José Pérez López-Villamil
Figueras (Asturias), 1904 - Vigo, 1996Autoría: Ricardo Gurriarán
O introdutor da psicoanálise en Galicia
Médico psiquiatra. Era fillo duns comerciantes abastados da raia asturiana. Estudiou a carreira de medicina na Universidade de Santiago, agás o último ano que se desprazou a Madrid para rematar os seus estudios, hospedándose na Residencia de Estudiantes. Obtivo premio extraordinario de licenciatura. En Santiago foi discípulo do catedrático de Anatomía Rodríguez Cadarso, con quen se iniciara como alumno interno, chegando a publicar algún traballo con el. Xa en Madrid, no curso 1925-26, orientou o seu futuro cara a especialidade psiquiátrica, conducido polo mestre Sanchís Banús. Logo retornou á Universidade de Santiago (1927), onde proseguiu a carreira docente exercendo de profesor auxiliar de Histoloxía e Anatomía Patolóxica, durante tres anos, e, paralelamente, como médico do Sanatorio de Conxo.
Entre 1927 e 1930, visitou varios establecementos psiquiátricos por Europa: Zúric (cos profesores Maier e Bleuler, no Instituto Von Monakow), Kreuzlingen (con Bingswanger, estudando Analítica Existencial, en 1929), París (con Claude, Giraud, Ey, Delay e Meignan), Portugal e no Manicomio de Constanza (Ergoterapia); tamén estivo en América: Cuba e New York, visitando varias clínicas. Logo destas viaxes, que faría pola súa conta, aproveitando vacacións e pedindo licencias, leu a súa tese de doutoramento, en 1931. Precisamente, a denegación de permisos para ir ao estranxeiro foi unha das causas polas que Villamil abandoa o traballo en Conxo, debido á hostilidade manifesta da dirección administrativa (a Mitra Compostelá, que o miraba con certa desconfianza; o mesmo ca o seu xefe na Facultade, Goyanes Cedrón) cara o labor rupturista que fora introducindo no centro psiquiátrico, e que se ía expresar coa negativa de permisos temporais. Daquela Villamil era militante socialista, coma o seu mestre Sanchís Banús, e era membro da Asociación Española de Neuropsiquiatras.
Con Lois Asorey intentara introducir melloras asistenciais innovadoras en Conxo. Conxuntamente levaron a cabo denuncias da situación na que se atopaban os enfermos no único centro de asistencia psiquiátrica de Galicia, daquela. Tiveron gran incidencia na Psiquiatría galega ao seren os introductores da escola neuropatolóxica e do freudianismo.
Un novo retorno a Madrid, en 1932, neste caso para incorporarse aos laboratorios da JAE, concretamente ao de Histopatoloxía de Pío del Río-Hortega, para traballar especialmente no sistema nervioso, co interese de formarse en anatomopatoloxía aplicada á neuropsiquiatría. Tamén traballou cinco meses na clínica psiquiátrica do doutor Sanchís Banús, ata a morte prematura deste. Logo acadou unha praza no Instituto Psicotécnico de Madrid, por concurso. En 1933 obtivo unha bolsa da JAE para ampliar estudos de Psiquiatría en Alemaña (Histopatoloxía do sistema nervioso), durante seis meses, en Múnic, cos doutores Spielmayer e Jahnel. No prazo dun ano completaría un bo currículo, cunha ducia de traballos publicados nunha especialidade que aínda non estaba configurada con dotación de cátedra: a psiquiatría. Pero que, por afinidade, se encadraba dentro da de Medicina Legal. Pérez-Villamil, obtería a cátedra de Medicina Legal da Facultade de Medicina da Universidade de Salamanca en 1934.
No comezo da Guerra Civil, ante posibles represalias pola súa militancia socialista e polos significados mestres que tivera, estivo agachado no convento dos agustinos daquela cidade. Logo dun tempo, no outono de 1936, dada a sona que tiña como especialista de enfermidades mentais, foi reclamado polos falanxistas para que tratase ao delirante Millán Astray da súa neurose, a quen Villamil non deixaría de recoñecerlle unha brillante intelixencia. Esta circunstancia e a amizade con López Ibor, serían importantes avais para que quedara indemne das purgas dos tribunais depuradores. Logo da guerra, utilizou as influencias deste último para retornar á docencia na Universidade de Santiago, primeiramente como adscrito, e, logo, definitivamente, en 1944, por permuta, onde desenvolvería a docencia de forma continuada, ata que decidiu renunciar á súa cátedra, antes da xubilación, en 1971. Decisión que el achacara á soidade na que quedara, logo da desaparición do seu íntimo amigo e compañeiro Ulpiano Villanueva (m. 1967), unidos por itinerarios comúns desde o comezo da carreira, en Santiago: “Estoy seguro que si él viviera aprobaría en el momento decisivo, mi renuncia a seguir desempeñando la Cátedra Universitaria. Lo que yo no sé nunca es hasta que punto influyó en mi decisión de abandonarla, su falta y su compañía, pues nos consolábamos parcialmente y de nuestras íntimas reuniones surgían nuevos ánimos para seguir luchando, en bien de la juventud, contra tanta mendicidad, hipocresía y fariseismo que nos rodeaba y dañaba”.
