonso, que esa etapa deixou forte pegada no meu espírito
. Todas estas vivencias marcárono moi positivamente facendo que a súa vida sempre estivese orientada pola preocupación política, social e cultural.
Gañada a oposición de notarías en 1956, marcha a Gaucín, un dos pobos brancos da provincia de Málaga, no sur da Serranía de Ronda. Ao ano seguinte casa con María Teresa Fernández Cabaleiro, tamén de Vigo, fixando residencia no seu destino de notario. Gaucín era daquela un típico pobo andaluz, con moitas carencias en alimentación, atención médica e sanidade en xeral, onde o matrimonio fixo un gran labor social, axudando á xente necesitada. Alí Alfonso presenciou a contratación dos campesiños na praza do pobo polo capataz que os contrataba nunhas condicións sempre próximas á explotación humana. Da súa indignación frente a esta realidade xurdiu a creación do Patronato de Educación e Cultura, cunha escola atendida por un mestre da localidade onde se impartía formación, incluso preparando oposicións a Correos ou á Garda Civil, para liberar á xente da servidume do campo, organizando amais charlas e exposicións culturais. Este tipo de actividades sempre resultaban sospeitosas para o réxime franquista, pero Alfonso tivo a sorte de contar coa complicidade dun capitán da Garda Civil que estudiara na Institución Libre de Enseñanza, quen chegou a confesarlle: Alfonso, puedes hablar lo quieras y donde quieras, te hice un ficha que se archiva en nuestro Cuartel que te ampara ante cualquier denuncia
. Cando Alfonso e Teresa volveron para Galicia no ano 1961, despois de cinco anos en Gaucín, sete pobos participaron nos actos de despedida, con misa e xente na rúa e os nenos e nenas con bandeiriñas.
De volta en Galicia. Cineclub, Ateneo de Pontevedra e Asociación Juan XXIII
No seu destino de notario en Marín, a partir de xaneiro de 1962, comenza para Alfonso unha nova etapa na que toma contacto en Pontevedra coas súas xentes máis inquedas, participando no cineclub da cidade do Lérez, chegando a ser o seu vicepresidente (1962-1976).
En 1966 créase en Pontevedra o Ateneo en cuxa fundación participa xunto persoeiros destacados da cidade, entre eles Xosé Filgueira Valverde, Isidoro Millán González-Pardo, Torrente Ballester, Gonzalo Adrio ou Antonio Odriozola, sendo o seu primeiro presidente (1966-1969). O Ateneo removeu as augas culturais de Pontevedra con ciclos de conferencias sobre temas de vangarda: de Carlos Marx a Xoan XXIII ou Teilhard de Chardin, ou a idea dunha España democrática… Ocupaba os locais da Delegación de Información e Turismo dos que foi expulsado por resultar moi incómodo ao réxime e incluso houbo serios intentos de disolvelo.
Tamén nesta etapa Alfonso e Teresa desenvolven o seu humanismo cristiano de atención aos necesitados, como xa fixeran en Gaucín, agora dedicándose aos discapacitados intelectuais. Percorren principalmente as aldeas e van coñecendo en profudidade esta triste realidade, moitas veces oculta, e o 14 de xuño de 1968 crean a Asociación Juan XXIII, sen ánimo de lucro, para proporcionar atención, formación e traballo a estas persoas. A ela manteranse ligados activamente o resto da súa vida, Teresa como presidenta e Alfonso como membro do padroado e asesor xurídico. Este labor vese completado no ano 1990 coa creación en Vigo da Fundación Tutelar Galega Sálvora, que asesora xurídicamente ás familias dos discapacitados intelectuais e asegúralles atención e coidados, así como a súa representación legal, para cando elas non poida facelo por defunción ou vellez. Alfonso é o seu primeiro presidente e Teresa forma parte do Comité Executivo. Ao seu falecemento deixaron a estas dúas institucións como legado a súa bonita casa tipo pazo de Aguete, para que o produto da súa venda se aplicase ás obras sociais que desenvolven. Alfonso tamén foi Membro da Xunta Directiva da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Pontevedra (1983-1995) FADEP e padroiero da Confederación Española de Fundacións (1977).
