Miguel Bendamio
Ares, 1873 - A Habana, 1938Autoría: Xosé M. Núñez Seixas
Un emigrante aresán en Cuba
Miguel Bendamio Montero (1873-1938) naceu en Ares. Emigrou a Cuba contra finais da década de 1880. Traballou por un tempo na fábrica de tabacos La Cruz Roja, propiedade de dous inmigrantes tamén galegos: Jesús Vales Leira, de Pontedeume, e Ramón Allones, de Corcubión, ambos os dous directivos do Centro Galego e doutras sociedades. Aos poucos anos, Bendamio converteuse no representante e home de confianza dos donos. Máis tarde estableceuse pola súa conta, como propietario da sociedade de importación M. Bendamio y Cía, e acadou unha posición relativamente acomodada.
Miguel Bendamio tivo así tempo e recursos para dedicarse á promoción do asociacionismo galego na Habana e participou no 1904 de xeito proactivo na fundación da Alianza Aresana de Instrucción, constituída en abril de 1904 por 46 aresáns residentes na Habana, os Estados Unidos e México, con orixe nun pedimento de axuda por parte do cura párroco de Ares para os ausentes contribuíren a reedificar a igrexa parroquial. Á iniciativa sumáronse decontado numerosos mariñeiros aresáns emigrados, co fin de dotar á sociedade de SS. MM. La Amistad de Ares dunha escola primaria para os seus asociados e os nenos e nenas pobres do concello. A Alianza Aresana contaba, tres anos despois, con 257 socios, e botou a andar un establecemento de primeiro ensino en Ares en xullo de 1904, do que construíu un primeiro edificio escolar no 1908. A súa andaina posterior, con certo peso de membros da masonaría entre os seus directivos, orientouse por roteiros laicos e demócratas.
No 1918-19 Bendamio era vicepresidente da Alianza Aresana e no 1920 ocupou a súa presidencia. Ademais, tamén foi membro da Asemblea de Apoderados do Centro Galego da Habana, en representación do partido Renovación y Defensa Social. Anos despois, no 1936-37, aínda sería vogal da directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Porén, pouco tempo puido exercer pois faleceu ao ano seguinte; os seus restos repousan na Habana.
Ademais do seu labor no tecido societario galego da Habana, Miguel Bendamio era un conspicuo xornalista e mesmo literato amador, e converteuse nun dos facedores de opinión máis salientados da colectividade galega da Habana. Xa no 1895 figuraba a súa sinatura como correspondente da guerra hispano-cubana nas páxinas do semanario La Tierra Gallega, dirixido polo escritor e xornalista Manuel Curros Enríquez. Dende 1902 colaborou tamén no semanario galaico-habaneiro Galicia; nesa tribuna escribiu sobre diversos temas, entre eles a necesidade da autonomía para Galicia, partindo dun sentimento inequivocamente rexionalista, demócrata e anticaciquil. Aínda nos anos trinta, Bendamio enviaría varias colaboracións sobre a historia recente da colectividade galega en Cuba para a revista Galicia en Madrid.
Parte desas concepcións evidenciáronse igualmente na súa novela Cómo se llega a millonario. Novela corta del ambiente aresano (A Habana, Imprenta Fouce y Guerra, 1925). Nela, a través da andaina dun emigrante aresán de éxito que chegara a forxar unha fortuna como petroleiro nos Estados Unidos, logo de pasar por Cuba e México, Bendamio levaba a cabo unha vindicación da figura do bo indiano, que investiría no porvir da súa terra mediante a súa colaboración coa obra das sociedades de instrución.
Proba igualmente daquel circio compromiso rexionalista foi a súa participación dende 1905 nos labores da comisión xestora da Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega, a partir da cal nacería pouco despois a Real Academia Galega na cidade da Coruña. Porén, Bendamio non daría xamais o salto ao galeguismo político e non participou da xeira das Irmandades da Fala, ficando á marxe dos grupos que seguiron o esteiro do novo nacionalismo na capital cubana, como a Xuntanza Nazonalista Galega da Habana fundada no 1920.
Como citar: Núñez Seixas, Xosé M. : Miguel Bendamio. Publicado o 13/8/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26964. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
BENDAMIO MONTERO, Miguel: «Adelante siempre adelante»
Fonte: Memoria Alianza Aresana de Instrucción. Relación de los trabajos realizados durante el año 1924, A Habana, (1925), p. 3-4.
BENDAMIO MONTERO, Miguel: «El sanatorio Ultra-Modelo del Centro Gallego»
Fonte: A Habana, Galicia. Órgano de la Colonia Gallega y Sociedades Regionales de Cuba, n. 35 1/09/(1925), p. 1-3. Asinado por Miguel Bendamio o 27 de agosto de 1925
BENDAMIO MONTERO, Miguel: «Valores representativos de la Alianza Aresana de Instrucción»
Fonte: Memoria Alianza Aresana de Instrucción. Relación de los trabajos realizados durante el año 1923, A Habana, (1924), p. 5-7.
BENDAMIO MONTERO, Miguel: «Beneficiosa transformación»
Fonte: Memoria Alianza Aresana de Instrucción. Relación de los trabajos realizados durante el año 1922, A Habana, (1923), p. 3-4.
BENDAMIO MONTERO, Miguel: «La Escuela debe ser institución»
Fonte: Memoria Alianza Aresana de Instrucción. Relación de los trabajos realizados durante el año 1921, A Habana, (1922), p. 3-4
BENDAMIO MONTERO, Miguel: «La Alianza Aresana de Instrucción a través de los tiempos»
Fonte: Memoria Alianza Aresana de Instrucción. Relación de los trabajos realizados durante el año 1920, A Habana, (1921), p. 3-4.
Libros do ccg sobre Miguel Bendamio
Cómo se llega a millonario.
2020 | Xosé M. Núñez Seixas, Estudo introdutorio. Miguel Bendamio, Autoría.