Mercedes Ruibal

Santo Andrés de Xeve, 1928 - Vigo, 2003

Biografía

----

Mercedes Ruibal

Santo Andrés de Xeve, 1928 - Vigo, 2003

Autoria: María Luisa Sobrino Manzanares

DOI: 10.17075/adg.3517

Pintora e escritora cun intenso mundo interior

Nada na aldea de Santo Andrés de Xeve en 1928, a maior parte da vida de Mercedes Ruibal transcorreu en Vigo polo seu matrimonio co tamén pintor e arquitecto Agustín Pérez Bellas, co que casa en 1959.

Anteriormente, cando tiña uns vinte anos, emigrara a Bos Aires, onde permaneceu algún tempo. Alí reside seu irmán, o escritor José Ruibal, que introduce á moza de provincias no suxestivo mundo dos intelectuais e artistas dunha cidade cosmopolita, por aquel entón en pleno auxe, como era a capital bonaerense a principios dos anos cincuenta. Un mundo onde tamén comezaría a pintar baixo os consellos e a guía de Laxeiro, a obra do cal haberá de marcar a futura pintura de Mercedes. "Empecei a pintar moi pronto, a miña aprendizaxe consistía en copiar a realidade: uvas, mazás, cereixas, ... Pero acostumaba comer a froita e pintar o que me petaba".

Durante a súa estancia en Bos Aires realiza a súa primeira exposición (1956). No ano seguinte retorna a Galicia, e expón en Vigo, cunha mostra á que seguirán bastantes máis en importantes galerías madrileñas e galegas. Antes pasa en Madrid algún tempo para continuar aprendendo e pintando, fascinada polo ambiente que entón se respiraba no Madrid da posguerra. Foi, como ela mesma recorda, un período feliz de encontro con outros artistas e intelectuais. Foino de amizade e camaradaría, de bohemia e tertulias no café Gijón, tamén de creatividade, penuria e aprendizaxe. Despois viría a súa voda con Agustín, compartindo unha mesma actividade profesional, a súa residencia en Vigo no medio de continuas viaxes a Madrid, e finalmente, a época de madurez da súa decidida vocación artística.

A súa traxectoria partiu das iniciais influencias de Laxeiro e do gusto por un primitivismo arcaizante e naif que marcou boa parte do seu traballo vencellado, especialmente nos seus primeiros períodos, ás formas dun románico popular cun acusado acento expresionista. Un acento que garda tamén evocacións do toque onírico e surreal do propio expresionismo da obra de Pérez Bellas, aínda que no caso de Mercedes cunha tenrura e un sentido do humor que se irán amosando na evolución da súa linguaxe.

A pesar destas vinculacións, case todos os críticos coinciden en sinalar que Mercedes Ruibal é pintora dun estilo único "dunha linguaxe moi persoal e dun mundo que só a ela lle pertence". En todo caso, a súa pintura irá ampliando os seus rexistros: dende os primeiros temas máis sinxelos de nenos e maternidades evoluirá cara a un variado repertorio temático, composicións máis complexas que inclúen dende mutilados de guerra (Vietnan, Bosnia) ata heroes gregos, tauromaquias, amantes ...Personaxes que teñen no comezo algo de bonecos laxeirianos, pero que van acadando a súa propia personalidade, como imaxes que flotan e se revelan dende as sombras. Estas imaxes, aínda sen desembarazarse do seu inxenuismo primixenio, aportan nas súas aparicións novos factores máis experimentais e, en todo caso, un tratamento máis dramático.

A súa obra evoluciona cara a posibilidade de entregarse a unha experimentación de claroescuros cuns resultados que exaltan o brillo de certas zonas de cor, case como lacados que destacan sobre os fondos negros. Tamén evolúe ao gusto polos patróns decorativos nas súas mulleres con mantos e frores, baixo a tendencia envolvente das súas pinceladas que circundan con semellante ritmo tódas as súas formas.

Mentras, a súa traxectoria biográfica rexistra nestes anos importantes exposicións en Madrid e Galicia. Cómpre mencionar as súas estancias e exposicións en Florencia e en Roma durante a década dos setenta, as súas mostras nas galerías Biosca, Darro e Quixote de Madrid, e a gran retrosprectiva que lle dedica o Concello de Vigo na Casa das Artes en 1993 (quizais a que foi a exhibición máis completa da súa obra).

No mes de abril de 2003 faleceu Mercedes Ruibal na súa casa de Vigo. Deixaba tras de si unha obra artística de gran calidade que respondía, en boa medida, á súa visión persoal do mundo e dos temas que a ela máis lle preocuparon. Unha visión que non só expresou pictoricamente, senón tamén a través da súa poesía e dos seus textos.

Como sinala José Castro Arines na Gran Enciclopedia Gallega, Mercedes Ruibal, á vez que unha importante pintora foi tamén escritora de arrebatado ímpeto creativo. O seu libro Confesiones de una volatinera con bragas de repuesto al dorso (Madrid, 1978) constitúe unha interesantísima aportación literaria.

Como citar: Sobrino Manzanares, María Luisa : Mercedes Ruibal. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3517 DOI: 10.17075/adg.3517]

Obra de Mercedes Ruibal

Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso

Portada e contraportada da publicación

RUIBAL, Mercedes: Y mi voz es tu nombre, Ediciós do Castro, 1986.
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG.

Obra sobre Mercedes Ruibal

POSTIGO ALDEAMIL, Mª. Josefa: «Mercedes Ruibal Sada. Pintora y escritora († 2003)», Madrigal. Revista de estudios gallegos, nº 7 (2007), p. 139-142
Fonte: http://revistas.ucm.es/fll/11389664/articulos/MADR0404110139A.PDF [data de descarga: 13-11-2012]
COMESAÑA, Pilar: «Mercedes Ruibal o la defensa de la alegría», Faro de Vigo (22/03/1984), p. 19.
Fonte: Arquivo do movemento feminista organizado en Galicia. Doazón da AGM, fondo hemerográfico.
Entrevista de Pilar Comesaña a Mercedes Ruibal publicada na sección ‘Mulleres’ de Faro de Vigo (22-3-1984)

Bibliografía

- PABLOS, F., “Mercedes Ruibal” en Artistas gallegos, pintores (realismos-expresionismos) p136-173. Nova edicións, 2001
- VV.AA.: Mercedes Ruibal. Exposición Antológica, >, [catálogo], Vigo, Casa das Artes, 1993.
- HEINZE, U., “Ruibal, Mercedes” en Mulleres, Vigo, Xerais, 1991
- VV.AA.: “Ruibal, Mercedes” en Gran Enciclopedia Gallega tomo XXVII, p134, 1974
- CAMPOY, A.M., Diccionario crítico del arte español Madrid, Ibérico Europea de Ediciones, 1973.
- GAYA NUÑO, J.A., La pintura española del siglo XX Madrid, Ibérico Europea de Ediciones, 1970, p. 327.