María Balteira
Armea, Señorío da vila de Betanzos, - Armea, Señorío da vila de Betanzos,Autoría: Marica Campo
María Pérez, a Balteira, unha vida imprecisa entre a historia, a literatura e a lenda
Temos noticia da Balteira polas cantigas de escarnio que lle dedican dez trobadores, verdadeiro arquetipo do que na actualidade se deu en chamar anti-retrato ou retrato descortés. Pedro Amigo de Sevilla e Pedro de Ambroa, betanceiros ambos os dous; Pero da Ponte e o propio Afonso X o Sabio son algúns dos autores que fixeron dela albo das súas burlas. Por eles coñecemos unha muller paradigma de todos os vicios e transgresións que a época condenaba, malia ser parte deles, nun exercicio de dobre moral. Boca xuradora; practicante do tiro con bésta en competición cos homes; xogadora de dados; trampulleira no xogo; libre no xeito de xacer con cregos, escolares, xograres, etc.; transmisora de doenzas venéreas e supersticiosa.
Como no caso das demais soldadeiras, non se fai ningunha referencia á súa arte. Eran tempos en que, teoricamente, a muller só podía elixir entre practicar o amor santo no claustro ou no matrimonio, lonxe do pracer, ou ser soldadeira para gozar malia entrar nunha certa marxinalidade. Isto explica a opción de María Balteira que, sendo fidalga e posuíndo bens de seu, elixe un oficio próximo á prostitución. Sábese que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Segundo as cantigas, participou nunha cruzada; non se coñece con certeza se a de 1248 ou a iniciada en 1269 por Xaime I de Aragón. Menéndez Pidal sitúa a viaxe arredor de 1257. Tamén dos textos medievais infire este a súa relación cos mouros da familia Beni Escallola, arraeces de Málaga, Guadix e Comares que, apoiados por Afonso X, se rebelaron contra o rei de Granada. Aventura a tese que o Rei Sabio utilizaría a soldadeira para os seus fins políticos, pola especial proximidade que María Balteira mantivo con Fi de Escallola. Nese momento a muller di que descre do poder de excomungar de Roma para afirmar que só a Meca pode absolver. Mais, á fin da súa vida, o medo ao inferno lévaa a querer confesar sen conseguir outro arrepentimento que o da idade: "Son vella, ai capelán". Esta queixa que Menéndez Pidal atribúe á Balteira, lévanos a considerar que el a identifica coa soldadeira María Leve da cantiga de Joam Vasques de Talaveira, identidade da que moitos estudosos, cando menos, dubidan.
Nada se sabe do lugar e data da súa morte e soterramento. Hai un diploma de 1257, citado por Martínez Salazar, no que "dona María Pérez cede unha rica herdade da súa nai aos monxes cistercienses de Sobrado, a cambio dunha renda vitalicia que ha cobrar na súa casa de Armeá [sic] (Coruña). Dona María debe facer servizo ao mosteiro ‘así como familiar e amiga’, e á súa morte os monxes levarana a Sobrado nun ataúde cuberto de tres varas de estanforte vermello, e daranlle dó cumprido de familiar", do que tamén informa Menéndez Pidal. Mais non se atopa ningunha referencia verbo de se, andando os anos, cumpriu ou non a devandita manda. Este documento dá conta tamén do propósito da Balteira de ir a unha cruzada.
Fica a dúbida sobre que datos das cantigas responden á súa auténtica biografía porque estas son un tópico literario en que conflúe a sátira dos autores co ánimo de facer rir, como afirman Sholberg e outros, lonxe dunha intención moralizadora. En todo caso, a visión que se nos ofrece responde ao imaxinario masculino da época, cheo de prexuízos machistas, a cimbrar entre a veneración ás santas e o vituperio ás soldadeiras, entre as Cantigas de Santa María ou as Cantigas de Amor e as obscenidades das de Escarnio. Mais a lenda desta muller traspasa os séculos e segue inspirando a autores e autoras dos nosos días que a ven como unha avanzada do carpe diem, leda e gozadora, e tamén como un ar de liberdade nas ríxidas normas coas que o sistema patriarcal marcou sempre o territorio feminino. Neles, María Balteira renace outra, como se a literatura, que antes a abaixou, a quixese rehabilitar agora e elevar á categoría de heroína patria. En todo caso, María Balteira é excepción ou é a punta do iceberg dun conxunto de mulleres ousadas? Non se esqueza, de calquera xeito, que ela pertence a unha nación, Galicia, cunha marcada tradición artística feminina, desde as puellae cantoras a que se refiren clásicos como Estrabón ou Lilio Itálico, ata na continuación diacrónica, a "meniña gaiteira", de Rosalía de Castro.