A incorporación a SEPT e a súa participación na política
A Sociedade de Estudos Publicacións e Traballos, SEPT, foi creada por iniciativa de Xaime Isla Couto e un significado grupo de cristiáns galegos, no ano 1966, respondendo ás necesidades de inculturación da Igrexa galega. SEPT puxo en marcha unha serie de accións, chegando incluso a Roma, para que o galego fose recoñecido como lingua oficial da liturxia en Galicia, despois de que os bispos galegos rexeitaran a nosa lingua para ese fin. Todo esto culminou cando o 7 de xaneiro de 1969 o galego foi aprobado polo Vaticano como lingua oficial da liturxia en Galicia. No ano 1971, contando xa na súa nómina con varios libros editados en galego de pensamento cristián, os evanxeos e un misaliño en galego, encontrábase en situación de certa parálise e compría dinamizala. Xosé Luís Fontenla Méndez, de Pontevedra, un dos membros de SEPT, e mailo o seu fillo, coñecían ben a Alfonso e sabían do seu cristianismo en armonía cos ventos anovadores do Vaticano II, que propiciaban a inculturación da Igrexa. Pensaron nel para que entrase nas súa filas e así se incorporou en febreiro de 1971 ao galeguismo cristián percorrendo, segundo as súas palabras, “un camiño similar ao de Adrián Solovio. Estiven moito tempo fora de Galicia, desconectado do meu país, e fun educado, coma tantos outros, de costas ao meu país, con descoñecemento da súa singularidade, da súa cultura e da súa lingua”. Decontado se puxo ó día e en pouco tempo,no seguinte ano de 1972, asumiu a presidencia de SEPT coa colaboración de Francisco Domínguez na dirección. A obra máis importante do seu mandanto foi a promoción e edición de A Biblia en galego desde as linguas orixinais: hebreo, grego e arameo. A aventura durou 17 anos e culminou coa aparición da primeria edición en 1989. Un exemplar especialmente encadernado foi entregado ao Papa Xoán Paulo II na súa visita a Compostela nese mesmo ano. A identificación con SEPT foi tal que Alfonso e a súa esposa Teresa non esqueceron deixar no seu testamento un legado económico para apoiar o labor editorial.
No ano 1974 España está a vivir o final do réxime franquista e nestas circunstancias, na transición á democracia, Alfonso funda na clandestinidade, con Xosé Luís Fontenla Rodríguez, Domingo Fernández del Riego, Francisco Domínguez e outros, o Partido Galego Socialdemócrata (PGSD), do que foi presidente (1974-1978) e candidato por Pontevedra nas primeiras eleccións de 1977, en coalición co Partido Popular Galego de Xaime Isla. O PGSD participou moi activamente na preparación da Xornada do 4 de Nadal en Vigo. Alfonso aparece nunha foto da cabeceira da manifestación en representación do seu partido. Os escasos resultados obtidos nas primeiras eleccións democráticas levaron posteriormente á creación do Partido Galeguista (PG), no que tamén participa como persoeiro. Esta xeira coincide co seu destino de notario en Ferrol (1978-1980), onde non chegou a montar casa e semanalmente viaxaba a Aguete (Marín), lugar onde construíu unha segunda residencia na súa etapa de notario en Marín. A política non proporcionou oportunidades á opción galeguista e en 1984 deixa o PG ao ser absorbido por Coalición Galega.
Vigo, a Fundación Penzol e Galaxia
En 1979 Alfonso é nomeado padroeiro da Fundación Penzol, pouco antes de se incorporar á notaría de Vigo en xuño de 1980, e na mesma sesión o padroado desígnao Vicepresidente. A biblioteca e o arquivo desta institución, creada en 1963 por iniciativa do grupo de Galaxia, aproveitando os fondos aportados polo bibliófilo Fermín Fernández-Penzol Labandera, están destinados a prestar servizo á investigación sobre temas relacionados con Galicia e coa súa cultura. Participou moi activamente, xunto con Antón Vidal Andión, nas xestión que levaron a establecer co Concello de Vigo un acordo polo que , no ano 1985, se acolleu a Penzol na Casa Galega da Cultura, antigo edificio do Concello, e se proporcionou persoal técnico e infraestruturas para a xestión bibliotecaria e arquivística. O mesmo fixo na posterior ampliación do convenio, no ano 1995. Feitos nos que Carlos González Príncipe tivo un protagonismo destacado polo respecto e admiración que sentía polo director, Francisco Fernández de Riego. En xaneiro de 2012, pola avanzada idade da presidenta, Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol, Alfonso foi elixido como novo presidente. En decembro de 2017, estando xa moi enfermo, deixou o cargo e o padroado designouno presidente de honra. A el se lle deben moitas realizacións e, tal era a súa identificación coa Penzol, que ao falecer el e a súa esposa a Fundación recibiu como legado a biblioteca e a colección de arte propiedade do matrimonio.
O desempeño da súa actividade na Penzol levou a que no ano 1991 fose designado membro do Consello de Administración de Galaxia, permanecendo no cargo ata pouco antes de falecer en 2017. Os seus coñecementos profesionais e culturais deron lugar a que ocupara a Vicepresidencia en decembro de 2011 e incluso exercera as funcións de Presidente cando se produciu o falecemento do presidente Benxamín Casal, en 2013. En momentos de certas dificultades económicas, Alfonso prestou o seu apoio financeiro.
