Luisa Viqueira Landa
A Coruña, 18/ 3/1918 - Cidade de México (México), 3/11/2014Autoría: Patricia Arias Chachero
Loitadora incansable durante a Guerra Civil e activista comprometida no exilio mexicano
Desde moi nena beneficiouse da pedagoxía e o método educativo da Institución Libre de Enseñanza onde se formaran os seus pais e boa parte dos seus familiares, tanto maternos como paternos. En Galicia, Luisa aprendeu a falar e a ler en galego, empregando un método educativo que ideou o seu pai e que, segundo parece, mesturaba debuxos e textos. A nena, compartiría moi pronto xogos cos seus dous irmáns: Jacinto (1921-2014) e Carmen (1923-2010). Educados nunha familia acomodada e nun ambiente culto e liberal, os irmáns Viqueira Landa quedan orfos de pai prematuramente, en 1924. Naquela altura, con seis anos, Luisa trasládase a Madrid coa súa nai e irmáns. Apenas dous anos despois, a nai, viúva aínda nova, convértese nunha das fundadoras do Lyceum Club Femenino que presidirá María de Maeztu.
En Madrid, Luisa e os seus irmáns estudan na primeira escola plurilingüe da capital, a Escuela Internacional Española, fundada en 1928 por José Castillejo Duarte, antano secretario da Junta para la Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas, e dirixida pola nai entre 1929 e 1932. Máis tarde, Jacinta Landa e outros mestres, incapaces de superar as discrepancias con Castillejo, fundan a Escuela Plurilingüe, á que tamén asistirán Luisa e seus irmáns. Son anos de formación integral, vinculada sempre ás ideas da Escola Libre de Enseñanza. As lecturas, a aprendizaxe das linguas, a música e as excursións deberon ocupar boa parte das xornadas dos Viqueira Landa naqueles anos. A nai compaxina a actividade docente e a crianza dos fillos, cos estudos de xinecoloxía que, andando o tempo, a levarán a exercer como comadroa co doutor Manuel Varela Radio.
En 1935 Luisa comeza os seus estudos de Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid quizais influenciada pola súa tía materna Matilde, ou por Santiago Ramón y Cajal, amigo da familia. Ao remate do primeiro curso o estoupido da Guerra Civil sorpréndeos en Galicia, onde viñeran veranear cunha decena de nenos de familias republicanas amigas. Poucos días despois refúxianse todos en Vixoi, na casa familiar, onde vivirán agochados durante nove meses. Coa axuda da Cruz Roja Internacional logran saír do porto da Coruña a bordo dun barco inglés que os levará a Saint-Jean-de-Luz, en Francia, desde onde poderán entrar na España republicana.
Luisa instálase en Barcelona e colabora co Consejo de la Infancia Evacuada, dependente do Ministerio de Instrucción Pública. En outubro de 1937, ela e a súa irmá trasládanse a Villaljordo del Júcar (Albacete) onde se fan cargo de Carmen López Landa, a súa curmá de apenas seis anos, e dun grupo de nenos de familias republicanas que chegan desde a fronte. Poucos meses despois, Luisa viaxa coa súa curmá e un grupo de nenos asturianos e vascos á Moscova e de alí trasládanse xuntos a Kaluga, unha cidade do oeste de Rusia. En 1939, coa guerra perdida, Jacinta Landa reúne os seus fillos en Londres desde onde logran saír para Nova York e de alí, en autobús, a México. O 6 de agosto de 1939 chegan a Nuevo Laredo (Tamaulipas), na fronteira norte do país.
Unha vez establecidos Luisa involúcrase activamente na acción política e cultural dos exiliados. En 1942 é a única representante galega na reunión das Juventudes Socialistas Unificadas. Nesas mesmas datas imparte aulas de lingua e cultura galega no Centro Republicano Español. Nesta mesma época casa con Rafael Rodríguez, membro do Partido Comunista (PC) español, con quen terá tres fillos, Rafael (1943), Luís (1945) e Manuel (1947). Apenas dous anos despois do nacemento do pequeno queda viúva. Máis tarde impulsa xunto a Luís Soto o Padroado de Cultura Galega de México, creado en 1953 e dirixido por Carlos Velo, e figura como secretaria da revista Vieiros cuxo primeiro número apareceu en 1959. No segundo número desta publicación anúnciase a aparición dun artigo de Luisa Viqueira titulado «Mulleres galegas» do que, lamentablemente, nada sabemos. Participou durante anos en La hora de Galicia, un programa radiofónico en galego que se retransmitirá todos os domingos.
