f Salvador Velayos | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Salvador Velayos

Lugo, 1908 - Madrid, 1997

Biografía

----

Salvador Velayos

Lugo, 1908 - Madrid, 1997

Autoria: Ricardo Gurriarán

DOI: 10.17075/adg.4091

Eminente físico truncado pola Guerra Civil

Físico e investigador. Era fillo do director do Instituto de Lugo, Salvador Velayos González, e neto de mestres. Estudou o bacharelato no Colexio dos Maristas e no Instituto desta cidade. Posteriormente, en 1924 foi estudar Ciencias Físicas en Madrid, no vello caserón de San Bernardo, aloxándose na Residencia de Estudiantes, onde logo exercería como titor e como profesor de apoio das disciplinas científico experimentais. Foi discípulo de Moles, Duperier e Cabrera, con quen estivo de bolseiro no Instituto Nacional de Física y Química. Fixo varias viaxes a centros científicos de Alemaña pola súa conta. Tamén disfrutaría dunha bolsa para ampliar estudios en Múnic (Guerlach) en 1934, concedida pola Fundación Conde de Cartagena, xestionada pola JAE.

Especializouse en ferromagnetismo, disciplina que durante moito tempo foi obxecto das súas investigacións. Fixo a tese de doutoramento sobre a medición das susceptibilidades paramagnéticas de compostos de terras raras no intervalo de temperaturas máis amplo ca o estudado ata entón, dirixida por Blas Cabrera.

Antes da guerra publicou un total de oito traballos de investigación en revistas científicas españolas e alemanas. Desde 1930 era profesor auxiliar da Facultade de Ciencias de Madrid (Física: Electricidade e Magnetismo), ata que gaña a cátedra de Física Teórica e Experimental da Facultade de Ciencias da Universidade de Valencia, en febreiro de 1936. Estivo moi ben relacionado nos ambientes institucionistas, dos que, segundo os seus alumnos, se impregnaría da súa actitude: rigorosidade nos hábitos e costumes, sobriedade no xantar, esixente consigo mesmo e cos demais, e deportista consumado. Pasaba, practicamente, a vida no laboratorio, ata altas horas da madrugada. Sen que saibamos a militancia política que tiña, era de esquerdas e republicano, ideal ao que nunca renunciaría, nin nos peores tempos. Durante a guerra traballou para o exército republicano na fabricación de fonolocalizadores para a defensa antiaérea (sistema para a detección de bombardeos en distancia e dirección). Este labor levaríao a ser inculpado no “retraso” da victoria dos sublevados.

Ao remate da confrontación bélica foi xulgado militarmente por rebelión, en consello de guerra, sendo absolto (nº 25334, Xulgado nº 1 de Valencia, sentenza en 18 de outubro de 1939), e tamén como funcionario do Instituto Nacional de Física y Química, do que tamén libraría de sanción (Orde de 6 de maio de 1940). Seu pai foi suspendido temporalmente de emprego e soldo, mais Salvador Velayos non libraría da sanción imposta polo Tribunal Especial da Universidade de Valencia.

Pese á declaración favorable do seu colega Julio Palacios (Vicerreitor de Madrid), quen o descargaba das acusacións que era obxecto, o xuíz especial da súa causa solicitaría a suspensión de emprego e soldo por dous anos e a inhabilitación, sanción que se vería temperada polo traslado forzoso á Universidade de Valladolid e á inhabilitación para cargos directivos e de confianza (OO.MM. de 22 de novembro de 1940 e de 24 de xaneiro de 1941). Logo de botar un total de quince anos en Valladolid explicando Física Xeral, onde fixo escola, en 1956 retornaría a Madrid, mediante oposición a unha cátedra de Electromagnetismo.

Os seus alumnos recordan o seu compromiso coa ciencia (rigor metodolóxico) e as excelentes dotes pedagóxicas e de atracción persoal que tiña, xunto á fluidez de palabra e a facilidade para debuxar. Isto fixo que, en torno a el, se agrupasen os mellores alumnos da Facultade de Ciencias valisoletana.

De non ter sido pola Guerra Civil, posiblemente, estiveramos diante dun dos físicos máis importantes que deu o noso país. Pois a interrupción da súa carreira por mor da guerra, a represión posterior e o exilio dos seus mestres, impedirían a consolidación científica deste profesor galego. Pese a isto, continuou co seu labor investigador naquel organismo que tratou de suplir á JAE nos anos corenta, o CSIC, elaborando traballos que o situaron na vangarda da investigación. Mais xamais ocuparía a cadeira que por méritos propios merecía na Academia de Ciencias, penitencia imposta por ser “perdedor”.

Actualmente leva o seu nome o Instituto de Magnetismo Aplicado que rexenta RENFE e a Universidade Complutense de Madrid, en lembranza da súa figura científica.

Como citar: Gurriarán, Ricardo : Salvador Velayos. Recuperado o 26/05/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4091 DOI: 10.17075/adg.4091]