Aníbal Otero
Barcia (Ribeira de Piquín), 1911 - Barcia (Ribeira de Piquín), 1974Autoría: Xosé Afonso Álvarez Pérez
Dialectólogo e lexicógrafo, para alén de colector da cultura oral e creador literario
O filólogo lugués Aníbal Otero é coñecido principalmente por ser un dos enquisadores do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, así como pola súa detención (e posterior condena) cando estaba a facer traballo de campo en Portugal no momento da rebelión militar de 1936. Ora ben, as súas contribucións van ben máis alá. Foi recolector destacado de romances, redactor de numerosas contribucións lexicográficas e etimolóxicas e tamén creador literario, se ben que boa parte dos seus escritos permanece inédita.
Aníbal Otero Álvarez nace o 21 de xaneiro de 1911 en Barcia, aldea do concello de Ribeira de Piquín. En 1921 desprázase a Valladolid, onde estaba destinado o pai, administrador militar. Alí realiza o Bacharelato e estuda os dous primeiros cursos (Comúns) da Facultade de Letras. En 1928 comeza os estudos de Filoloxía Románica en Madrid, ano en que tamén inicia a súa fecunda colaboración co Arquivo do Romanceiro Hispánico de Ramón Menéndez Pidal e María Goyri; en 1930 aparece publicado o seu primeiro poema.
Despois de moitos preparativos e atrancos, bota a andar neses anos o Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Aníbal Otero, que xa era bolseiro do Centro de Estudios Históricos e tiña experiencia de traballo de campo, foi o elixido para facer as enquisas en Galicia. Estas comezan con atraso con respecto a outras zonas ―no último trimestre de 1933 morren seu pai e unha irmá, polo que ten que pasar tempo en Barcia―, pero axiña se pon á par, con gran satisfacción do director efectivo do Atlas, Tomás Navarro Tomás. En algo máis de doce meses, repartidos entre xullo de 1934 e decembro de 1935, Aníbal Otero explora corenta e sete localidades galegas como enquisador único e outras seis, no sueste ourensán, coa compaña de Aurelio M. Espinosa.
Otero tamén se ocupa de explorar Portugal, en colaboración cun enquisador designado polas autoridades lusas, que sería, tras diversas vicisitudes, Armando Nobre de Gusmão. Este chega a Madrid en xaneiro de 1936, para formarse na metodoloxía do ALPI. Otero e Gusmão viaxan a Lisboa en maio e comezan a enquisar nas proximidades da capital, pero non tardan en desprazarse a terras lindeiras con Galicia; será en Paderne (Melgaço) onde reciban as primeiras noticias da rebelión militar en España. Gusmão volta para Évora e Otero viaxa a Valença do Minho, onde é detido o 5 agosto pola policía portuguesa, que o entrega inmediatamente ás autoridades sublevadas españolas, por consideralo confidente do goberno republicano.
Circulou amplamente a versión de que a detención de Aníbal Otero e a súa posterior condena por un tribunal militar debíase á acusación de espionaxe, sustentada no feito de ter no seu poder os cuestionarios en notación fonética, que se tomarían por papeis
cifrados”. Non hai sólidos alicerces para esa explicación. Sería inxenuo pensar que a policía portuguesa ignorase as enquisas do ALPI, cando Otero e Gusmão xa levaban un mes na zona e estaban obrigados a presentar as súas credenciais oficiais en cada concello que visitaban. Ademais, a Causa militar que se lle instrúe non menciona en ningún momento a transcrición fonética pero si é prolixa en elementos acusatorios doutro teor. Numerosos hóspedes do seu hotel eran españois exiliados tras a chegada da Fronte Popular; varios declararan que Otero mantivera fortes discusións políticas con eles e que se posicionara abertamente do lado da legalidade republicana. Outros elementos incriminatorios son comunicacións coa embaixada española en Lisboa e a vontade (manifestada nunha carta á nai e perante a policía portuguesa) de querer unirse ás tropas da República.
Aníbal Otero espera no cárcere de Tui o Consello de Guerra, celebrado o 5 de marzo de 1937, que, aplicando o coñecido principio da
xustiza ao revés, o condena a reclusión perpetua polo delito de rebelión militar. Pasa polas prisións de Vigo, San Simón, Burgos e Figueirido, de onde foi liberado o 22 de maio de 1941, despois de ser rebaixada a súa pena. A cadea non interrompe o labor filolóxico de Otero, quen fai enquisas dialectais entre os presos e continua a súa recolección de romances. Traballa tamén na súa vocación literaria, coa escrita de poemas ambientados no cárcere e tamén dun relato autobiográfico, Esmoriz, que narra as circunstancias da súa detención e da vida carceraria.
