Xoán Manuel Pintos
O Burgo (Pontevedra), 16/ 12/1811 - Vigo, 29/6/1876Autoría: María do Carme Ríos Panisse
O principal precursor literario do Rexurdimento Galego
O principal dos precursores literarios do Rexurdimento Galego foi Xoán Manuel Pintos Villar, autor de intención didáctica, moi preocupado pola posible desaparición de usos lingüísticos e costumes galegos da súa época.
Nacido en Pontevedra en 1811 no seo dunha familia burguesa (o seu pai era funcionario de aduanas), pasou nesta cidade os primeiros seis anos. En 1817 trasladouse coa familia a Ferrol, onde morreu a nai, o que motivou a volta de Xoán Manuel e os seus irmáns a Pontevedra. En 1821 desprazáronse de novo a Ferrol, co pai, e en 1824 a familia marchou á Coruña. Nesta cidade Pintos comezou a estudar Humanidades no convento dos Dominicos.
A partir de 1825 vive durante os anos académicos en Santiago, para cursar desde 1826 os estudos de Filosofía e entre 1829 e 1835 os de Dereito. Xa licenciado, foi profesor de Institucións Canónicas durante un ano na universidade compostelá.
Pasou logo, en 1837, a desempeñar a profesión de avogado na Coruña ata que en 1840 se desprazou a Cambados como xuíz de Primeira Instancia, cargo do que foi destituído en 1844 coa chegada ao poder dos moderados. Casado con Serafina Amado Boullosa, coa que chegou a ter catorce fillos, volveu de novo a Pontevedra para exercer como avogado. Será entón cando colaborará co seu cuñado, José Benito Amado, nos Misterios de Pontevedra (1845), unha publicación por entregas na que Pintos publicará algún poema social e costumista en galego, que denuncia a situación decadente da vila do Lérez. Intégrase deste xeito, como membro cultural activo, na súa xeración, a malograda de 1846, da que el era dez anos máis vello que os principais integrantes e na que salienta pola defensa da lingua galega cunha creación poética case monolingüe, caso único no grupo, pois o uso do galego neses anos era esporádico e anecdótico.
En 1856 atopamos a Pintos desempeñando o posto de fiscal, do que quedou cesante de novo co retorno dos moderados ao poder, pasando a vivir do ensino privado. En 1862 tiña praza de Rexistrador da Propiedade en Vigo, onde faleceu en 1876.
Como dixemos, a comezos da década de 1840, Pintos empeza a escribir en galego, esporádica e a miúdo anonimamente, poemas de circunstancias, costumistas e de denuncia social. En 1852 e baixo o pseudónimo de "O gaiteiro do Burgo" (barrio no que vivía en Pontevedra) anuncia a subscrición da primeira setena de foliadas de A gaita gallega que aparecerá no ano 1853, sendo esta obra o primeiro libro escrito case exclusivamente en galego do Prerrexurdimento. En 1854 inicia a segunda setena, da que só editará oito páxinas da Foliada 1ª. Hai que esperar a 1857 para que se publique o anuncio da subscrición a un novo intento de sacar esta setena de A gaita gallega, que desemboca tamén en fracaso. Pero Pintos retoma nese ano un protagonismo importante no mundo das letras galegas que manterá ata 1859, publicando unha importante obra poética nos periódicos pontevedreses El País (1857-1858) e La Perseverancia (1859), no coruñés El Fomento de Galicia (1857-1858) e nos inicios do vigués El Miño (1857-1868), sobre todo no seu famoso Álbum (1858-1859) onde aparecen os «Contos da aldea que parecen historias da vila ou historias da vila que parecen contos da aldea», importante poema narrativo de máis de cinco mil versos. A partir de 1859 as publicacións de Pintos vólvense esporádicas. En 1861 aínda atopamos unha colaboración importante en Galicia, revista universal de este reino («A Galicia», longa silva de 675 versos) pero con posterioridade (se excluímos os poemas presentes na antoloxía inédita de Casal e Lois que se conserva no Mueso de Pontevedra) só sabemos dalgúns publicados por compromiso ou outros que aparecerán póstumos.
