Dolores Rodeiro

Santiago de Compostela, 1853 - Santiago de Compostela

Biografía

----

Dolores Rodeiro

Santiago de Compostela, 1853 - Santiago de Compostela

Autoria: María Dolores Villaverde

DOI: 10.17075/adg.3378

Única galega documentada como escultora ata o século XX.

Pouco se sabe da biografía de Dolores Rodeiro Boado, salvo a data e a cidade de nacemento e que foi unha das fillas máis novas do tamén escultor compostelán Francisco M.ª Rodeiro Permui, artista que traballou no segundo e terceiro terzos do século XIX, cun estilo ecléctico que recolle e repite os modelos barrocos e neoclásicos anteriores. Francisco tivo nove fillos con Margarita Boado, e Dolores será a única herdeira da tradición paterna.

Dolores Rodeiro naceu en Santiago de Compostela no ano 1853 e segundo o padrón municipal de 1898 vivía na rúa do Vilar, en concreto no número corenta e nove. A excepción dunha paréntese na súa formación cando se traslada a Madrid no curso 1884/85 para recibir clases de Debuxo do Antigo e de Modelado do Antigo na Escola de Belas Artes, a súa vida está maioritariamente vinculada á cidade compostelá. Non hai moitos máis datos da súa vida, salvo que en 1875 obtén Mención honorífica na Exposición Regional de Santiago de Compostela, por un Crucifixo e un Santo Ignacio de Loyola.

A pesar deste descoñecemento da súa biografía, pódese afirmar que foi unha pioneira, pois non só se atreveu nese momento do século XIX a dedicarse á súa paixón, a escultura, senón que chegou a ser a primeira artista en recibir unha pensión da Deputación da Coruña no ano 1881.

Para entender o seu estilo e traballo hai que coñecer o do seu pai: ambos foron tallistas en madeira de imaxes relixiosas, que seguiron as normas de estilo de finais do século XIX, unha etapa frutífera a nivel escultórico en Galicia polo número de obras pero que non achega grandes novidades estilísticas, repetindo unha e outra vez o habitual movemento en S das figuras e os rostros idealizados.

Dolores toma ademais do seu pai as facianas de queixo prominente, os abundantes pregados nas vestiduras, que tenden a caer paralelos na túnica e ao chegar á peaña cúrvanse formando o característica S, e opta por composicións frontais en triángulo isósceles.

Segue igualmente co costume do pai de asinar nas peañas e o resultado final é moi similar ao que conseguía Francisco Rodeiro.

Polo de agora coñécense moi poucas pezas da escultora, xunto co Crucifixo e o Santo Ignacio antes citados, só dúas máis: a Inmaculada Concepción de San Martiño de Tabeaio (arciprestado de Alvedro, concello de Carral) e a Virxe do Rosario de San Xián de Artes (arciprestado de Posmarcos de Abaixo, Ribeira). En ambas pódese apreciar que as tipoloxías elixidas por Dolores son similares ás do pai, quizais a Inmaculada se achegue máis ás de Murillo que á de José Gambino (que era a preferida polo pai), sendo o efecto final de maior esvelteza e delicadeza.

Como citar: Villaverde, María Dolores : Dolores Rodeiro. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3378 DOI: 10.17075/adg.3378]

Bibliografía

- PEREIRA BUENO, F., A presenza das mulleres pintoras na arte galega: 1858-1936, Sada, Ediciós do Castro, 2004.
- CARDESO LIÑARES, J., “Dolores Rodeiro, escultora compostelana del siglo XIX”, Esculca, 8 (decembro 2001), p. 34-35.
- CARDESO LIÑARES, J., El arte en el Valle de Barcala, A Coruña, Fundación Feiraco, 2000.
- VILLAVERDE SOLAR, Mª D., “Liñares y Rodeiro: dos escultores compostelanos del siglo XIX”, Compostellanum, XLV (2000), p. 813-840.
- CARDESO LIÑARES, J., Luces y sombras del arte en As mariñas dos Frades, A Coruña, Offset Valladares, 1993.
- CARDESO LIÑARES, J., “El arte en el Valle de Barcala: presencia jacobea, el escultor Rodeiro, la visita de Mayo y Leis”, Compostellanum, XXXV (1990), p. 541-643.