Grupo Saudade
Ribadeo, 1961 - Ribadeo, 1966Autoría: María Acuña Rodríguez
Gaiteiras de Ribadeo, pioneiras da música folclórica galega liderada por mulleres.
A década dos sesenta, caracterizada por grandes transformacións culturais, ideolóxicas e económicas, constitúe un punto de inflexión na nosa historia. Por tanto, foron moitos os acontecementos que estaban a causar impacto na sociedade galega daqueles tempos, unha época de efervescencia sociopolítica na que a reivindicación do papel das mulleres na ámbito da música vai ter a súa cerna da man dun grupo de gaiteiras, Saudade, que, lideradas por Carlos e Amando Suárez Couto e no marco da Asociación Amigos da Gaita Galega, deron vida ao primeiro grupo do seu xénero xurdido en Galicia, España e posiblemente Europa, formado integramente por mulleres.
O Grupo Saudade comezou a súa andaina no ano 1961 na vila de Ribadeo (Lugo) en vésperas da Xira de Santa Cruz, festival popular e folclórico que ten lugar, dende os anos 40, no Monte de Santa Cruz de Ove a primeira fin de semana de agosto e xermolo da celebración do Día da Gaita. Tras dous duros anos de ensaio, presentábanse a esta vila mariñá as primeiras compoñentes do Grupo Saudade: Maribeni Loredo, Oliva Bellón, Julia Bellón, María Dolores Forés, Elena Fernández, Conchita Redondo, María Teresa Amor e Teresa Rodríguez. Tras a emigración dalgunha das compoñentes, engadíronse á formación Mari Carmen Carnota, Carmucha Pérez e Maruja Louseira. Glorita Alonso e Marisa Pena foron as seguintes en incorporarse, seguidas de Menchu Rodríguez, Aurora Gómez, Laura Alonso e Fefa Louseira.
Inicialmente a formación constaba de oito mulleres (seis gaitas, tambor e pandeiro), para rematar sendo dez as compoñentes de Saudade, unha formación pouco común na época no que se refire tanto ao número de compoñentes como ao xénero.
Estas mulleres tiñan que compaxinar as súas tarefas diarias cos puntuais ensaios co seu instrutor, Primitivo Díaz Pérez (compoñente de varias formacións musicais, entre as que destacan Cantigas da Mariña e Os Quirotelvos, e creador e director de Follas Novas e da tuna do Instituto de Ribadeo), co mestre de música Ramón Fuertes Cruces “El Valenciano” e co mestre de “estilo” Carlos Suárez Couto. Na última etapa da formación Carlos Carnota comeza a colaborar na afinación do grupo.
A estrutura do Grupo Saudade era inédita, tal e como indica o seu creador no manuscrito da época reproducido no apartado “extras sobre” desta entrada biobibliográfica, sendo destacable “a utilización exclusiva do unísono para alcanzar un volume de son que imprime á melodía gallardía e brillantez”. O tipo de gaita empregada non era outra que a usada frecuentemente na provincia de Lugo, composta por punteiro, roncón e ronquillo, afinada en si bemol.
O repertorio da formación estaba integrado por composicións propias e adaptacións de pezas populares. As composicións corrían a cargo de Amadora Suárez Couto —irmá de Carlos e Amando— , e das adaptacións de pezas populares encargábase Primitivo Díaz.
Cabe mencionar que o financiamento do grupo correu a cargo dos irmáns Suárez Couto. Mercáronlle gaitas, tambor e pandeiro a Paulino Pérez Sánchez, un dos mellores construtores do momento, confeccionaron os traxes e achegaron toda a infraestrutura necesaria para que o grupo Saudade acadase un lugar destacado no panorama folclórico do momento, pero a cambio do compromiso e da dedicación dunhas ilusionadas rapaciñas de entre 12 e 14 anos, que chegaron a cobrar arredor de 400 pesetas cada unha por saída, a dispor dun minibús mercado por “Lilo”, responsable da empresa de transporte que cubría os desprazamentos do grupo, e a seren cabeza de cartel de calquera festa ou festival que se prezase. Non importaba o prezo que había que pagar, toda a vila quería ver desfilar aquelas meniñas que tocaban coma os anxos, tal e como reflicte a escritora, poetisa e dramaturga Carmiña Prieto Rouco no seu poema “Sinfonía de fadas”, reproducido no apartado “extras sobre” desta entrada biobibliográfica.
A indumentaria que usaban era a típica ribadense do século XVIII e para confeccionar os seus traxes documentáronse na Real Academia Galega, no Ballet Gallego Rey de Viana e en cadros do pintor ribadense Fierros.
Amenizaron tanto a inauguración do ferrocarril da Costa como a do primeiro barco conxelador de gran porte de Pescanova en Vigo. Tocaron na casa de Valentín Paz-Andrade, homenaxeado no ano 2012 no Día das Letras Galegas, e filmáronas en Betanzos para a película Así es Galicia, documental dirixido por Santos Núñez en 1964, así como para o filme España Insólita, dirixido por Javier Aguirre en 1965. Estiveron no Gran Teatro de Lisboa e na televisión e radio portuguesa en dúas ocasións, percorreron Galicia, Asturias, Zamora, Salamanca... e, mesmo, as chamaron de Nova York para a celebración do Día da Hispanidade ou de Porto Rico. Compartiron escenario co Dúo Dinámico e con Lola Flores, e o NODO e os principais medios de comunicación tamén se fixeron eco destas ribadenses.
