Alejandro Otero

Redondela, 1888 - México D.F., 1953

Biografía

----

Alejandro Otero

Redondela, 1888 - México D.F., 1953

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.2865

Un humanista comprometido, con gran capacidade organizativa

Era fillo dun médico rural de Redondela. Logo de estudar o bacharelato no Instituto de Pontevedra, matriculouse na Facultade de Medicina de Santiago, en 1903. Todo o tempo de estancia en Compostela viviu de pensión na rúa de San Francisco. Daquela recibiría docencia de profesores que axiña marcarían unha impronta na súa carreira profesional. Estámonos a referir a Varela Radío (Xinecoloxía e Obstetricia), seu primeiro mestre, de quen foi alumno interno na súa cátedra, e a Ramón Varela de la Iglesia (Fisioloxía), con quen aprendeu alemán, ferramenta que logo foi indispensable para o seu proceso formativo posterior na escola alemana. Aínda que namorou moi mozo cunha rapaza da súa vila, os paseos con modistas e as tertulias encheron o seu tempo de lecer en Compostela. Foi compañeiro de estudos de Nóvoa Santos, con quen logo trabaría unha fonda amizade. A súa carreira médica foi meteórica e salientable. Licenciouse en 1910, cargado de matrículas de honra e con Premio Extraordinario, doutorouse en 1911 (realizou o traballo de doutoramento en menos dun mes: “La operación de Schanta-Wertheim”), foi profesor auxiliar por oposición en Madrid en 1912 e accedeu á cátedra de Xinecoloxía e Obstetricia de Granada en 1914, aos 25 anos. Tamén pasou un tempo formativo polo Hospital Real de Santiago como médico interno e axudante, e na cátedra do doutor Sebastián Recaséns na Universidade Central, seu segundo mestre, con quen estivo de profesor auxiliar.

O seu expediente, que contiña 23 matrículas de honra, e o coñecemento do francés e o alemán, fixeron que o seu curriculum fose unha “marca” óptima para aspirar a unha bolsa da JAE, contando, a maiores, co aval de Recaséns e de Varela Radio. O destino non podía ser outro: Berlín, co doutor Bumm na Frauenklinik, nun principio, máximo expoñente da xinecoloxía naqueles momentos e referente indispensable da innovación nas técnicas cirúrxicas da especialidade. Otero, estratega consumado, casou antes de ir a Alemaña co seu amor de infancia, Laura, súa primeira muller; o seu desprazamento a terras xermánicas tivo dobre valor: viaxe de noivos e ampliación de estudos con especialistas consumados como Bumm, Franz, Stockel, e o patólogo Meyer, entre outros. Para alá partiu finalizando 1912. Botaría en Berlín pouco máis dun ano, acompañado da súa dona. Co paso do tempo, logo de triunfar profesionalmente e na docencia, foi nomeado membro de honra da Sociedade Xinecolóxica de Berlín. Tamén, logo sería comisionado polo Ministerio de Instrución Pública para acudir a Múnic, Estocolmo e Viena a estudar o cancro.

Granada foi o destino de Alejandro Otero, desde 1914 ata o comezo da Guerra Civil, onde chegou a ser reitor (1932). Alá creou unha importante escola de cirurxiáns na súa especialidade. Significamos que no seu tempo como docente non deixaría pegada escrita das súas investigacións, non tiña afección a escribir. Entre 1929 e 1935 colaborou na posta en marcha e desenvolvemento das Xornadas Médicas Galegas, coa súa participación directa. Foi un gran impulsor da asistencia sanitaria, da súa man quedaron tres grandes obras: o Hospital Clínico de Granada e a nova Facultade de Medicina (aínda que inaugurados posteriormente), o Hospital Antituberculoso da Alfaguara e o Sanatorio de la Salud, centro médico privado que coxestionaba Otero.