Consello da Cultura Galega e outras entidades culturais galegas
O compromiso cultural de Alfonso deu lugar a que no ano 1991 fose designado membro do Pleno do Consello da Cultura Galega, pasando a ser vicepresidente no ano 1997. Representado a esta institución formou parte do Comité Galego do Ano Internacional do Voluntariado (2001). Tras a inesperada morte de Carlos Casares, en abril de 2002, foi desigando presidente da institución, cargo que desempeñou ata abril de 2006, dentro dun labor continuador do xa iniciado, destacando o desenvolvemento do proxecto Sarmiento. En palabras súas: A miña etapa… foi [para min] sumamente enriquecedora
.
Moitas outras foron as entidades nas que el participou: na Fundación Castelao, fundador e padroeiro do primeiro padroado (1985); na Fundación Otero Pedrayo, desde os seus primeiros tempos; na Fundación Isla Couto, padroeiro desde 1992 ata o seu falecemento en 2017; na Fundación Losada Diéguez, na que exerceu como secretario; na Fundación Gonzalo Torrente Ballester como padroeiro vitalicio, amigo do escritor desde a etapa do Ateneo de Pontevedra, foi un dos seus albaceas; na Fundación Wenceslao Fernández Flórez, padroeiro; no Instituto de Estudios Vigueses no que ingresa como membro numerario no ano 2007 cun magnífico discurso «Vigo e os seus espazos de cultura» no que fai unha referencia moi atinada sobre a necesaria ligación de ética e cultura.
Presencia noutro tipo de entidades
O convencemento da importancia que para as persoas ten a participación nas entidades cívicas e incluso relixiosas, tamén fixo que se comprometese noutros ámbitos, fundamentalmente os relacionados co seu Vigo de nacencia e residencia. Así accede á presidencia do Consello Social da Universidade de Vigo (1996-2003) que exerceu con especial responsabilidade incluso desde o cuestionamento do orzamento en 1997, por consideralo absolutamente irreal, utópico e que bordeaba a legalidade
. Tamén nesta Universidade formou parte da Comisión da cátedra Filgueira Valverde (1996-2100). Así mesmo foi Fundador e Presidente da Fundación Pedras Vivas da diocese de Tui-Vigo, constituida en 1999 para defensa e promoción do patrimonio cultural desta demarcación da Igrexa.
Alén máis, participa nos órganos de goberno das caixas de aforros, primeiro como Conselleiro na Caixa de Aforros Municipal de Vigo (1966) e logo en Caixanova, chegando a ser Vicepresidente de Novacaixagalicia, desde a súa creación en 2010.
Actividade profesional e publicacións
Exerceu de notario en Gaucín (1956-1961), Marín (1962-1978), Ferrol (1978-1980) e Vigo (1978-1994), onde se xubilou. Gozou de moi boa fama na súa competencia profesional e de trato afable e acolledor cos seus clientes a quen atendía directamente. Chegou a formar parte da Xunta Directiva do Colexio de Notarios da Coruña (1966) con ámbito territorial en toda Galicia. En 1980 participa na redacción do art. 26 do Estatuto de Autonomía de Galicia defendendo como mérito preferente a especialización no dereito galego e o coñecemento do idioma galego para a provisión de notarías en Galicia, que foi aprobado con certa oposición. Participa tamén nos congresos de Dereito Civil Galego dos anos 1972 e 1985 e como relator polo Consello da Cultura Galega para a lei do mentado Dereito Civil, así como para a súa actualización posterior en 2005. Sentíase moi orgulloso de ter elaborado os estatutos e ser membro da Fundación Francisco José Traspuesto Miguel, empresario vigués, creada coa finalidade de proporcionar aos fillos dos traballadores das empresas do fundador axudas de educación a todos os niveis, incluso no estranxeiro. Foi Académico de Honra da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia e membro da Corte arbitral da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo.
Publicacións
O seu cargo de Presidente do Consello da Cultura Galega propiciou que numerosas obras estean prorrogadas por el. Non obstante temos localizado algunhas outras súas ou nas que participa, tales como Matrimonio irregular [texto mecanografado de 1945], Contaminación Industrial e desenvolvimento [SEPT. 1975], De las partijas (Das partillas) [1996. Consejo General del Poder Judicial], Pregón das festas da Divina Peregrina [1994], Vigo e os seus espazos de cultura [2007. Discurso de ingreso como membro numerario do Instituto de Estudios Vigueses]
Recoñecementos
Zulueta recibiu en vida unha serie de recoñecementos ao seu labor entre os que recollemos os seguintes: O Botón de Ouro do Colexio Maior Universitario César Carlos de Madrid (1956), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1993), a Medalla Castelao (2000), o Trofeo á galeguidade da Enxebre Orde da Vieira (2005), o Premio Solidariedade do Concello de Vigo (2006) xunto coa súa esposa, o nomeamento de Confrade de Honra da Confraría San Miguel de Marín (2006), o Premio IURISGAMA da Asociación de Juristas Gallegos en Madrid (2007) e o de Pontevedrés de Honra (2013).