Militante do Partido Comunista de España intégrase nun grupo de mulleres do Partido Comunista Mexicano e forma parte da Unión de Mujeres Españolas Mariana Pineda onde cadra con Asunción Concheiro (coñecida como Choncha ou Chonchiña) esposa do doutor Francisco Comesaña, protagonistas ambos de O lapis do carpinteiro, a coñecida novela de Manuel Rivas. Nos anos sesenta, abandona o Partido Comunista con Luís Soto para integrarse na Unión do Pobo Galego.
En 1979 regresa a Galicia despois de case corenta anos de ausencia. Durante seis meses percorre os lugares da infancia. Acompáñana con frecuencia Blanca Jiménez, esposa de Fermín Penzol, Domingo García-Sabell, Isaac Díaz Pardo e Ramón Piñeiro, cos que sostén longas conversas. Nunca máis regresaría a Galicia. Tras 75 anos de exilio, faleceu na súa casa de México o día 3 de novembro de 2014, os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Ouces o 18 de abril de 2015. Desde aquela descansa ao lado de seu pai.
Bibliografía
Fernández Freixanes, Víctor: «Luisa Viqueira Landa», La Voz de Galicia, (12 de xullo de 2021).
Marco, Aurora: Dicionario de mulleres galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007.
Marco, Aurora: Irmandiñas. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 2020.
Rodríguez Viqueira, Manuel: «Luisa Viqueira Landa. Republicana de honra», A Xanela. Revista Cultural das Mariñas, 29 (primavera de 2010).
Miranda, Ana el al.: «Luisa Viqueira Landa: unha heroína republicana», Cadernos de Estudos Xerais, 6 (abril 2016).
Como citar: Arias Chachero, Patricia : Luisa Viqueira Landa. Publicado o 14/6/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4198. Recuperado o 29/09/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Declaracións de varias exiliadas españolas en México, entre as que podemos ler a entrevista a Luisa Viqueira como secretraria xeneral da UME, 1954
«En el aniversario del pacto Yanki franquista. Así se expresan las mujeres», Mujeres Españolas: boletín de la Unión de Mujeres Antifascitas Españolas en Mexico, IV: 22 (1 de outubro de 1954), 14.
Fonte: Arquivo da autora da biografía
Artigo no voceiro oficial da Unión de Mujeres Españolas (U.M.E.) de México no que podemos ler a opinión de Luisa Viqueira sobre a situación política en España nese momento, 1952
«U. M. E. M. EN», Mujeres Españolas: boletín de la Unión de Mujeres Antifascitas Españolas en Mexico, II: 6 (1 de marzo de 1952), 12.
Fonte: Arquivo da autora da biografía
Documentación da entrada en México de Luisa Viqueira Landa como «asilada política», 6 de agosto de 1939
Registro Nacional de extranjeros en México. Secretaría de Gobernación, Departamento de Migración del Gobierno de México.
Fonte: Copia dixital do Portal de Archivos Españoles (PARES) do Ministerio de Cultura y Deporte.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Paula Chouza en Luzes. Ten como protagonistas a Luisa Viqueira Landa, Concha Concheiro, Carmen Parga Parada e Carmen Viqueira Landa
Chouza, Paula: “A outra cara da historia”, Luzes, n 103 (2022), p. 44-47
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
Victor Fernández Freixanes homenaxea ao exilio galego en México e destaca a figura Luisa Viqueira Landa, gran descoñecida para os e as galegas
F. Freixanes, Víctor: «Luisa Viqueira Landa», La Voz de Galicia, (12 de xullo de 2021)
Fonte: Arquivo da autora da biografía
Artigo de María Obelleiro n'A Nosa Terra sobre o ronsel de X.V. Viqueira a través das súas fillas e o seu fillo
Obelleiro, María: «O legado de Viqueira a través dos seus fillos», A Nosa Terra, 1298 (12 a 20 de febreiro de 2008), 39.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Entradas das irmás Carmen e Luisa Viqueira Landa no Dicionario de mulleres galegas de Aurora Marco
Marco, Aurora: «Viqueira Landa, Carmen» e «Viqueira Landa, Luísa». En Dicionario de mulleres galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007; 467-468.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Luisa Viqueira colaborou co Padroado da Cultura Galega de México e foi secretaria editorial da revista Vieiros. No número 2 da citada revista aparece unha relación dos artigos que sairían publicados no seguinte número que estaba no prelo. Entre eles figuraba un de Luisa Viqueira co título de «Mujeres españolas». Finalmente o artigo non foi publicado e descoñecemos o motivo
Vieiros, 2, (outono de 1962)
Fonte: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega
Entrevista a Luisa Viqueira como delegada da U.M.E. de México na Conferencia Internacional para la Defensa de la Infancia, 1952
«Charla con la delegada de la U.M.E. a la Conferencia de la Infancia», Mujeres Españolas: boletín de la Unión de Mujeres Antifascitas Españolas en Mexico, II: 7 (1 de maio de 1952).
