f Avelina Valladares | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Avelina Valladares

A Estrada, 1825 - A Estrada, 1902

Biografía

----

Avelina Valladares

A Estrada, 1825 - A Estrada, 1902

Autoria: Celia María Armas

DOI: 10.17075/adg.4001

A frustración do ser escritora na Galicia do século XIX

Nace Avelina Valladares en Vilancosta (A Estrada) en 1825, lugar onde tamén morrerá 77 anos máis tarde, en 1902, e do que en poucas ocasións na súa vida se separará. As súas orixes sitúana nunha familia numerosa (un irmán seu é Marcial Valladares, o autor da considerada como novela inaugural da literatura galega, Maxina ou a filla espúrea ) e fidalga; e é precisamente isto último o que nos explicaría a formación que posuía Avelina. Decatémonos de que naquela Galicia de comezos do XIX o índice de alfabetización entre as mulleres apenas alcanzaba o 3 por cento, o que evidencia claramente que a educación feminina non era prioritaria nin tan sequera entre as clases máis acomodadas. Non aconteceu así, afortunadamente, no caso da nosa autora, que gozou dunha formación inusual, xa que demostrou ter dominado tanto a literatura de ficción como a ensaística. A súa principal ocupación durante a súa vida foi o servizo aos demais (nunca casou) desde as súas fondas conviccións relixiosas. Participou así na Xunta Parroquial de Beneficencia da súa parroquia, Berres; o que foi unha das causas que propiciaron que lle fose concedida a Cruz de Beneficencia en 1894. Dedicouse profusamente á escrita durante dous períodos da súa vida: a década de 1840 a 1850 e os anos de 1864 a 1879. De feito, a maioría da obra súa que conservamos data dalgún dos anteriores períodos.

Como poeta, poderiámola inscribir na tradición maiormente cultivada polas plumas de muller naquela altura, xa que as súas composicións tratan temas relixiosos, amicais, de costumes... O que máis chama a atención dentro da súa produción son os artigos que conservamos, xa que se afastan claramente das que se supuña que eran preocupacións femininas e abordan, sen complexos, cuestións prácticas como os cultivos, fan denuncia social ("El ochavo milagroso" critica algunhas supersticións populares) ou diríxense á autoridade (neste caso eclesiástica) para facer peticións de interese xeral. É tamén digno de destacar o seu Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego , obra bilingüe con claras características proclives á dramatización (hoxe existe unha versión teatral feita por Xosé Lueiro Lemos). Porén, debemos lamentar o peso dos preconceptos sociais no XIX (aínda hoxe vixentes nalgúns casos) que fixeron que Avelina Valladares non concedese importancia á súa obra escrita: a maior parte dela nin a entregou ao prelo e incluso opinaba da súa poesía que eran harapos [...] que nada valen y sólo sirven para descansar en nuestra biblioteca de familia.

Aínda así, Avelina Valladares é unha pioneira na literatura galega, xa que é das primeiras mulleres (se non a primeira) en publicar artigos que hoxe chamariamos de opinión na prensa escrita, así como unha adiantada ao empregar a lingua galega nalgúns dos seus poemas.

Como citar: Armas, Celia María : Avelina Valladares. Recuperado o 30/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4001

Obra sobre Avelina Valladares

«Escritoras do XIX. Lembraza de Avelina Valladares»

Artigo de Aurora Marco publicado en Grial. Revista Galega da Cultura, nº 84, 1984, p 213-226

Epístolas de

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Avelina Valladares nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Carta de Avelina Valladares

Carta de Avelina Valladares á Sociedad de amigos del pais de Santiago e na que fai a proposta de ensaiar novos cultivos en Galicia
Fonte: La exposición compostelana (4 de xullo de 1858)

Referencias bibliográficas

- ARMAS GARCÍA, C.: As mulleres escritoras. O xenio de Rosalía , Santiago de Compostela, Laiovento, 2002, p. 190.
- LUEIRO LEMOS, X. (ed): Diálogo entre un peregrino que se dirige a Compostela y un labriego , A Estrada, Edicións Fervenza, 2000.
- LUNA SANMARTÍN, X.: Ond’o sol facheaba ô amañecer. Vida e obra da cantora da Ulla Avelina Valladares , 2000.
- MARCO, A.: Dicionario de mulleres galegas , Vigo, A Nosa Terra, 2007, p. 436-437.
- MARCO, A.: “Escritoras galegas do XIX. Lembranza de Avelina Valladares”, Grial , 84 (abril-xuño 1984), p. 213-226.