Pintos foi un home moi preocupado pola lingua, gran recadador de léxico galego, que organizou non só no coñecido Breve diccionario gallego, escrito por el tamborilero para facilitar la inteligencia de La gaita gallega tocada por el gaitero, publicado en 1853, senón tamén nun Vocabulario Gallego castellano, feito en 1865 pero só publicado en 2001 . En 1863, establecido en Vigo, saen os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e o pontevedrés, famoso polo seu saber lingüístico, é requirido por Compañel para revisar o «Glosario», colaboración que supoñemos non realizou pois o devandito «Glosario» aparece asinado por M. (a inicial de Murguía). Algo parece ter ocurrido entre Pintos e o segundo grupo provincialista que provocou o silenciamento do labor do pontevedrés. Porén a súa influencia é importante: Pintos non posúe o intimismo ontolóxico da poesía rosaliana, nada ten que ver co orgullo patrio do celtismo emotivo e sensorial de Pondal e está afastado da radical denuncia de Curros. Pero a súa voz, sen ser excepcional artisticamente, é iniciática e precursora dos tres grandes poetas do Rexurdimento, aos que achega temáticas, formas e usos.
A súa poesía ten, ademais, unha personalidade propia, relacionada coa Pontevedra natal, conseguida coa reiteración de certos temas costumistas e sociais, dalgúns personaxes unitarios do conxunto (o gaiteiro como narrador, o tamborileiro Pedro Luces, o arcebispo Vélez, o P. Sarmiento...), coa preocupación por mostrar a riqueza léxica en desaparición do galego ou co emprego de estruturas narrativas moi traballadas. E isto, unido ás dificultades que tivo que superar como adaptador dunha lingua daquela considerada ágrafa a outra con distintos rexistros poéticos de tradición culta, fan que Pintos deba ter un papel importante na literatura galega.
Bibliografía:
Barreiro Fernández, X. R.: El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo. Santiago de Compostela: Pico Sacro, 1977.
Carballo Calero, R.: Historia da Literatura Galega Contemporánea. Galaxia: Vigo, 1975, p. 75-83.
Casal e Lois, J.: «Colección de poesías gallegas de diferentes autores» (inédita), t. I e II. Pontevedra, 1865 e 1866. [Pode consultarse no Museo de Pontevedra. Carpeta n.º XIV]
Chacón, R.: «Contribución a la bibliografía de Juán Manuel Pintos», Grial, 82 (1983), p. 495-498.
Filgueira Valverde, X. F.: «La Pontevedra popular a Don Casto. Cantigas de don Xohan Manuel Pintos. Meting en Lérez». En LIV Exposición. En el centenario de Méndez Núñez. Pontevedra: Museo, 1969.
Hermida, Carme: «Introducción e notas». En Pintos Villar, X. M.: A gaita gallega. Vigo: Xerais, 2002.
Lado franco, M. C.: Edición crítica da poesía dispersa de Xoán Manuel Pintos. Tese de licenciatura (inédita). Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Filoloxía, setembro de 1989.
Millán González-Pardo, I. (ed.): «Presentación e fitos cronolóxicos». En Retallos de poesía e prosa. A Coruña: Real Academia Galega, 1975; p. 9-21
Millán González-Pardo, I.: «Bibliografía de Xoán Manuel Pintos». [Trátase de 13 páxinas escritas a máquina que o autor enviou á Real Academia Galega, nas que enumera as obras que coñece de Pintos]
Misterios de Pontevedra. Obra atribuída a Xosé Bieito Amado. Pontevedra: Imprenta da viúva de Pinto, 1845. Pódese consultar na Biblioteca do Museo de Pontevedra.
Pintos Villar, X. M.: Breve diccionario gallego, escrito por el tamborilero para facilitar la inteligencia de La gaita gallega tocada por el gaitero. Pontevedra: Imprenta de José y Primitivo Vilas, 1853.
Pintos Villar, X. M.: «Vocabulario gallego-castellano de Juan Manuel Pintos» ed. a cargo de Margarida Neira e Xesús Riveiro en Cadernos de Lingua da Real Academia Galega, Anexo 5, A Coruña 2001.
Ríos Panisse, M.ª C.: Obra poética dispersa de Xoán Manuel Pintos Villar. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006.
Xove Ferreiro, X.: «O primeiro texto galego coñecido de Juan Manuel Pintos». En Homenaxe ó profesor Camilo Flores. Tomo II. Literaturas específicas. Santiago de Compostela: Facultade de Filoloxía, 1999; p. 731-740.
Xove Ferreiro, X.: «As edicións da Gaita Gallega, de Juan Manuel Pintos». En R. Lorenzo e R. Álvarez Blanco (eds.): Homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta. Santiago de Compostela: Universidade, 1996; p. 605- 622.
