María Antonia Pereira

Cuntis, 1700 - Santiago de Compostela, 1760

Biografía

----

María Antonia Pereira

Cuntis, 1700 - Santiago de Compostela, 1760

Autoria: Laura Blanco

DOI: 10.17075/adg.2996

Mística do século XVIII, fundadora do Carmelo Compostelán.

Fundadora do convento de Carmelitas Descalzas de Compostela a mediados do século XVIII, María Antonia Pereira de Andrade, coñecida tamén como «a monxiña do Penedo», encóntrase en proceso aberto de canonización desde 1988. Este proceso activou un dispositivo de compilación e estudo da súa produción escrita, emanado principalmente do seo da esfera eclesial.

A tipoloxía da produción sobre esta muller aglutínase arredor de estudos de corte biográfico encomiástico publicados desde o século XIX (Álvarez, 1869; De la Virgen del Carmen, 1948; De la Cierva y de Hoces, 1988; Precedo Lafuente, 1989), cuxa fonte máis directa é a súa Autobiografía. Mais aínda desde outras perspectivas, como a das orixes familiares (Picallo Fuentes, 1999), o tratamento de Vida singular inunda toda a produción verquida sobre ela debido ao atractivo que a súa traxectoria suscita. Este atractivo revélase tanto no feito de a súa vida considerarse romancística por ser muller casada e nai de dous fillos que se converte á vida relixiosa e conventual, principalmente por liderar un proxecto de fundación que deparou con ríxidas vicisitudes; así como tamén por ser escritora mística reclamada por algúns autores para nutrir o canon literario galego cun posto recoñecido, situando como referente o lugar que Santa Teresa ocupa no canon español. En palabras de Capón Fernández (1954: 9), «llenar un vacío en la Literatura Gallega, carente de escritores místicos».

Descendente dunha familia vinculada consanguineamente con algunhas das casas nobiliarias máis potentes da Galiza e Portugal, mais entrada xa en decadencia, Pereira foi educada por unha tía, que exercía a instrución doméstica para nenas. Despois de traballar no servizo de diversas casas en Tui, Compostela e Baiona e de vivir un matrimonio que non gozaba de pródigos recursos, sería determinante para a súa traxectoria o influxo dos sucesivos confesores ou «directores espirituais» que «a monxiña» tivo ao longo da súa vida.

Ela propia desempeñou tamén a tutelaxe doméstica adoutrinando doncelas na moral cristiá e labores de man, profesou na orde carmelita e, igualmente baixo os estímulos dos confesores, elaborou o proxecto para erixir unha fundación en Compostela, que obtivo sólidas negativas dos máis altos cargos diocesanos, até lograr a aprobación e axuda económica do arcebispo de Sevilla e outras financiacións particulares, coa obtención do permiso real en Granada, o que finalmente permitiría culminar o proxecto en 1758.

Diversas cuestións fican abertas co seguimento da traxectoria desta produtora, que serán secundadas como campos de pescuda específica: a) ser muller casada que ingresa nun convento non era infrecuente para as mulleres de clase alta nesta época, senón outro «espazo feminino» de produción cultural aínda pouco estudado; b) as funcións sociais asumidas polos confesores e a cuestión da produción por encargo. Tanto a Autobiografía como o Edificio Espiritual, tratado de vida espiritual para morixeración das novicias, obedecían a un final común: instituír en Compostela un convento carmelitano, que ao mesmo tempo funcionaría como parte da estratexia da propia orde para lexitimarse dentro do plantel de congregacións e garantir un conduto para o proxecto da santidade, onde, c) entra en xogo o papel da beneficencia, d) o capital simbólico conferido pola cidade á orde e non á inversa e, ligado a todo o anterior, e) as loitas de poder e presións exercidas entre as ordes relixiosas para ocupar os postos de elite.

Como citar: Blanco, Laura : María Antonia Pereira. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2996 DOI: 10.17075/adg.2996]

Bibliografía

- PICALLO FUENTES, H., “As Orixes de M.ª Antonia Pereira de Andrade, a ‘monxiña do Penedo’”, Taboada. Nº 0 (1999), p. 60-70.
- PRECEDO LAFUENTE, J., “María Antonia de Jesús, la monjita del Penedo”, Estudios mindonienses, nº 5 (1989), p. 821-836.
- CIERVA Y DE HOCES, M. de la: La Madre María Antonia de Jesús C.D., fundadora de Convento del "Carmen de arriba" de Santiago, primera Fundación en el Reino de Galicia de monjas Carmelitas Descalzas de la Reforma de Santa Teresa de Jesús, Pontevedra, Gráficas Ramiro Paz, 1988.
- EVARISTO DE LA VIRGEN DEL CARMEN (O.C.d.), Compendio histórico de la Me. María Antonia de Jesús, fundadora de las Carmelitas Descalzas de Santiago, Santiago de Compostela, Imprenta y Enc. del Seminario, 1948.
- ÁLVAREZ, J.A., Breve compendio de la vida estraordinaria [sic] de María Antonia del Señor..., Madrid, Imprenta de La Esperanza, 1869.