Fonte: Arquivo da autora da biografía
Ligazóns de interese
Luísa Viqueira, e outras familiares vencelladas á Quinta dos Cortón, entre as mulleres republicanas recuperadas por Lola Ferreiro para a revista Areal
Ferreiro Díaz, Lola: <«Republicanas: nin vencidas nin desarmada», Areal: revista cultural de Sada, (14 de abril de 2016)
Fonte: https://areal.gal/2016/04/republicanas-nin-vencindas-nin.html [Consulta: 2022-06-13]
Homenaxe de Cadernos de Estudos Xerais a Luisa Viqueira Landa
Miranda, Ana el al.: «Luisa Viqueira Landa: Unha heroína republicana», Cadernos de Estudos Xerais, 6 (abril 2016).
Fonte: https://drive.google.com/file/d/1lOsgJSeLiDf1fM_fNphOO6a7YVJaSxdf/view [Consulta: 2022-06-09]
Luisa Viqueira Landa no proxecto MáisQuePublicanas. Mulleres na República, de Marta Paz
Fonte: https://maisquepublicanas.wordpress.com/category/obra/ [Consulta: 2022-06-12]
Artigo de Paola Obelleiro en El país sobre Luisa Viqueira Landa
Obelleiro, Paula: «El alma galleguista de México: A Coruña rinde tributo a Luisa Viqueira, hija del filósofo exiliado en América», El País, (16 de abril de 2010)
Fonte: https://blogs.helsinki.fi/literaturaguerracivil2010/tag/luisa-viqueira-landa/ [Consulta: 2022-06-09]
Homenaxe do concello de Bergondo á familia Viqueira
Abelairas, Bea: «Bergondo homenajea a su filósofo», www.lavozdegalicia.es, (19 de marzo de 2010)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2010/03/19/bergondo-homenajea-filosofo/0003_8365488.htm [Consulta: 2022-09-19]
Con motivo do centenario da J.A.E. a Revista galega de educación publica un artigo sobre Xohán V. Viqueira e a súa familia
«Panoraula: Xoán V. Viqueira e o centenario da J.A.E. (1907-2007)», Revista Galega de Educación: publiación de Nova Escola Galega, 39 (2007), 164-167.
Fonte: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/RGE/39%20RGE.pdf [Consulta: 2022-06-13]
A escritora e xornalista Anunchi Bremon trata neste artigo o exilio da familia Viqueira
Bremon, Anunchi: <«Los cuadernos del diálogo: Carmen Viqueira Landa», Los Cuadernos del Norte, 34 (novembro-decembro de 1985), 44-52
Fonte: Cervantes Virtual.
https://cvc.cervantes.es/literatura/cuadernos_del_norte/pdf/34/34_44.pdf [Consulta: 2022-06-09]
Luisa Viqueira Landa na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Lu%C3%ADsa_Viqueira_Landa [2022-06-07]
Entrevista a Manuel Rodríguez Viqueira, fillo de Luisa Viqueira Landa
«Entrevista a Manuel Rodríguez Viqueira», Terra e Tempo, 5 (xaneiro-xuño de 1910), 5-10
Fonte: http://www.terraetempo.gal/media/documentos/TeT_153_154_Entrevista_Manuel_Rodriguez_Viqueira.pdf [Consulta: 2022-06-09]
Entrada biobibliográfica de Xohán Vicente Viqueira no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega
Carmen López-Cortón no Álbum da J.A.E. do Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega
Páxina web do Projeto Jacinta, d'aCentralfolque, sobre Jacinta Landa Vaz
Fonte: https://sites.google.com/view/projetojacinta [Consulta: 2022-09-19]
Videos
Homenaxe do concello de Bergondo á figura de Luisa Viqueira Landa
Fonte: Concello de Bergondo: Bergondo en feminino: Luisa Viqueira Landa (1918-2014) https://www.youtube.com/watch?v=Wyusqpljf9I [consulta: 2022-06-07]