Sen outras perspectivas ―non tiña a carreira rematada (e o seu expediente ardera na Guerra), o Centro de Estudios Históricos fora desmantelado e os seus antecedentes xudiciais dificultábanlle a procura de traballo―, Otero marcha para Barcia, onde se ocupa dos traballos do campo e, no tempo libre, continúa co labor filolóxico. Segue a recoller léxico para o seu Vocabulario de San Jorge de Piquín, que se publicará postumamente, e organiza as súas investigacións para dar ao prelo artigos encadrados en dúas series: «Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués» (Cuadernos de Estudios Gallegos¸ de 1949 ata morte) e «Contribución al léxico gallego y asturiano» (Archivum, 1953-1964). Tamén continúa coa recolección de romances para Menéndez Pidal, con quen ten frecuente intercambio epistolar. En 1949 casa coa súa prima Asunción Álvarez, e nese mesmo ano nace o seu fillo Horocel, con espiña bífida, unha doenza que marcará o resto da vida de Aníbal, tanto polos coidados médicos que precisa coma polo impacto emocional.
Nesa altura, despois de numerosos atrancos, os traballos do ALPI botan a andar de novo, e Otero é recrutado para continuar coas enquisas portuguesas, pero cun novo colaborador, xa que Gusmão estaba doente. Este sería Luís F. Lindley Cintra, con quen tivo unha relación moi tensa, marcada por numerosos reproches persoais e profesionais entre os dous investigadores. O traballo de campo desenvolveuse en 1953 e 1954. Cintra e Otero visitaron xuntos setenta e unha localidades e Otero investigou outras seis en solitario. Aínda que mantén a vinculación co CSIC un tempo, Aníbal acaba por quedar desprazado da preparación e edición da obra ―en 1962 aparece o único volume que chega a ver a luz―, e tampouco atopa outras saídas profesionais en Madrid.
En 1957 é nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e, en 1964, é designado numerario, posición da que pide renunciar (por mala saúde e pouco ánimo) e que perde, ademais, por non chegar a ler o seu discurso, a pesar de varias premas. Tampouco frutifican diversas iniciativas para lle encomendar traballos lingüísticos remunerados. En 1967 publícase, iso si, a súa obra Contribución al Diccionario Gallego, que reelabora contribucións previas xa mencionadas e acrecenta novos materiais. Agravada a súa depresión, en 1973 é internado nun sanatorio psiquiátrico en Compostela; fiel aos vellos costumes, pídelle a Antón Santamarina, que o visitaba, un caderno para anotar as palabras dalgúns compañeiros de internamento. O 11 de marzo de 1974 morre en Barcia, poucos días despois da última saída do hospital.
Bibliografía
Alonso Montero, Xesús (2011): Aníbal Otero: Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo. Vigo: Xerais.
Cortés Carreres, Santi / García Perales, Vicent (eds.) (2009): La historia interna del Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Correspondencia (1910-1976). València: Universitat de València.
González González, Manuel (1981): «Aníbal Otero e a lexicografía galega. Comentarios ó Vocabulario de San Jorge de Piquín», Grial, XIX/73 (= Fermín Penzol. In memoriam], p. 289-298. [dispoñible en liña: https://hoxe.vigo.org/pdf/PENZOL/GRIAL73.pdf]
Requeixo, Armando (1996): «A tradición romancística galega: a figura de Aníbal Otero», Boletín Galego de Literatura, 15-16, p. 47-76. [dispoñible en liña: http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/378/]
Requeixo, Armando (2006): «Aníbal Otero: narrador, poeta e colector de romances durante a guerra civil», en Xesús Alonso Montero e Miro Villar (coords.), Guerra civil e literatura galega (1936-1939), Vigo: Xerais, p. 155-168.
Rodríguez Fer, Claudio (1991): «Aníbal Otero, novelista e poeta carcerario», Boletín Galego de Literatura, 5, p. 77-85 e 93-95 (textos) [dispoñible en liña: http://hdl.handle.net/10347/1706 e http://hdl.handle.net/10347/1708]
Santamarina, Antón (1974): «Aníbal Otero (1911-1974)», Verba. Anuario galego de Filoloxía, 2, p. 7-12.
