Rosalía Mera Goyenechea
Barrio do Matadoiro, A Coruña, 28/ 1/1944 - Liáns, Oleiros, 15/8/2013Autoría: Encarna Otero
A agulla no mar da liberdade
Rosalía foi toda ela corazón, intelixencia, traballo e vida. É difícil resumir nunha soa palabra o seu decurso vital: traballadora, modista, empresaria, emprendedora, creadora, nai, artista, comunicadora, loitadora e, sobre todo, libre, defensora da xustiza social e feminista. As cores do arco da vella non abondarían para recoller a totalidade do prisma cromático que foi Rosalía Mera Goyenechea.
É a filla maior de 3 irmás dunha familia traballadora do barrio coruñés do Matadoiro, onde naceu. O pai traballaba na fábrica de cervexas Estrella Galicia e a nai (de orixe vasca) lograra o seu soño de abrir unha carnizaría no barrio de Monelos.
Asistiu á escola até os 12 anos. Unha vez rematada esta etapa educativa, coma tantas mozas daqueles anos, entrou de aprendiza nun taller de costura. Adquiriu aquí unha formación que vai ser un dos piares da súa iniciativa empresarial.
Con 16 anos entrou a traballar como dependenta e probadora (modelo) nunha tenda de confección-boutique situada na rúa de Santo André chamada La Maja e que tiña como clientela a maior parte da burguesía da Coruña. Coincidiu aquí con Amancio e Antonio Ortega Gaona, que traballaban como comerciais, e con Josefa Ortega Gaona, que desempeñaba tarefas administrativas en virtude dos seus estudos na famosa Escola de Comercio da Coruña, na que se formaron tantas mulleres a partir da década de 1920.
Este partillamento do espazo laboral marcou a súa vida profesional e sentimental. Hai que ter en conta ademais que ela formaba parte dunha saga de mulleres emprendedoras: a súa avoa Xoana sacara adiante a súa familia cun posto de carne no mercado de Santo Agostiño e vai ser todo un referente para Rosalía, como tamén o vai ser a súa propia nai. As tres van ser grandes loitadoras por dispor dunha economía de seu.
No seu primeiro espazo de traballo naceu o amor con Amancio Ortega, con quen casou e tivo a súa filla, Sandra Ortega Mera, o 19 de xullo de 1968, e o seu fillo, Marcos Ortega Mera, o 1 de maio de 1971. Máis aló do amor e da amizade, xurdiu tamén a iniciativa empresarial da que formaron parte xunto con Josefa e Antonio Ortega Gaona e a muller deste último, Primitiva Renedo.
Os primeiros pasos da empresa, compaxinando os tempos de traballo en La Maja, déronos Rosalía e Primitiva na casa desta última. Comezan por traballar cos seus coñecemento de costura e patronaxe e producen sacos de bebés e lenzaría. Pouco tempo despois, crean o nome da marca GOA e engaden a elaboración de batas acolchadas de vivas cores, confortábeis e lavábeis, convertidas na actualidade en pezas de coleccionista. Pouco a pouco Rosalía pasou a traballar a tempo completo no taller familiar, que, co tempo, vai precisar dun espazo propio e amplo para poder abastecer a xa numerosa demanda. Estamos a falar dos anos 60 do século XX. En pouco tempo neste taller chegan a traballar 40 mulleres e, segundo se vai achegando o ano 1966, GOA comercializaba xa para todo o territorio español, como dicía a propia Rosalía: “grazas ao esforzo, á constancia, á intelixencia e tamén á sorte”.
Xa na década de 1970, reinvestindo os beneficios na propia empresa, ampliaron o abano de prendas que producen e instalaron a fábrica no Polígono da Grela. Isto sitúa o nacemento da marca ZARA.
Do dito con anterioridade pódese deducir que a finais da década dos sesenta Rosalía desfrutaba de progreso económico e de sosego (o ideal social dos anos 70). Ten ademais un momento de estabilidade familiar e nesta altura reside nunha vivenda situada na contorna de Riazor.