Como citar: Ríos Panisse, María do Carme : Xoán Manuel Pintos. Publicado o 2/9/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3106. Recuperado o 25/05/2022
DOCUMENTACIÓN DE
Manuscrito do poema «Bieito e Manuela» de Xoán Manuel Pintos. 1867
Fonte: Arquivo da Fundación Penzol. Galiciana
http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1505964
PINTOS, Xoán Manuel: «A Pontevedra (traducción del francés)». En Juan A. Saco Arce: Gramática Gallega. Lugo: Soto Freire, 1868 ; p. 306-308
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
PINTOS, Xoán Manuel: «Bieito e Manuela». En Corona fúnebre a la memoria del Sr. D. Antonio de Valenzuela Ozores. Pontevedra: Imprenta del Siglo, 1867 ; p. 65-66
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela
Galiciana. Biblioteca de Galicia
PINTOS, Xoán Manuel: «A Galicia», Galicia: revista universal de este reino, n.º 23 (1 de setembro de 1861); p. 364-368
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/publicaciones/numeros_por_mes.do?idPublicacion=150&anyo=1861 [consulta: 06-09-2021]
PINTOS, Xoán Manuel: «Cristus». En Album de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos…. A Coruña: Imprenta del Hospicio Provincial à cargo de D. Mariano M. y Sancho, 1862 ; p. 290-293
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela — Sinatura: Pedret 998 (1-3)
Galiciana. Biblioteca de Galicia
PINTOS, Xoán Manuel: «A Pontevedra». En Album de la Caridad: Juegos Florales de La Coruña en 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos…. A Coruña: Imprenta del Hospicio Provincial à cargo de D. Mariano M. y Sancho, 1862 ; p. 461-463
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela — Sinatura: Pedret 998 (1-3)
Galiciana. Biblioteca de Galicia
PINTOS, Xoán Manuel: «Teucro», La Perseverancia: periódico de Galicia, literario, científico, comercial, agrícola, industrial y de intereses materiales, n.º 6 (28 de marzo de 1859); p. 1-2
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
periódico de Galicia, literario, científico, comercial, agrícola, industrial y de intereses materiales
PINTOS, Xoán Manuel: Breve diccionario gallego para facilitar la inteligencia de la gaita gallega. Pontevedra: Imprenta de don José e don Primitivo Vilas, 1853
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.do?id=517050#infoejemplares [consulta: 06-09-2021]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
DOBARRO PAZ, Xosé María: «Pintos Villar, Xoán Manual». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, 2003: v. 36, p. 44-45
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Bibliografía de/sobre Xoán Manuel Pintos
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
«Día das Letras Galegas», El Pueblo gallego : rotativo de la mañana, n.º 18722 (17 de maio de 1975), p. 19
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra
Poema de Emilia Calé dedicado a Xoán Manuel Pintos, datado en Lugo en 1877
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.do?id=6864
Ligazóns de interese
Reportaxe sobre Xoán Manuel Pintos emitida pola TVG no programa «Pasou o que pasou»
Fonte: CRTVG
https://pasouoquepasou.crtvg.gal/content/biografia-de-xoan-manuel-pintos [consulta: 06-09-2021]
Sección dedicada a Xoán Manuel Pintos na páxina web da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega
https://academia.gal/letras-galegas/1975/xoan-manuel-pintos
Xoán Manuel Pintos na Biblioteca Virtual Galega
Fonte: Biblioteca Virtual Galega
https://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=Xo%E1Pinto
Copia dixital dun exemplar da segunda edición da Gaita gallega (1853), custodiado na Universidade de Santiago de Compostela. Contén unha dedicatoria manuscrita de X. M. Pintos a Antonio de la Iglesia
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.do?id=417975 [consulta: 2021-09-07]
Roteiro «Xoán Manuel Pintos en Pontevedra», en Culturagalega.gal [Consello da Cultura Galega]
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://roteiros.culturagalega.gal/roteiros/ficha/23
Breve peza audiovisual sobre Xoán Manuel Pintos emitida no programa da TVG «Galicia letra a letra», o 4 de xuño de 2012
Fonte: CRTVG
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/xoan-manuel-pintos-villar-letras-galegas-1975 [consulta: 2021-09-07]
Capítulo do programa «Ben Falado!» (TVG) dedicado a Xoán Manuel Pintos, emitido o 13 de abril de 2011
Fonte: CRTVG
http://benfalado.gal/entrada/2698 [consulta: 2021-09-07]
Publicacións periódicas
Gaita Gallega, A (1885-1887) .
Repinica muiñeiras, fandangos y-alboradas, unha vez ó mes
Libros do ccg sobre Xoán Manuel Pintos
Obra poética dispersa de Xoán Manuel Pintos Villar.
2006 | Xoán Manuel Pintos, Autoría. María do Carme Ríos Panisse, Edición. María do Carme Ríos Panisse, Introdución. María do Carme Ríos Panisse, Notas.