Desde 1939 compatibilizou o labor docente cunha clínica psiquiátrica privada en Vigo (San José), na que levou a cabo un labor profesional distanciado do “marco teórico psiquiátrico” que impuxeran os intelectuais franquistas Laín Entralgo e López Ibor. Pola súa clínica pasaron moitos psiquiatras co fin de formárense a carón seu. El mesmo caracterizou así á súa xeración: “Aquella generación, a la que más tarde la Guerra Civil permitió calificar como dispersa y fruto de cuya dispersión algunos quedamos para siempre marcados, pensando que nuestro deber estaba en mantenernos en nuestra misión, aún teniendo que soportar durante el discurrir vital, la constante amenaza que me permitió definirnos (aunque con las precisas diferencias de conducta y actitud de las distintas individualidades), como los de la amenaza permanente de la segunda vuelta, que como espada de Damocles pendía sobre nuestra conducta o grado de sometimiento”.
Foi un innovador social con mentalidade aberta que tivo que soportar a Ditadura con bastantes dificultades, pois sempre estivo como obxectivo a vixiar pola súa actitude de non colaboración ou de resistente silencioso. Tamén foi un excelente trasmisor como docente, segundo os seus alumnos. Non en van estivera en contacto científico con personaxes de sona no ámbito da psicopedagoxía como Piaget, Wallon e Zulueta. Entre as anécdotas que contaba da súa vida figuraba unha carta que recibira de Freud felicitándoo por un traballo que fixera. Entre os discípulos máis significativos da súa escola salientamos a: Brenlla, Cabaleiro Goás e a Rodríguez López. No seu haber está a creación da cátedra de Psiquiatría en Santiago (1967).
Como citar: Gurriarán, Ricardo : José Pérez López-Villamil. Publicado o 26/3/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3031. Recuperado o 30/03/2023
José Pérez López-Villamil
Figueras (Asturias), 1904 - Vigo, 1996Autoría: Rafael Sisto
Formación europea ao servizo da neuropsiquiatría en Galicia
Estudou Medicina na Universidade de Santiago, se ben rematou a carreira en Madrid, onde cursou o último ano en 1926 e obtivo o premio extraordinario de licenciatura. Na súa etapa formativa en Santiago salientan as excursións didácticas de varios días nas que participou como alumno do preparatorio na Facultade de Ciencias, con visitas ás principais industrias do país. Por outra banda, é significativa a influencia que na súa formación tivo o catedrático de Anatomía Rodríguez Cadarso, co que chegou a presentar conxuntamente algunha comunicación en congresos aos que asistiron xuntos.
En 1927 consegue, por oposición, a praza de auxiliar de Histoloxía e Anatomía patolóxica na Universidade de Santiago, que exercerá durante tres anos e, por concurso de méritos, ingresa como médico no Manicomio de Conxo. Durante a súa curta estadía de apenas cinco anos salientan as súas críticas á situación de abandono dos doentes internados, os seus esforzos renovadores para convertelo nun centro público de ámbito rexional e o seu empeño por elaborar o regulamento dunha asociación de empregados do manicomio que incluíse dende os médicos ata as monxas.
Neste período, entre 1927 e 1931, viaxa con fondos propios a Zürich, Kreuzlingen e Konstanz, onde contacta cos mellores psiquiatras europeos da época, como Bleuler, Von Monakow e Binswanger, con quen realiza Analítica existencial; máis tarde tamén realiza estudos en París, con Claude, Ey, Delav e Meignant.