No terreo político, desde as ringleiras do Partido Socialista, onde entrara da man do seu amigo e compañeiro docente Fernando de los Ríos, foi concelleiro da primeira corporación republicana no Concello de Granada (1931) e deputado pola circunscrición de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931. Con anterioridade puxera de manifesto a súa oposición á Ditadura de Primo de Rivera asinando manifestos. Alejandro Otero separouse da súa primeira muller, sendo un dos que primeiro se acolleu á Lei do Divorcio. Axiña casou coa asturiana Elena Fernández, quen sería a súa compañeira ata o final dos seus días, aínda que Alejandro tamén mantiña outras relacións amorosas.

Logo dos sucesos de Asturias, Otero foi encarcerado unha boa tempada, xunto a outros dirixentes da esquerda granadina, por ser presidente do comité de folga. Poucos días antes da sublevación fuxiu de Granada, ante o devalar dos acontecementos. Con toda probabilidade salvou o pelexo da furia facciosa nun dos lugares da xeografía española onde máis represión houbo, tamén entre o profesorado universitario, pois cinco catedráticos foron asasinados, entre os que se atopaba o reitor Salvador Vila Hernández.

Alejandro Otero tivo un gran compromiso coa legalidade republicana, por medio da súa militancia socialista e a súa capacidade, durante a guerra, ocupou diferentes cometidos: foi Subsecretario do Ministerio de Defensa (Armamento), en dúas ocasións cos gobernos de Largo Caballero e Negrín; despois tivo responsabilidades nas organizacións de refuxiados (SERE. JARE e CTARE). Logo da guerra exiliouse en México (1940), non sen antes ter colaborado na evacuación dunha boa parte dos exiliados en Francia cara América. Na capital mexicana desenvolveu un importante labor médico no Hospital Español, onde creou e dirixiu unha rede asistencial de atención sanitaria, compatibilizándoo co exercicio privado da profesión e outros labores empresariais no terreo audiovisual, entre varios. Tamén acá deixou pegada docente, pois puxo en marcha unha importante escola de xinecólogos. Previamente a exercer a súa profesión, antes de revalidar o seu título, traballou en diferentes oficios de tipo administrativo.

Foi colaborador da revista Ciencia (México), unha das máis importantes do exilio científico, na que outro exiliado relacionado con Galicia formaba parte da súa secretaría de redacción, Francisco Giral, docente en Santiago nos meses previos á Guerra Civil. Tamén foi membro do Consello Directivo da Unión de Profesores Universitarios Españoles en el Extranjero, organización que tratou de aglutinar aos docentes españois exiliados. Desde a súa militancia política, onde chegara a ser Vicepresidente do PSOE, Alejandro Otero colaborou na difícil tarefa de reconstrución do seu partido en México. Tamén formou parte do Goberno da República Española no exilio.

Home de gran humanidade, tanto en Granada como en México é recordado pola súa preocupación para que a asistencia sanitaria chegase aos máis desfavorecidos. Morreu dun infarto en México D.F., en 1953. Logo, dous anos despois, os seus restos mortais foron trasladados á súa Redondela natal. Hoxe, a Fundación de Investigación Biosanitaria de Andalucía Oriental leva o seu nome.

Ricardo Gurriarán

Como citar: Gurriarán, Ricardo : Alejandro Otero. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2865 DOI: 10.17075/adg.2865]

Bibliografía

- BARRANCO CASTILLO, E., GIRÓN IRUESTE, F. M. : "Alejandro Otero: un médico gallego en el exilio mexicano" en Ferrolanálisis nº 21. 2007
- MORENTE MUÑOZ, C.: "Alejandro Otero: un ejemplo para nuestra historia actual" en Ferrolanálisis nº 21. 2007
- BARRANCO CASTILLO, E., GIRÓN IRUESTE, F. M. : Alejandro Otero Ed. Caja Granada. 2006
- GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R.: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006
- FERNÁNDEZ CASTRO, J. Alejandro Otero, el médico y el político, Barcelona, Ed. Noguer. 1981