Ernesto Seijo

Carballo, 1909 - Manchester, 1986

Biografía

----

Ernesto Seijo

Carballo, 1909 - Manchester, 1986

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.3693

Un químico galego a carón dun Premio Nobel

Era fillo dun notario que exercera en varias localidades galegas, amigo de Casares Quiroga. Ernesto Seijo, logo de rematar a carreira de Ciencias (1930), licenciouse en Farmacia (1933). Pertencía a aquel grupo innovador de alumnos e alumnas que o profesor Fernando Calvet puxera en marcha na Sección de Químicas de recente creación (1922). No último ano da carreira xa publica dous traballos de investigación sobre síntese química de productos naturais, a carón do seu mestre, na revista Anales de Física y Química, logo reflexados no Chemical Abstract.
Recén licenciado en Ciencias Químicas, e xa como axudante de clases prácticas desde 1931, axiña vai completar o seu ciclo formativo no estranxeiro cunha bolsa do Padroado da Universidade de Santiago e outra da JAE, para continuar coa liña de investigación aberta: síntese química de productos naturais; durante un ano, en 1934. Na súa solicitude explicita o coñecemento de francés, inglés, italiano, portugués e alemán, ferramentas indispensables para o achegamento á ciencia. Estivo en Oxford con Robinson, quen logo vai ser Premio Nobel (1947), onde xa estivera o seu primeiro titor científico. Nesta cidade universitaria inglesa realiza traballos para a consecución da súa tese de doutoramento (1936). Á súa volta é nomeado profesor auxiliar de Química Orgánica na cátedra de Calvet.

Logo dun período curto de docencia no curso 1935-36, vai obter unha segunda bolsa da JAE, en marzo, por catro meses, como prórroga da que obtivera anteriormente, tamén en Oxford, para rematar as investigacións encetadas un ano atrás para o seu doutoramento, que vai culminar ese mesmo ano.

Unha vez asentado nas Illas Británicas, vaille coller a sublevación facciosa de xullo. A instancias da súa familia, sabedores do que estaba a acontecer co profesorado santiagués comprometido (persecución, represión variada, apartamento da docencia...), indicáronlle que non volvese, de momento. Pois Ernesto Seijo fora un dos alumnos avantaxados da maior parte dos profesores da Universidade de Santiago que participaran na modernización e a democratización da institución: Calvet, Martín Sauras, Parga Pondal...; con eles compartiría laboratorios, investigacións, excursións científicas e lecer; e, a partir das iniciativas que puxeran en marcha, Seijo accedería á docencia e á investigación da súa man.

En outubro contacta co Ministerio de Instrución Pública, desde Oxford, indicando o seu desexo de reintegrarse na España leal. É de supoñer que o devalar dos acontecementos bélicos incidirían na súa definitiva opción de quedar no exilio. Non retornaría a España ata despois da morte de Franco (1976). Nos primeiros anos no exilio tomou contacto coa Unión de Profesores Universitarios Españoles en el Extranjero, organismo que tratou de aglutinar ao profesorado espallado que fuxira de España logo da derrota.
Sen medios económicos para subsistir, pois lle retiraran todo tipo de axudas ao non incorporarse ao exército, Seijo recurriu ao seu mentor e novo titor. Robert Robinson (1886-1975) axudouno, pois, pola súa intervención, axiña comezaría a traballar para os Laboratorios Dyson-Perrins, da Universidade de Oxford, finalizando 1936, cunha bolsa da Fundación Rockefeller para traballar en hormonas. Continuaría coa investigación en novos terreos como a industria téxtil e petroquímica, co desenvolvemento de sustancias plásticas, traballando con materiais como o vinilo, o raión ou o poliuretano, onde realizou importantes achegas. Rexistrou varias patentes co seu nome.

Logo dunha vida científica ligada a Robinson, traballou para varias empresas textís e petroquímicas en varias cidades inglesas, como a Shell, na que Robinson era director desde 1955. Significamos a desazón de Ernesto Seijo logo de comprobar como, a partir dun artigo seu sobre a preparación de poliuretanos espumosos, unha empresa química utilizase ese tipo de sustancias na fabricación de napalm na guerra do Vietnam.

En 1963 retornaría á docencia universitaria no Royal College of Advanced Technology de Salford, ata a súa xubilación en 1974, dentro de departamento de Química Aplicada.

Casou cunha secretaria da Universidade de Oxford, Diana Mari Ingram, en 1945, con quen tivo tres fillos. Morreu dun cancro nunha vila preto de Manchester, en 1986.


PATENTES
(1955) “Improvements in or relating to the production of artificial textile elements”.
(1955) “Improvements in or relating to the production of coloured cellulose acetate textile elements”.
(1956) “Improvements in or relating to thermoplastic materials”.
(1957) “Improvements in and relating to plastic composition and their preparation”.
(1957) “Improvements in or relating to high impact polymerised vinyl aromatic compounds”.
(1958) “Improvements in or relating to compositions comprising or consisting of. polymerised vinyl-aromatic compounds and processes for the preparation thereof”.
(1959) “Improvements in or relating to thermoplastic polymeric compositions”.
(1961) “Improvements in or relating to the production of polyurethanes”.
(1961) “Improvements in or relating to polyurethanes”.
(1962) “Foamed polyurethanes and their preparation”.

Como citar: Gurriarán, Ricardo : Ernesto Seijo. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3693 DOI: 10.17075/adg.3693]

Bibliografía

- GURRIARÁN RODRÍGUEZ, R.: Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Do influxo institucionista e a JAE á depuración do profesorado, Santiago, Servizo de Publicacións da USC. 2006