En 1932 decide marchar a Madrid para continuar a súa formación con Sanchís Banús, con quen traballou algúns meses na súa clínica e a quen axudará a fundar a asociación de neuropsiquiatras madrileños. Alí traballa como médico asistente no Servizo de Psiquiatría do Hospital Provincial, e colabora ao tempo con Del Río-Hortega no estudo anatomopatolóxico das metástases intracraniais no Instituto Nacional del Cáncer, e incide nos seus estudos de anatomopatoloxía aplicada á neuropsiquiatría. En 1933 obtén unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas co obxectivo de ampliar estudos en Alemaña cos doutores Spielmayer e Jahnel durante seis meses.
Con este bo currículo nunha especialidade que se estaba a consolidar, a Psiquiatría, no ano 1934 gaña por oposición a cátedra de Medicina legal -na que se encadraba a Psiquiatría- en Salamanca. Segundo Gurriarán (2006), a súa anterior militancia socialista, inducida polo seu mestre Sanchís Banús, deputado e pioneiro da Psiquiatría clínica no Estado, provocou que estivese agachado ao triunfar o levantamento militar de 1936. A amizade con López Ibor e a circunstancia de ter tratado medicamente a Millán Astray evitáronlle as purgas dos tribunais depuradores e mesmo lle posibilitaron que conseguise o seu traslado a Santiago, primeiro como adscrito e definitivamente mediante permuta.
Catedrático na Universidade de Santiago
En 1939 ten lugar o seu traslado a Santiago, onde permanecerá como catedrático de Medicina legal ata a súa xubilación voluntaria en 1971, ademais de exercer tamén como profesor das materias de Psiquiatría e Psicoloxía médica. Ao tempo, compatibiliza o seu labor académico co traballo na clínica privada do sanatorio San José, que inaugura en Vigo co Dr. José Rubira. Nela traballarán e formaranse moitos profesionais, entre os que se poderían citar a Cabaleiro Goás, Nicandro Pérez ou Juan Brenlla Losada e, xa posteriormente, a futuros catedráticos como Antonio Rodríguez López. En todo este período desenvolve unha persistente loita por crear a cátedra de Psiquiatría en Santiago, que non conseguirá ata 1967.
Das súas investigacións en París e Zürich xorde a tese doutoral, La piretoterapia no malárica en diversas formas de esquizofrenia y estudio de las reacciones de la microglia a variados agentes piretoterápicos (Pérez Villamil, 1931). A súa orixe está na idea de Wagner Von Jaureg, que asociou a febre dos paralíticos xerais coas feridas supuradas e unha evolución máis favorable que a dos demais. Comeza cunha esquemática exposición do estado, naquel tempo, do concepto de esquizofrenia e das súas características clínicas; logo expón o resultado do tratamento por piretoterapia de 43 casos significativos. Na segunda parte da obra emprende a busca de formas de aspecto embrionario que se atopan en todo encéfalo patolóxico e logo de hiperplasias reaccionais debidas á acción dos axentes piretoterápicos, para o cal se vale de encéfalos de coellos tratados previamente. A conclusión máis significativa é que a piretoterapia resulta totalmente inútil para obter a remisión nos esquizofrénicos, e o absceso de fixación é a mellor terapéutica piretoterépica como medio de alivio da sintomatoloxía psicolóxica.
Outros artigos interesantes son: “Sobre psicoterapia”, publicado en Galicia Clínica, e “Matiz intenso de religiosidad en el contenido inconsciente del psiquismo humano”, reproducido na revista psicoanalítica Imago de Viena. Neste artigo relátase o caso dun enfermo interno en Conxo que, nos estados de máxima agudeza clínica, tallaba en madeira figuras de carga relixiosa exótica como touros alados, e que, cando melloraba, nin recoñecía nin podía reproducir. Villamil remitiulle este artigo a Freud indicándolle a posibilidade de que as tallas demostrasen a existencia do inconsciente colectivo. Na contestación, Freud eloxiaba o traballo, que recomendou para incluír en Imago, pero afirmaba que non podía adherirse á teoría xa que só recoñecía o inconsciente individual, á vez que lle sinalaba con certa retranca que, sen dúbida, lle agradaría a K. G. Jung.
En 1941 publica o seu Manual de Psiquiatría. Psicopatoloxía General, que será o libro de psiquiatría utilizado por moitas xeracións de médicos compostelás. Con posterioridade publicou obras de menor repercusión, entre as que poden citarse: Psicología de los movimientos expresivos. El llanto ou El problema del mundo exterior, discurso na apertura do curso 1948-49 na Universidade de Santiago. Tamén publicou numerosos artigos sobre a súa especialidade en revistas como Archivos de Neurobiología, Arquivos de Medicina Legal de Lisboa, Crónica Médica de Valencia ou a compostelá Medicina y Cirugía.