Santamarina, Antón (2017): «First Dialectologists: Aníbal Otero (1911-1974)», Dialectologia, 18, p. 205-212 [Dispoñible en liña: http://www.publicacions.ub.edu/revistes/ejecuta_descarga.asp?codigo=1332]
Como citar: Álvarez Pérez, Xosé Afonso : Aníbal Otero. Publicado o 19/7/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2859. Recuperado o 21/04/2024
DOCUMENTACIÓN DE
«Poemas carcerarios de Aníbal Otero», Boletín Galego de Literatura, 5 (1991), p. 93-95
Fonte: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/1708
Carta de Aníbal Otero a Rafael de Balbín. Lugo, 9 de xuño de 1952
Fonte: Cortés Carreres, S. e V. García Perales (eds.): La historia interna del Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Correspondencia (1910-1976). València: Universitat de València, 2009
Poema «Eso», de Aníbal Otero, publicado na revista Nós en 1932
Fonte: «ESO», Nós, 101 (15 de maio de 1932), p. 73. Biblitoeca do Consello da Cultura Galega
«El Atlas lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). Trabajos, problemas y métodos», Boletim de Filologia, XX/1-2 (1961), p. 113-119. [Coautoría con M. Sanchis Guarner, L. Rodríguez Castellano e L. F. Lindley Cintra].
Fonte: http://cvc.instituto-camoes.pt/conhecer/biblioteca-digital-camoes/lingua-1/247-247/file.html
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de/sobre Aníbal Otero
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
ALONSO MONTERO, X.: «Para a biografía de Aníbal Otero como lingüista: documentos e datos inéditos ou descoñecidos», Madrygal, 12 (2009), p. 11-24
Fonte: http://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0909110011A/32911
GONZÁLEZ GONZÁLEZ, M.: «Aníbal Otero e a lexicografía galega. Comentarios ó Vocabulario de San Jorge de Piquín»,Gria , 73 ( (1981) p. 289-298
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
SANTAMARINA, A.: «Aníbal Otero (1911-1974)», Verba, 2 (1978), p. 7-12
Fonte: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/4865
MAGARIÑOS, A.: «Aníbal Otero, filólogo y campesino», Tiempo de Historia, IV/46 (1978), p. 54-61.
Fonte: http://www.triunfodigital.com/TH/mostradorn.php?a%F1o=IV&num=46&imagen=3&fecha=1978-09-01
«Aníbal Otero», Grial, XII/44 (1974), p. 252
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
«Aníbal Otero na Academia Galega», Grial, III/7 (1965), p. 129
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI). páxina do CSIC con información sobre este proxecto histórico no que participou Aníbal Otero
Fonte: http://alpi.csic.es/gl
Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega. Inclúe varias obras de Aníbal Otero, citadas na sección «Documentos»
Fonte: http://sli.uvigo.es/ddd/
Aníbal Otero na Galipedia
: Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Aníbal_Otero
Cartas de Seoane, Díaz Pardo e Fernández del Riego nas que se fala da morte e o enterro de Aníbal Otero
Fonte: Epistolario de Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoan
ÁLVAREZ CASTRO, Xosé: «Aníbal Otero, o espía que nunca existíu». Artigo no blog Pontevedra nos anos do medo, (7 de febreiro de 2021)
Fonte: https://anosdomedo.blogspot.com/2021/02/anibal-otero-o-espia-que-nunca-existiu.html
MARIÑO, Henrique: «El filólogo que fue confundido con un espía y condenado por el franquismo», Público, (21 de xaneiro de 2021)
Fonte: https://www.publico.es/politica/filologo-espia-condenado-franquismo.html
PEREIRA, D.: «Aníbal Otero e a Terra de Montes. Lingüística e represión franquista», A Xanela, 31 (2011), p. 16-17
Fonte: https://www.tabeirosmontes.com/textos3/anbal-otero-e-a-terra-de-montes-lingustica-erepresin-franquista
Entrevista a Xesús Alonso Montero no programa Eirado da TVG, emitido o 16 de marzo de 2011, onde fala da biografía que escribiu sobre Aníbal Otero (min. 18:39 a 29:35)
Fonte: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/anton-lamazares
«Aníbal Otero, encuestador del Romancero y del Atlas Lingüístico, acusado de espionaje». Artigo publicado no blog Romancero de la Cuesta del Zarzal, (6 de setembro de 2010)
Fonte: https://cuestadelzarzal.blogia.com/2010/090601-4.-an-bal-otero-encuestador-del-romancero-y-del-atlas-ling-stico-acusado-de-e.php
SOTO, Juan: «Áníbal Otero: aviso para desmemoriados», ABC (14 e marzo de 2010)
Fonte: https://www.abc.es/espana/galicia/abci-anibal-otero-aviso-para-desmemoriados-201003140300-114162741844_noticia.html