O seu falecemento foi moi sentido en Vigo e en toda Galicia e moitas autoridades políticas e da cultura acudiron ao velorio e ao seu enterro para manifestar o pesar e recoñecemento ao seu exemplar labor cultural e social.
Coda
Esta é a biografía dun home con fondas conviccións cristiás, de trato amable e acolledor, que puxo a súa vida ao servizo dos demais, especialmente dos discapacitados intelectuais, e tamén de Galicia, comprometéndose con ela na política, na cultura e na súa profesión.
Referencias bibliográficas e fontes consultadas
Actas da Editorial Galaxia
Actas da Fundación Penzol
Confrade de Honra da Confraría San Miguel de Marín. La Voz de Galicia, (28 de setembro de 2002)
Consello da Cultura Galega: páxina web
Consello Social da Universidade de Vigo. Declaracións de Alfonso Zulueta de Haz, Presidente. Faro de Vigo, (9 de febrero de 1997).
Colexio de Notarios de Galicia
Fundación Penzol: fondo Alfonso Zulueta de Haz
Fundación Pedras Vivas: DOG 25.XI.1999
Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia: páxina web
Xornada do 4 de Nadal de 1977. Faro de Vigo, (5 de decembro de 1977)
Zulueta de Haz, Alfonso: «Vigo e os seus espazos de cultura». Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. Separata de Boletín Glaucopis, (2 de febrero de 2007)
Zulueta de Haz, Alfonso: «Nota autógrafa mecanoscrita escrita para agradecemento da homenaxe que lle fixeron a Fundación Penzol, SEPT e a Editorial Galaxia ao cumprir os 90 anos». 27.VII.2014. Inédita. Fondos Fundación Penzol.
Como citar: Domínguez, Francisco : María Miramontes Matos. Publicado o 1/12/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2601. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Chamamento ás mulleres publicado en xornais
O 25 de xullo do 1933, un grupo de mulleres do Partido Galeguista, entre as que está María, asina este chamamento. Foi publicado o 3 de agosto no xornal La Razón de Lalín e o 6 do mesmo mes en A Nosa Terra.
Fonte: arquivo de Encarna Otero Cepeda
Este manifesto da Sección Femenina das Irmandades da Fala, da que fai parte María Miramontes desde 1917, responde a outro publicado pola Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME). Imprimiuse en 1918 na imprenta Valladares de A Coruña e remitiuse a todos os xornais do territorio español
Fonte: Arquivo familiar Varela Bao
DOCUMENTACIÓN SOBRE
TORNA, Cilia: «María Miramontes, tecendo a patria cincuenta anos despois», Sermos Galiza (09/06/2014)
Fonte:http://www.sermosgaliza.gal/ [data de descarga: 11/12/2015]
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Bibliografia
Unha bibliografia detallada sobre María Miramontes
Relación de Socias de Irmandade da fala.
Datado en abril de 1928, o listado xeral das e dos membros da Irmandade da fala da Coruña comprende 90 nomes con idades e direccións. Neste documento recollense os nomes, idades e direccións das 16 mulleres do listado.
Fonte: VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto: Ánxel Casal (1895-1936): biografía no seu contexto cultural, político e empresarial. Tese de doutoramento inédita, A Coruña, 2000.
Estatuto Galego de 1932
Estatuto Galego de 1932 e refrendado o 28 de xuño de 1936
Recortable de María Miramontes
Recortable de María Miramontes publicado no fanzine Galiza nación Cuir, Comisión de Sexo, Xénero, Diversidade de políticas LGTBQI da Galleira, nº1 (novembro 2016), p. 38.
Ligazóns de interese
María Miramontes Mato no web Nomes e voces
[última consulta: 30/06/2021]
María Miramontes en Andaina
[última consulta: 30/09/2021]
Rita Amparo López Jean no Álbum de Galicia
[última consulta: 30/06/2021]
Referencias bibliográficas
- ANXEL CASAL catálogo da exposición celebrada na galería Sargadelos no ano 2003
- DUBY, G., PERROT, M. (coord.), Historia de las mujeres. El Siglo XX. Tomo V, Madrid, Taurus. 1990.
- FREIRE LESTÓN, X.V., Lembranzas dun mundo esquecido. Muller, política e sociedade na Galiza Contemporánea, Santiago de Compostela, Laiovento. 1993.
- PEREIRA, D. (coord.), Os conquistadores modernos. Movemento obreiro na Galiza de anteguerra, Vigo, A Nosa Terra, 1992.
- PÉREZ LEIRA, L., “María Miramontes” , en Galegos na Arxentina. Unha ollada fotográfica, Vigo, FESGA, 2006, p. 89.