Foi membro dende 1927 da Asociación Española de Neuropsiquiatría e membro fundador, no ano 1932, da Asociación de Neuropsiquiatría de Madrid. Formou parte do Comité para o Congreso Internacional de Psiquiatría (París, 1950), era correspondente estranxeiro da Sociedade de Neuropsiquiatría Portuguesa e socio de honra da Academia Médico-Quirúrgica Provincial de Vigo. Tamén pertenceu ao Consello asesor científico creado pola empresa Zeltia en 1953, no que se integraron nove catedráticos das facultades de Farmacia, Medicina e Ciencias de Santiago.
Bibliografía:
Fontes impresas:
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1931): Esquizofrenia: La piretoterapia no malárica en diversas formas de esquizofrenia y estudio de las reacciones de la microglia a variados agentes piretoterápicos, Santiago: Tip. Faro de Vigo.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1931): Piretoterapia y microglía, A Coruña: Moret.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1933a): “El papel del campo sensorial externo en la génesis de las alucinaciones visuales. Situación de las alucinosis entre las percepciones”, [Disertación na sesión do 21 de febreiro de 1933 na Sociedad de Neurología y Psiquiatría de Madrid], Archivos de Neurobiología; p. 81-98.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1933b): “Matiz intenso de religiosidad en el contenido inconsciente del psiquismo humano”, [Disertación na sesión do 10 de novembro de 1932 na Sociedad de Neurología y Psiquiatría de Madrid], Progresos de la Clínica, 1: 106-109.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1941): Manual de Psiquiatría. Psicopatoloxía General , Santiago: Ed.Compostela. [Reedición en 2003, Asociación Gallega de Psiquiatría].
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1942): Psicología de los movimientos expresivos. El llanto, Santiago.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1948): El problema del mundo exterior, [Discurso Inaugural Curso 1948-49, Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, A Coruña].
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1953): Dos conferencias, Vigo: La Competidora.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1954): Fisiopatología detersiva. Psicopatología de la duda, Vigo: Impr.La Competidora.
PÉREZ LÓPEZ-VILLAMIL, J. (1977): “La actitud fundamental en la personalidad”, Libro homenaje al Prof. Dr. Angel Jorge Echeverri, Universidad; p.: 393-395.
Bibliografía secundaria:
ANGOSTO SAURA, T. (1985): “D. José Pérez- López Villamil, o la pasión por el recuerdo”, Rev. Asociación Española de Neuropsiquiatría, V, 15: 484-492.
GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940)., Santiago: Universidade.
MEDIAVILLA, J. L. (1990): Conxo, siempre el primer día. Aproximación al ideario del profesor Villamil, Gijón: Fundación Dolores Medio.
Como citar: Sisto, Rafael : José Pérez López-Villamil. Publicado o 26/3/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3031. Recuperado o 30/03/2023
Ligazóns de interese
José Pérez- López Villamil, o la pasión por el recuerdo
ANGOSTO SAURA, T. (1985): “D. José Pérez- López Villamil, o la pasión por el recuerdo”, Rev. Asociación Española de Neuropsiquiatría, V, 15: 484-492.
¿Millán Astray na Gudiña?... e no psiquiatra
Diario de un médico de guardia: “¿Millán Astray na Gudiña?... e no psiquiatra”
Materiales para una historia de la Psiquiatría en Galicia
SIMÓN LORDA, D.; GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, E.: “Materiales para una historia de la Psiquiatría en Galicia: Siglo XX”, Revista en Red. Psiquiatría.
Asistencia psiquiátrica en el primer franquismo
SIMÓN LORDA, D.: FERRER I BALSEBRE: “Asistencia psiquiátrica en el primer franquismo: Ourense (1939-1959)”, Anales de Psiquiatría, 15, 5: 202-222.
Referencias bibliográficas
- GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R.; Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006
- MEDIAVILLA, J.L.; Conxo, siempre el primer día. Aproximación al ideario del profesor Villamil, Gijón, Ed. Fundación Dolores Medio. 1990
- SIMÓN LORDÁ, D.: Locura, medicina y sociedad: Ourense (1875-1975), Ourense, Ed. Fundación Cabaleiro Goás/Xunta de Galicia. 2005
- VV.AA.; Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores, 1868-1936 , Sada-A Coruña, Ed. do Castro, Public. do Seminario de Estudos Galegos. 1993