A situación vai mudar completamente co nacemento de Marcos. O neno ten unha parálise cerebral fonda e Rosalía toma a decisión de deixar nun segundo plano a vida empresarial e laboral para lle dedicar ao fillo todos os coidados e enerxías necesarios. Adquire coñecementos de logopedia, neuroloxía, psiquiatría e fai a carreira de Maxisterio. Todo para lle proporcionar a Marcos elementos para desfrutar dunha vida mellor e máis autónoma. Con este mesmo obxectivo, a finais dos anos 70 entrou a traballar como contratada no INSERSO da Coruña, máis concretamente no servizo do SEREM (centro básico de minusvalías), na área de estimulación precoz. Incluso se lle pasou pola cabeza preparar oposicións para se converter en persoal fixo. Pero de novo apareceu a emprendedora, neste caso, de economía social: por que non facer de todo o coñecemento e coidados que o seu fillo precisaba unha fundación que beneficie a máis xente? E así foi como naceu a Fundación Paideia-Galiza, un proxecto propio e persoal de Rosalía Mera, e cabeza de proa de todo un conglomerado de empresas que se converteron en ferramenta de traballo e esperanza ao servizo de persoas con risco de exclusión social e laboral, para a formación e divulgación de coñecementos e para o apoio a actividades culturais diversas.
Unha parte do persoal cualificado que traballaba con ela no INSERSO colaborou na posta en marcha e arranque da nova fundación, cuxa sede vai estar no corazón da cidade vella da Coruña: na praza de María Pita, nun edificio de pedra e galerías rehabilitado para tal fin e no que, na actualidade, traballan arredor de 100 persoas.
Despois nacerá o Centro de Iniciativas Empresarias MANS no Polígono de Pocomaco e outros proxectos como as empresas de economía social do grupo Trébore, DELOA (Asociación de Desenvolvemento Local), Cultigar (Laboratorio de Biotecnoloxía Vexetal) e outros de carácter empresarial e de formación.
A vida de Rosalía foi mudando tamén no campo dos afectos. Logo da súa ruptura matrimonial en 1985, pasou a residir, xunto coa súa filla e fillo en Liáns (Oleiros). A pesar disto non deixou de atender e supervisar a súa participación no grupo INDITEX e promoveu numerosas iniciativas de investimento, dirixindo o seu capital cara a diferentes empresas galegas con fins sociais ou de investigación, como foi a compra de accións en Zeltia (hoxe Pharmamar), empresa que investiga en medicamentos contra o cancro baseándose en recursos mariños.
Esta muller libre e loitadora apoiou movementos como Nunca Máis cando Galiza caeu na negrura do chapapote, solidarizouse cos campamentos do 15-M denunciando a corrupción como un veleno perigoso, escribía poesía, gustaba da música, de camiñar polo paseo marítimo, de cantar na Taberna dos Belés, desfrutaba do sosego na desembocadura do río Miño na Guarda ou fronte ao mar (un dos seus amores). Foi, ademais, moi coidadosa da súa vida privada e compartía o seu tempo coa familia.
Así mesmo, a súa presenza pública foi permanente e constante para divulgar o traballo en Paideia, a súa querida fundación, até que un día, na canícula de agosto, de repouso en Menorca, a morte presentouse coa gadaña afiada, de súpeto, sen máis. Foi o 15 de agosto do ano 2013. Desde aquela data, o corpo de Rosalía descansa na terra, no cemiterio de Liáns (Oleiros), cunha lápida branca co seu nome e a seguinte lenda: “Na busca continua do saber facer, saber sentir e saber dicir”.
Agradecementos
Esta biografía está feita coa colaboración da Fundación Paideia.
Como citar: Otero, Encarna : Rosalía Mera Goyenechea. Publicado o 3/11/2020 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27127. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Premios outorgados a Rosalía Mera [documento elaborado en 2020 para o Álbum de Galicia]
Fonte: Fundación Paideia
Páxinas dedicadas a Rosalía Mera no Roteiro cultural 2019, IES Neira Vilas e IES Miraflores, Concello de Oleiros, 2019, p. 20-37.
Fonte: exemplar de Encarna Otero
MORA , Mercedes: “Rosalía Mera, las primeras puntadas de un mito”, La Voz de Galicia (19/08/2013).
Fonte: lavozdegalicia.es [data de descarga: 25/09/2020]
Referencias bibliográficas
- Memorias da Fundación Paideia
- DOMÍNGUEZ, Monserrat: “Entrevista a Rosalía Mera”, A vivir que son dos días, Cadena Ser (13/06/2012).
- TORO, Suso de: Entrevista a Rosalía Mera “Son unha desclasada”. El País Semanal (19/01/2004).