Como citar: Campo, Marica : María Balteira. Publicado o 1/1/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3011. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN SOBRE
VENTURA, Joaquim: «O contrato de María Pérez Balteira con Sobrado»
Fonte: Grial. Revista galega de cultura, n. 215 (xullo-setembro 2017)
«A verdadeira cruzada de Maria Pérez»
Artigo no que Joaquim Ventura fai unha reconsideración das circunstancias en col da suposta cruzada realizada por María Balteira.
Fonte:ALVAR EZQUERRA, Carlos (coord.) Estudios de literatura medieval en la Península Ibérica, 2015, p. 1167-1182.
«María Balteira, muller leda sen lei: a loanza oculta no poema de Lorenzo Varela».
Artigo de Carmen Blanco publicado no Boletín da Real Academia Galega, nº 366, Hércules de ediciones SA, 2005
«María Balteira, señora do tempo pasado».
Artigo de Teresa López publicado en Cinguidos por unha arela comín. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, vol II, USC, 1999, p 795-811
María Pérez, Balteira, ou, María Balteira na Literatura medieval. Escolma de textos
Fonte: Lírica profana galego-potuguesa, Centro Ramón Piñeiro, 1996
"Fascinante cantante e compositora", así presenta Patricia Adkins Chiti a María Pérez Balteira en «Las Trobairitz»
Fonte: ADKINS CHITI, Patricia: Las mujeres en la música, Alianza Editorial, 1995, p. 37-44.
«A mulher nos cancioneiros. Notas para um anti-retrato descortês».
Artigo de José Luís Rodríguez publicado en Simposio Internacional Muller e Cultura, celebrado os días 27-29 de febreiro de 1992 na USC, e, publicado en 1993 polo Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da USC, p 43-67
María Balteira na literatura contemporanea
Bibliografía de María Balteira na poesía, no teatro e na narrativa
Ligazóns de interese
Carlos Barros estuda os paradoxos da historiografía no desenvolvemento da literatura medieval. No epígrafe “A muller: ou santa ou soldadeira” sinala o desfase entre literatura e realidade.
[última consulta: 13/12/2021]
Textos para a historia das mulleres en Galicia
Obra coordinada por María Xosé Rodríguez Galdo.
Fonte: publicacións do CCG [última consulta: 13/12/2021]
María Balteira no programa Longitud de onda. rtve
[última c onsulta: 13/12/2021]
Audios
A QUENLLA: María Balteira. Letra: Darío Xohán Cabana. Música: Xosé Luis Rivas.
SUSANA CALIGARIS, soprano. ANDRÉS SPILLER, director. María Balteira. Letra: Lorenzo Varela. Música: Julián Bautista.
Referencias bibliográficas
- BREA, M. et al., “As cantigas de escarnio e maldicir”, en Galicia, Literatura. XXX , A Coruña, Hércules, 2000.
- DOBARRO PAZ, X.M., “María Balteira”, en Gran Enciclopedia Galega. XXVII, Lugo : El Progreso-Diario de Pontevedra, [2003].
- GARCÍA NEGRO, Mª P: “Estudo introdutorio”, en CAMPO, M., Confusión de María Balteira, A Coruña, Biblioteca-Arquivo teatral “Francisco Pillado Mayor”, 2006.
- MENÉNDEZ PIDAL, R., Poesía juglaresca y juglares. Aspectos de la historia literaria y cultural de España, 8ª e. Madrid, Espasa-Calpe, 1983.