Leopoldo Basa

A Coruña, 1866 - San Sebastián, 1947

Biografía

----

Leopoldo Basa

A Coruña, 1866 - San Sebastián, 1947

Na elite intelectual galega de Bos Aires

Dacabalo entre os séculos XIX e XX milleiros de galegos marcharon cara ao Río da Prata. O estereotipo máis común é o que nos amosa aos galegos desempeñando as profesións máis dificiles. Esta imaxe é, certamente, real. Mais, a carón dos moitos galegos que traballaban nas condicións máis duras, hai unha reducida elite intelectural que deixou unha importante pegada na sociedade porteña. A este último grupo pertence Leopoldo Basa, de cuxo contributo literario e artístico damos conta nesta biografía.

Leopoldo Basa Villadefrancos naceu na Coruña o 29 de maio de 1866. Na súa cidade natal estudou o Bacharelato e Peritaxe Mercantil. Tras concluír os seus estudos trasládase a Madrid. Nesta capital coñeceu a Miguel Cané, embaixador da Arxentina en España, quen lle facilitou a marcha para este país. Así, en 1890 emigrou a Bos Aires. Na capital arxentina empregouse como secretario da Inspección general de la Municipalidad.

En 1896 comezou a publicar as súas primeiras colaboracións literarias. Así, escribiu en El País, principalmente críticas de arte, e El Eco de Galicia. Tamén colaborou en La Nación e no Almanaque Gallego de Castro López. Leopoldo Basa chegou a ocupar unha posición moi influínte dentro da colonia galega. Así, cando o 21 de novembro de 1908 o Orfeón Gallego organizaou unha velada en homenaxe a Manuel Curros Enríquez, Basa foi o encargado de ler o discurso de apertura.

No diario El País publicou por entregas a novela curta Flores del Pantano. Foi autor do drama Don Marcelo, peza lida polo autor no Círculo Gallego de Bos Aires en setembro de 1902. En 1903 publicou a colección de novelas curtas Espigas sueltas. O 26 de agosto de 1908 estreou no Teatro Moderno a comedia Los Nervios. En 1908 publicou El pintor Dionisio Fierros y el arte en Galicia. En galego só foi autor do relato ¿Fixo ben?, publicado en 1900 no Almanaque Gallego de Castro López. Como non podía ser doutro xeito, o tema deste relato é a emigración.

En 1907 ocupaba o posto de vicepresidente da sociedade Círculo Gallego de Bos Aires. En 1908 desempeñou a vicepresidencia dunha comisión creada para recadar fondos para a construción dun monumento a Curros Enríquez na Coruña. En 1910 regresa a España, aínda que seguiu colaborando coa prensa bonaerense, caso de La Nación. Fixou a súa residencia en San Sebastián. En 1914 publicou o drama en tres actos La leña de la vida. En 1915 daría ao prelo a novela El Premio. En 1924 editaríase en Bos Aires a súa novela Don Juan de América; este romance ten por escenario Madrid, onde se desenvolven as aventuras dun doutor arxentino.

Faleceu en San Sebastián o 19 de decembro de 1947. Leopoldo Basa destacou tamén como pintor. Na exposición Cien años de arte en Galicia, celebrada na Coruña en 1949, expuxéronse os óleos de Basa "Bosque" e "Costa peñascosa". Esta exposición celebrouse co gallo do Centenario da Academia de Belas Artes da Coruña.

Como citar: Leopoldo Basa. Recuperado o 01/04/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=334 DOI: 10.17075/adg.334]

Obra de Leopoldo Basa

«¿Fixo ben?»

O único relato de Leopoldo Base en galego.

«Carta de un americano»

Relato de Leopoldo Basa «Carta de un americano». Seguimos o texto publicado na Revista Gallega da Coruña.

«Molete»

Relato de Leopoldo Basa titulado «Molete». Seguimos o texto publicado na Revista Gallega da Coruña.

Bibliografía

- HERMIDA, Modesto (dir.): Narradores ocasionais do século XIX (relato breve) Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003, p. 37
- VILANOVA RODRÍGUEZ, Alberto: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1.146