Concepción Sáiz Otero
Santiago de Compostela, 22/ 5/1851 - Pancorbo, 1934Autoría: Carolina García Borrazás
Unha das pedagogas máis recoñecidas e valoradas de finais do XIX e comezos do XX
Pedagoga e escritora, filla dunha galega e dun burgalés liberal, carabineiro de profesión. Pura, como a chamaban os seus íntimos, comeza a súa peregrinación por vilas e cidades con tan só catro anos. A súa vida escolar comeza en Ciudad Rodrigo coas monxas de Santa Clara. O primeiro libro que manexa é un exemplar de Carlo Magno y los doce pares de Francia. Desenvolve desde entón a paixón pola lectura ata convertela nunha constante na súa vida diaria. Os cambios de domicilio coa súa familia danse ata os dezaoito anos. Chega a Viveiro con nove anos e alí fai amizade coa futura escritora Camelia Cociña. De Galicia trasládase a Logroño e logo a Burgos. En 1870 marcha coa súa familia a Madrid, seis anos despois prepárase coa súa irmá maior e co mestre José Pontes para ingresar na Normal, onde coñece a María Camino. Na Escuela Normal de Maestras obtén o título de Mestra Superior (1878) e de Profesora de Párvulos (1879). Tamén vai pasar polas aulas da Escuela de Institutrices, onde se examina ante personalidades como Francisco Giner de los Ríos e Concepción Arenal.
Entre 1881 e 1884 dirixe a primeira escola graduada de nenas creada na Asociación para la Enseñanza de la Mujer, é tamén consiliaria dela e, máis adiante, substitúe a Pedro de Alcántara na cátedra de Pedagoxía. En 1884 entra como profesora na Normal Central. Vai estar sempre comprometida coa renovación pedagóxica e co papel que lle correspondía á muller na sociedade. Neste sentido, a educación das mulleres foi unha das súas preocupacións expresas, manifestando as súas ideas nas clases que imparte e nos congresos en que participa.
Co paso do tempo, Concepción Sáiz desenvolve a súa carreira profesional como profesora de Lingua e Literatura da Escuela Normal de Maestras, como vogal nos tribunais de oposicións, como membro do xurado de distintos eventos e mesmo como investigadora.
En 1908 viaxa a Londres cunha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios co fin de estudar a Sección Pedagóxica da Exposición Franco-Británica. Un dos froitos desta experiencia é o seu libro Dos meses por las escuelas de Londres (1911) e a memoria publicada en Anales de la Junta para ampliación de estudios e investigaciones científicas (Madrid, 1911).
En 1909 Concepción pasa a formar parte do profesorado da Escuela de Estudios Superiores del Magisterio, posto de difícil acceso para as mulleres. Neste centro chega a ocupar a dirección da Sección de Alumnas e a impartir materias como literatura xeral e literatura-lingua ou lingua e literatura españolas. O labor docente de Concepción Sáiz finaliza en 1921, cando conta con setenta anos de idade. Tamén nese ano foille concedida a Cruz de Alfonso XII.
A preocupación pola superación educacional da muller leva a Concepción Sáiz a tratar o tema da educación das mulleres tanto a través da súa participación en distintos eventos de carácter científico como da súa colaboración en revistas e xornais. Podemos citar algúns exemplos publicados en La Escuela Moderna como: «La maestra española», «El feminismo en España», «Hacia lo porvenir, La Maestra Española» ou «La mujer en el Congreso Pedagógico».
Obra de Concepción Sáiz
A actividade de Concepción Sáiz como escritora foi intensa. Ademais dos artigos sinalados máis arriba, colaborou en publicacións como La Tribuna, El Magisterio Español, Nuestro tiempo, Revista de Medicina Social Española, Álbum Artístico literario del siglo XX, Raza Española, Anales de la Junta para ampliación de estudios, Revista de Segunda Enseñanza, Revista de Escuelas Normales.
Tamén publicou libros como:
1895 Cartas... ¿pedagógicas?Ensayo de psicología pedagógica (En colaboración con Urbano González Serrano)
1905 (marzo) ¿Como utilizar los millones de superavit? (presentado ao concurso de El Imparcial)
1908 Teoría y práctica de la educación y la enseñanza
1911 Dos meses por las escuelas de Londres
1913-1928 Lecturas escolares(, catro volumes)
1914 Urbano González Serrano (boceto biográfico)
1929 Un episodio nacional que non escribió Galdós. La revolución del 68 y la cultura femenina (Apuntes del natural)
1930 El método de la escuela renovada de Milán
1930 Las nuevas escuelas italianas
Como citar: García Borrazás, Carolina : Concepción Sáiz Otero. Publicado o 1/1/2008 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3570. Recuperado o 29/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«Concepción Sáiz Otero»
Artigo de Aurora Marco publicado no libro da súa autoría Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras, Sada, Ediciós do castro, 2002, p. 67-95
Ligazóns de interese
Información sobre a Institución Libre de Enseñanza
[última consulta: 01/12/2021]
Concepción Sáiz Otero na wikipedia
[última consulta: 01/12/2021]
Concepción Sáiz no web da Real Academia de Historia
[última consulta. 01/12/2021]
CABALLERO CORTÉS, Ángela: Una maestra de hace más de 100 años : Concepción Saiz de Otero
[última consulta: 01/12/2021]
Referencias bibliográficas
- MARCO, A, Mulleres e educación en Galiza: vidas de mestras Sada, Edicións do Castro, 2002
- MARCO, A. , Diccionario de mulleres escritoras , Vigo, A Nosa Terra, 2007.