Ramón Tenreiro

A Coruña, 1879 - Berna (Suíza), 1939

Biografía

----

Ramón Tenreiro

A Coruña, 1879 - Berna (Suíza), 1939

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.3882

Tradutor de Goethe e activista cultural

Avogado, tradutor e publicista. A súa familia vivía no entorno de Pontedeume, de onde procedía. Eran amigos dos López-Cortón e estaban emparentados coas familias Pastor e Pardo Bazán. Con motivo dos seus estudios de Dereito se desprazaría a Madrid, onde asiste ás clases de Cossío e de Giner de los Ríos. Logo manterá correspondencia continuada con Giner, de quen recibiría consellos a modo de guieiro espiritual. Foi un dos organizadores e publicitador da primeira Colonia Escolar da Coruña (1902), continuando neste labor anos despois. Tamén foi un dos promotores da Universidade Popular da Coruña (1906). Na primeira década do século XX se desprazou de novo a Madrid, onde se dedica á traducción e á critica literaria.

Colaborou no xornal El Sol, no que chegaría a ser conselleiro e director político, e na revista Residencia, voceiro da Residencia de Estudiantes. En 1929 participou na “Semana Gallega” que se celebrara en Barcelona, con motivo da Exposición Internacional. Tenreiro fora proposto pola RAG, e impartiu unha conferencia sobre “Música y músicos”; divulgou a lingua e a cultura española desde diferentes plataformas. Publicou ensaios, fixo traducións e escribiu varias novelas, unha delas, La ley del pecado, dedicóullela a Cossío (Madrid, 1930), tamén exerceu a crítica especializada en revistas literarias (La Lectura). Sempre mantivo contacto coas actividades do institucionismo e os seus apéndices. Nun principio, o seu compromiso político foi co Partido Reformista de Melquiades Álvarez (1912), dentro do republicanismo moderado, ao igual que moitos institucionistas, participando tamén nas actividades parapolíticas orteguianas: Liga de Educación Política, El Sol... Estivo presente naquel acto simbólico de homenaxe a Azorín, en Aranjuez (23 de novembro de 1913), protagonizado por Ortega y Gasset, con motivo de ser rexeitado o escritor da xeración do 98, pola Real Academia Española. A este acto, Abellán titulouno: “pórtico de la generación de 1914”. Tamén acudiu ao acto de desagravio que se lle fixo a Castelao en Madrid, en 1935, á súa volta de Extremadura.

Aínda que non disfrutou de ningunha axuda da JAE, formou parte principal da súa rede, pois foi membro da Comisión de Estudios en Galicia, apéndice da JAE, creada en 1927, unha vez encetado o afán descentralizador deste organismo que comezara coa Misión Biolóxica de Galicia (1921), co fin de enviar a estudantes galegos a ampliar estudos ao estranxeiro. Foi deputado na II República, representando á provincia da Coruña, na candidatura da FRG-ORGA, por mediación de Casares Quiroga, na primeira lexislatura. Como deputado, sería o encargado de defender, en Comisión, as actas impugnadas por Valle-Inclán, que se presentara polo Partido Radical, pola Coruña. Durante a Guerra Civil desempeñou varios cargos diplomáticos, logo de ser nomeado segundo secretario de embaixada, morreu en Suíza, sendo ministro plenipotenciario da República naquel país.

Fixo adaptacións de contos de obras como: La vida es sueño (Calderón), El Conde Lucanor (Don Juan Manuel), El Califa Cigüeña e outros contos de Hauf...

Traduciu obras da literatura universal: El Santo (Fogazzaro), El túnel (Kellermann), Judit, Herodes y Marienne e Los Nibelungos (Hebbel), San Francisco de Asís (Joergensen), Clavijo e Afinidades electivas (Goethe), María Estuardo e María Antonieta (Zweig), entre outras.

Como citar: Gurriarán, Ricardo : Ramón Tenreiro. Recuperado o 19/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3882 DOI: 10.17075/adg.3882]

Obra de Ramón Tenreiro

Crítica sobre libros de Azorín en «La lectura de voz».

Bibliografía

- VARIOS, Gran Enciclopedia Gallega, tomo 29, Santiago s/d. 1980
- COUCEIRO FREIJOMIL, A., Diccionario biobibliográfico de escritores, Tomo III, Santiago, Ed. de los bibliófilos gallegos. 1954
- VARIOS, Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo-americana Espasa Calpe, Madrid, Bilbao, Barcelona, Ed.. Espasa-Calpe S.A. 1928