En 1996 e a raíz da súa aparición na Televisión de Galicia, no programa Luar, Saudade volvía desfilar polas rúas ribadenses durante a Cabalgata de Reis dese mesmo ano e na celebración da Xira de Santa Cruz no ano 1997. En 2010, presentouse o documental Saudade, retrato en si bemol de María Acuña, da que son protagonistas.
Recentemente, en marzo de 2013, a vila de Ribadeo inauguraba unha rúa dedicada a esta formación. En agosto dese mesmo ano recibía ao Grupo Saudade como pregoeiro da Xira de Santa Cruz, que encheu de bágoas e morriña dun tempo pasado os corazóns daquelas mulleres e homes que tiveron a oportunidade de asistir ao nacemento dun fito como foi Saudade.
Nota: Para a elaboración desta entrada biobibliográfica as principais fontes documentais empregadas son as entrevistas realizadas ás integrantes do grupo Saudade, a Xosé Seivane e a Daniel Rodríguez Saavedra (membro da Xunta Directiva de Amigos da Gaita).
Como citar: Acuña Rodríguez, María : Grupo Saudade. Publicado o 19/11/2013 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29964. Recuperado o 05/12/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«La Casa do Mar de Ribadeo se quedó pequeña en el homenaje al grupo de gaiteiras Meniñas da Saudade».
Nova publicada en La Voz de Galicia (07-02-2010)
«Reconocimiento al grupo de gaiteiras Saudade».
Nova publicada en El Progreso (07-02-2010)
Fonte: www.elprogreso.es
«Meniñas de Saudade, otras mujeres con historia en Ribadeo».
Nova publicada en La Voz de Galicia (05-02-2010)
Fonte: http://www.lavozdegalicia.es/
«Ribadeo, con los 50 años del que fuera primer grupo de gaiteiras».
Nova publicada en La Voz de Galicia (03.02.2010)
Fonte: http://www.lavozdegalicia.es/
«Ribadeo rinde homenaje a dos mujeres en sus nuevas calles y espacios públicos».
Artigo publicado en La Voz de Galicia (13-03-2009)
Fonte: http://www.lavozdegalicia.es/
«Desde Oviedo, Especial para La Comarca».
Artigo publicado en La Voz de Asturias (26-06-1964)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Las gaiteras de Ribadeo en la «Fiesta del Bollo» de Avilés».
Nota publicada en El Progreso (31-03-1964)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Aires gallegos a orillas del Tormes».
Nova publicada en La Gaceta Regional (17-09-1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Apoteosis de la fiesta».
Nova publicada en Faro de Vigo (setembro, 1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Las gaiteiriñas de Ribadeo en las fiestas de Mieres».
Artigo de Juán de Sillero publicado en La Comarca (julio, 1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Las gaiteras de Ribadeo en Orense».
Nova publicada en La Región (25-06-1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«El Grupo «Saudade» en las calles de nuestra ciudad».
Nova publicada en La Región (25-05-1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«En Lisboa. Las gaiteiriñas de «Saudade» son aplaudidas con desbordante entusiasmo».
Nova publicada en O Século (01-04-1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Las gaiteras de Ribadeo»
Nova publicada en El Adelantado (1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Sinfonía de fadas».
Poema de Carmiña Prieto Rouco publicado en Las Riberas del Eo (15-09-1962)
Fonte: http://eltoupoquefuza.blogspot.com.es/2013/06/as-meninas-de-saudade-as-outras-gaitas.html
«Del éxito de «Saudade», en Orense».
Artigo de Daniel Cortezon publicado en La Comarca (07-07-1962)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Fiestas Mayores de Ourense. Éxito del Grupo de Gaiteiras «Saudade», de Ribadeo».
Artigo de Vicente Risco publicado en La Región (26-06-1962)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«Compostela aplaudió a las gentiles gaiteiras ribadenses».
Artigo publicado en La Noche (02-06-1962)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
« ‘Saudade’ el primer grupo de gaiteras que existe en España».
Artigo de Vicente Risco publicado na Revista Anduriña no mes de maio de 1962
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«El único conjunto de gaiteras del mundo». Artigo de Jorge Victor Sueiro
publicado na revista Garbo, nº 468 (03-03-1962), p. 22.
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
«El grupo folklórico de Ribadeo».
Nota de prensa publicada en La Voz de Galicia (30-01-1962)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
Nota con fotografía publicada en La Región (1963)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
Nota con fotografía publicada en El Diario Español de Montevideo (1965)
Fonte: Arquivo de prensa dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
Documento de Rexistro da propiedade industrial do grupo Saudade
Fonte: arquivo documental dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
Manuscrito de presentación do grupo Saudade
Fonte: arquivo documental dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
Mecanoscrito do listado de actuacións do grupo Saudade de anos 1961 a 1965
Fonte: arquivo documental dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)
Mecanoscrito do repertorio do grupo Saudade
Fonte: arquivo documental dos promotores do grupo (dixitalizado por María Acuña)